0 Gardados para despois

Unha vaga de incendios queima ducias de hectáreas en pleno temporal en Galicia

Redacción | @prazapublica

Unha vaga de incendios en pleno temporal, a finais de novembro e coas primeiras -pero escasas- chuvias dos últimos días. A seca que leva meses afectando Galicia e os fortes ventos rexistrados este mércores facilitaron a expansión do lume que prendeu nalgunhas zonas pouco afeitas ás lapas como A Mariña. 

Un incendio en Ribadeo queimou arredor de 25 hectáreas e as chuvias axudaron a controlalo a última hora da tarde

Alí, un incendio declarouse ás catro da tarde nos montes de Noceda, en Ribadeo, para estenderse pola parroquia de Devesa e quedar controlado arredor das once da noite logo de queimar unhas 25 hectáreas. Neste foco levan traballado seis axentes, 13 brigadas, oito motobombas e unha
pa, segundo a Xunta de Galicia, ademais de bombeiros comarcais, Garda Civil, Protección Civil e policía local do concello. 

A chuvia, que apareceu sobre as oito da tarde, facilitou que quedase controlado o lume. Con todo, o forte vento complicou e complica os labores de extinción, do mesmo xeito que ocorre noutro incendio rexistrado no concello ourensán do Bolo. Alí, a superficie queimada supera xa as 20 hectáreas segundo a Xunta, afecta a parroquia de Celavente e quedou controlado desde as 5 da madrugada deste xoves. Alí traballan sete axentes, 16 brigadas, oito motobombas e unha pa e a superficie afectada podería ser maior segundo os veciños. 

No concello ourensán do Bolo, as lapas arrasaron tamén máis de 20 hectáreas; houbo outros incendios en Pantón, Xermade e Cerdido

Malia que a Xunta tan só informou destes dous incendios, por superar ambos as 20 hectáreas de superficie queimada, non foron os únicos que se declararon neste mércores en Galicia. As lapas foron importantes tamén en Pantón, na Ribeira Sacra, achegándose á N-120 na zona dos Peares. En Xermade, outro foco quedou controlado pola tarde logo de queimar nove hectáreas de superficie rasa na parroquia de Lousada. En Friol, foron catro as hectáreas ardidas na parroquia de Vilafiz, mentres que no municipio ortegano de Cerdido, queimáronse 2,5 hectáreas de monte arbolado. Foron máis de 50 hectáreas as arrasadas nas últimas horas en Galicia. 

Os ventos do sur e os fortes refachos (de ata 127 km/hora en Cedeira ou 113 en Viveiro) foron claves para a expansión das lapas, apagadas en moitos casos polas chuvias que caeron durante últimas horas da tarde en moitas comarcas galegas. No país, rexistráronse centos de raios, varios voos non puideron aterrar nin en Compostela nin na Coruña eo transporte de ría entre Vigo, Cangas e Moaña foi suspendido. Os servizos de emrexencias atenderon 77 incidencias no que foi o primeiro temporal do outono e que coincidiu con varios incendios a poucos días de entrar no mes de decembro. 

Incendio en Pantón

© @CigAxentes

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.