0 Gardados para despois

"Amoreados cun bocadillo e un iogur": a longa espera cotiá dos doentes de cancro no Clínico de Santiago

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Os hospitais de día son, para as persoas en tratamento de cancro, unha vía intermedia entre a hospitalización tradicional e unha mera consulta. Estas instalacións sanitarias están concibidas para, nunha única visita, avaliar o doente coas probas diagnósticas que cumpran, realizar seguimento da evolución da enfermidade e mais administrar tratamentos como a quimioterapia. No caso do Clínico de Santiago (CHUS) este hospital de día foi concibido para atender conxuntamente os pacientes de Oncoloxía e mais de Hematoloxía e, malia ás adaptacións e ampliacións dos últimos anos, a masificación fixo necesaria a separación de ambas seccións, decisión adoptada o pasado ano tras diversas protestas. Algunhas destas medidas están xa en marcha, pero non conseguiron evitar que os pacientes sigan "amoreados", asegura a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS.

A Asociación de Pacientes do CHUS "aprecia as melloras" derivadas da separación de Oncoloxía e Hematoloxía, pero "persisten deficiencias inaceptables" nun espazo no que os doentes oncolóxicos deben pasar varias horas para ser avaliados e recibir tratamento

A propia dinámica do hospital de día fai necesario que as persoas que son atendidas nel permanezan neste espazo varias horas, xa que existen intervalos inevitables como os que transcorren entre a realización dunha proba e a obtención do seu resultado como paso previo á administración da quimioterapia. Este é o motivo que fai especialmente relevantes as condicións de elementos como as cadeiras, de espazos como os corredores ou de equipamentos como as pantallas que informan sobre as quendas. As protestas iniciadas hai dous anos, explica a Asociación, deron lugar a "melloras que apreciamos", pero que non impediron polo momento poñer fin ao amoreamento de pacientes que en moitos casos están afectados por efectos secundarios dos propios tratamentos.

Estas melloras, detalla o colectivo, concretáronse polo momento en "oito asentos para o tratamento separados por mamparas fixas e catro zonas de con padiolas independentes", ambas ligadas á separación de Oncoloxía e Hematoloxía. No entanto, lamentan, "persisten deficiencias inaceptables que nos sitúan por baixo dos estándares fixados polo Ministerio de Sanidade". Así, resaltan, continúa a haber "cadeiras de madeira amoreadas nun espazo reducido polo que resulta complicado transitar" ou "asentos que pola súa dureza non resultan confortables para as persoas que agardan e que están tan pegados que fan difícil moverse sen molestar aos que están ao lado" ou sen atrancar o paso de cadeiras de rodas.

Deficiencias materiais e carencia de persoal

O escaso espazo, detallan, deriva ademais nunha "carencia de privacidade" para os doentes, que moi habitualmente acoden acompañados, e nunha escaseza de asentos "que fai que todos os días haxa persoas de pé" ou trasladadas a asentos que "están de costas á recepción, de maneira que non poden visualizar correctamente" as chamadas para acudir ás consultas ou ás salas de tratamento. A "carencia de perchas" para que os pacientes coloquen a súa roupa mentres agardan ou reciben a quimioterapia ou a ausencia "dun circuíto independente para a entrada e saída" de material sanitario únese ás esperas longas de seu, "de dúas horas ou mesmo máis". Esas demoras teñen causas materais pero tamén, resaltan, de escaseza de persoal.

"O persoal é insuficiente, polo que aínda que poña a mellor intención, non pode ofrecer atención adecuada", di o colectivo, mentres o hospital lembra que prepara unha segunda fase de melloras

"O persoal continúa sendo insuficiente", manteñen, polo que "aínda que poñan a mellor intención, non poden ofrecer aos pacientes unha atención adecuada" e "as persoas que acudimos a recibir tratamentos de quimioterapia continuamos agardando dende a mañá ata última hora da tarde para comezar a nosa sesión". A tardanza prodúcese "sen unha previsión de cando imos ser atendidos", polo que non cabe a posibilidade de marchar e retornar a unha hora determinada. Esa é a razón de que sexa habitual que os pacientes que agardan "recibamos un bocadillo e un iogur" ao mediodía agás no caso de quen ademais dunha doenza oncolóxica padecen diabete.

Todas estas circunstancias, explican, foron as que supuxeron que a asociación se "vise na obriga de facer pública" a situación e a pouca eficacia da "solución habilitada polo Hospital Clínico". Dende a xerencia da área sanitaria infórmase, non obstante, de que tras as melloras xa aplicadas chegará unha segunda ampliación con novos equipamentos. A asociación agarda, no entanto, que non se trate dun "novo xogo malabar para distraer a atención" que perpetúe as carencias na atención cotiá nun servizo que, ao tempo, acumula prestixio internacional grazas aos seus avances na loita contra o cancro con investigacións como o proxecto da biopsia líquida, entre outras, ou o proxecto de creació da primeira unidade mixta de cardio-onco-hematoloxía do país.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.