0 Gardados para despois

O PPdeG reduce a mobilización contra a supresión de áreas sanitarias a "oito que sosteñen unha pancarta"

Redacción | @prazapublica

"Oito que sosteñen unha pancarta non representan unha poboación de 80 mil persoas (...) Esquezámonos deses que están aguantando unha pancarta porque o teñen que facer, porque pertencen todos a un sindicato e teñen que cumprir co seu horario laboral". Deste xeito referiuse Daniel Vega, deputado do PP no Parlamento galego, ás manifestacións e concentracións que dende este verán protestan na Mariña contra a modificación da Lei de Saúde, que elimina as áreas sanitarias da Mariña, Monforte, O Barco e O Salnés. Foi este martes, entrevistado no Galicia por Diante da Radio Galega, onde salientou o "indubidable compromiso" do PP e da Xunta coa Mariña e afirmou que "a nova lei de Saúde blindará o Hospital da Mariña".

Vega rexeitou que se estean a reducir servizos no centro, como veñen denunciando sindicatos e plataformas sociais como a Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña, e afirmou pola contra que no proceso de "remodelación e ampliación" do Hospital da Costa un investimento de 20 millóns de euros levará á "ampliación de servizos" e das súas instalacións.

O deputado popular tivo duras palabras para as persoas que están participando nas mobilizacións convocadas dende hai meses, dos que dixo que "son os mesmos de sempre" e que "pertencen todos a un sindicato e teñen que cumprir co seu horario laboral". "O seu horario laboral parece que é aguantar unha pancarta", engadiu.

Dende o pasado mes de agosto, A Mariña (ao igual que outras comarcas, como Lemos, Valdeorras ou O Salnés) vén mobilizándose contra a supresión da área sanitaria e en demanda de mellores servizos no Hospital da Costa. Leváronse a cabo concentracións, caravanas reivindicativas e varias manifestacións masivas, por exemplo en Burela e Viveiro, nas que participaron milleiros de persoas. O vindeiro 4 de febreiro unha manifestación de ámbito galego protestará en Compostela contra a reforma da Lei de Saúde.

 

Resposta de CIG-Saúde

As declaracións de Daniel Vega na Radio Galega foron respondidas este mércores por CIG-Saúde, que destaca que o parlamentario "recorre ao insulto ante a falta de argumentos que sosteñan a súa postura a favor de suprimir a área sanitaria da Mariña". O sindicato cualifica de "irresponsable" a actitude de Daniel Vega, na que ve "unha fuxida cara adiante" e esíxelle "desculpas inmediatas". 

“Sabemos que el se debe ao PP antes que ás veciñas e aos veciños da Mariña. Vale que prefira manter o seu posto ao prezo que sexa. Pero o que non imos permitir é que lle falte ao respecto así a toda unha comarca que, pacificamente, amosa na rúa o seu rexeitamento aos plans sanitarios do PP. O Señor Vega non remata de entender que a cidadanía sae libremente á rúa desde agosto xa que está a sufrir en primeira persoa os recortes sanitarios, as listas de espera e o aumento das derivacións a Lugo”, afirma Xoán Bouza, delegado de CIG-Saúde na Mariña. “Cando o PP para defender as súas formulacións tes que recorrer a elevar o ton por encima do que é politicamente recomendable, o único que mostra é falta de argumentos para defender as supostas melloras que suporía a desaparición da nosa área sanitaria”, conclúe.

Daniel Vega (PP): "Oito que sosteñen unha pancarta non representan unha poboación de 80 mil persoas (...) Esquezámonos deses que están aguantando unha pancarta porque o teñen que facer, porque pertencen todos a un sindicato e teñen que cumprir co seu horario laboral"

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.