0 Gardados para despois

Toda Galicia está xa en alerta pola seca

Redacción | @prazapublica

A Oficina Técnica da Seca constituída na Xunta propuxo este luns estender a alerta por seca aos doce sistemas da demarcación Galicia-Costa. que aínda se atopaban en fase de prealerta. Así, e dado que na conca Miño-Sil esta situación xa se notificou en outubro, actualmente todo o país se atopa atópase en alerta por falta de auga.

A Oficina Técnica da Seca acordou estender a alerta aos 12 sistemas da demarcación Galicia-Costa

Explicouno o director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, tras advertir de que esta situación xa estaba decretada en sete dos 19 sistemas que compoñen esta demarcación, mentres que os demais estaban xa en fase de prealerta desde o pasado xaneiro. Na conca do Miño-Sil, dependente do Ministerio de Agricultura, a alerta xa se fixara hai dous meses

"Non quere dicir que haxa maior risco de desabastecemento, senón que hai que adoptar medidas para protexer a auga que temos", aclarou Rodríguez, que asegurou que se agardan "chuvias de certa entidade" a partir do vindeiro día 10. En todo caso, aclara que é preferible traballar "como se as predicións non se fosen cumprir" para poder "optimizar" a auga dos encoros galegos.

Augas de Galicia agarda "chuvias de certa entidade" a partir do día 10 pero aclara que é preferible traballar coas peores previsións

A tal hora, os ríos  do país acumulan un déficit medio do 80% e, xa que logo, contan cun 80% menos de auga da que adoitan rexistrar na mesma época do ano. 

O vindeiro luns reunirase o comité permanente do consello reitor de Augas de Galicia e nos "próximos días" convocarase a todos os concellos afectados para seguir tomando decisións ante esta situación preocupante. Polo momento, a "medidas pouco habituais" xa tomadas como a de reducir a captación de Ence ou a de transvasar auga do río Verdugo, súmase a redución "ao máximo que permite a lei" o caudal ecolóxico do encoro de Eiras, que abastece Vigo.

Reducirase "ao máximo que permite a lei" o caudal ecolóxico do encoro de Eiras, que abastece Vigo, ante a "incapacidade" do Concello

Malia que foi unha demanda reiterada do concello, que fora denegada pola Xunta, Roberto Rodríguez asegurou que a súa aprobación este mesmo luns non supón "un cambio de criterio" senón unha adaptación á situación existente. Tal e como aclarou, é Vigo a prioridade ao non ter este concello "garantías" de que se poida potabilizar auga para máis de 25 días. 

Así, situou esta medida nun "cambio radical das circunstancias" derivado da "incapacidade" daurbe de garantir a subministración aos seus cidadáns, posto que o encoro está "ao 38%". O director de Augas de Galicia suxeriu que "posiblemente" o Concello tería que ter "investido" máis na potabilizadora nos últimos anos, a fin de evitar agora reducir a cantidade de auga que se deixa pasar ao río.

Trátase, segundo as súas palabras, da" medida máis extrema e máis grave que se pode adoptar medioambientalmente nun río", pero "as persoas van antes que os peixes". Respecto diso, apuntou que o transvasamento de auga do río Verdugo (no que conflúe o Oitavén) xa está acordado e que as obras están declaradas de emerxencia, polo que se poderían contratar xa nesta quincena para a súa execución en tres meses.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.