0 Gardados para despois

O Colexio de Xornalistas chama a loitar contra a violencia machista "desde o interior dos medios"

Redacción | @prazapublica

O Colexio de Xornalista de Galicia denuncia que "a maioría dos xornais, radios e cadeas de televisións, a través das súas informacións, pero tamén da publicidade e da programación, seguen a difundir unha imaxe estereotipada da muller e unha cultura machista que está na base das condutas violentas". E reclama "un tratamento informativo axeitado dos casos de violencia machista", instando a todos os medios a adoptar "dunha vez por todas unha ollada transversal de xénero que achegue igualdade a todas as seccións".

"A maioría dos xornais, radios e cadeas de televisións, a través das súas informacións, pero tamén da publicidade e da programación, seguen a difundir unha imaxe estereotipada da muller e unha cultura machista que está na base das condutas violentas"

A Xunta de Goberno da entidade profesional vén de difundir un comunicado polo 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, que se amosa moi crítico co papel de transmisores e conformadores da ideoloxía machista que seguen desempeñando, en xeral, os medios. "Saber recoñecer a estrutura patriarcal que promulga o supremacismo de xénero –ás veces amparado na condescendencia e o paternalismo– é imprescindible para elaborar unha boa información", destaca o texto, que anima os e as xornalistas a "axudar a comprender os alicerces do machismo", a "esmiuzalos para que a sociedade os visibilice" e, sobre todo, a "evitar reproducilos e difundilos".

Un traballo fundamental que, polo tanto, debe comezar no interior das redaccións, comezando por "identificar os estereotipos sexistas" sobre os que "se sosteñen as estruturas de dominación que están na base da violencia sexista que acabou con case 900 vidas no Estado español nos últimos quince anos". O Colexio de Xornalistas estende o seu chamamento aos poderes públicos "para desenvolver labores de formación en igualdade".

Propón a elaboración dunha "Axenda de Expertas e/ou Rexistro de mulleres líderes en opinión" que contribúa "a facer visible un modelo igualitario de mulleres profesionais, independentes e protagonistas das súas vidas e das súas decisións"

A entidade recomenda crear Comités de Xénero en cada medio, a modo de observatorio, "para promover e vixiar o tratamento non sexista da información, e implementalo dun xeito transversal en todas as seccións". E propón a elaboración dunha "Axenda de Expertas e/ou Rexistro de mulleres líderes en opinión" que contribúa "a facer visible un modelo igualitario de mulleres profesionais, independentes e protagonistas das súas vidas e das súas decisións". "As tertulias, faladoiros e informativos deben desmasculinizarse e non poden parecer nunca máis as reunións dos vellos sanedríns do Antigo Testamento", sinalan. O Colexio anima tamén a "fomentar a paridade nos postos de responsabilidade e tamén por incluír verdadeiras políticas de igualdade nos convenios colectivos".

Xa o pasado ano o CPXG levou a cabo a campaña #NonDifundasMachismo, que consistía na publicación a través de Twitter e Facebook de "titulares, informacións ou imaxes que exemplifiquen distintos estereotipos e comportamentos que continúan a tinxir de sexismo a imaxe das mulleres nos medios de comunicación" para "visibilizar o problema da persistencia de tratamentos machistas nos medios".

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.