Nestes concellos está a aumentar a poboación moza

En azul, os lugares nos que aumentou a poboación nova na última década Dominio Público Praza Pública

Este martes o INE daba a coñecer os últimos datos do padrón continuo de poboación, aínda provisionais, correspondentes ao 1 de xaneiro de 2018. Neles, Galicia está a piques de perder o nivel dos 2,7 millóns de habitantes (exactamente 2.700.970), sete mil menos que o ano anterior, e experimentando unha redución constante dende o 2010, cando se rozaran os 2,8 millóns (2.797.653). A escasa chegada de poboación inmigrante e as baixas taxas de natalidade explican este descenso.

Ames, Salceda de Caselas, Barbadás, Rois, Miño e O Porriño son os concellos cunha maior taxa de natalidade

Porén, ao igual que noutros indicadores, hai moitas diferenzas entre unhas e outras zonas de Galicia. Hainas que gañan poboación e outras que a perden. Hai concellos con taxas de natalidade moi superiores á reducida media galega (7.02) e tamén con localidades nas que a poboación moza non só non está descendendo, senón que aumenta. Ames, Salceda de Caselas, Barbadás, Rois, Miño, O Porriño, Meaño, Culleredo, Narón e Santiago de Compostela son os dez concellos galegos cunha maior taxa de natalidade, todos por riba de 9.35 nacementos por cada mil habitantes. Unha listaxe que se parece bastante á das localidades cunha maior proporción de poboación moza, tamén encabezada por Ames, Salceda de Caselas, e na que seguen Ponteareas, Oroso, Barbadás, Culleredo, Soutomaior, Tui, Oleiros, Poio, Gondomar, Ribadumia, O Porriño, Arteixo, Cambre e Brión. 

Ademais de Oleiros, Culleredo ou Arteixo, en Sada (+34%), A Laracha (+27%), Carral (+27%) ou Coirós (+67%) aumenta moi rapidamente a poboación menor de 16 anos 

Pódese mesmo analizar se a poboación menor de 16 anos está aumentando ou descendendo, e en que lugares o está facendo. É este un indicador no que entra en xogo, por suposto, a evolución da natalidade nas últimas dúas décadas, pero tamén de forma moi importante as migracións, externas e internas, ou mesmo os empadroamentos (dende concellos rurais a concellos urbanos ou cabeceiras de comarca) na procura de mellores servizos públicos, sobre todo no ensino.

O mapa resultante debuxa coma sempre dúas Galicias moi diferenciadas: unha que envellece e que perde poboación moza e outra que na última década viu incrementado o número de nenos, nenas e adolescentes no seu padrón. As áreas metropolitanas da Coruña e Vigo están entre as zonas que gañaron máis poboación moza; e non só as dúas urbes principais ou concellos como Oleiros, Culleredo, Arteixo, O Porriño ou Salceda de Caselas, que adoitan figurar nestes indicadores, senón tamén localidades algo máis distantes, como Soutomaior (un 37% máis), Sada (34%), A Laracha (27%), Carral (27%) ou Coirós (un 67% máis de mozos e mozas na última década). E tamén en Cangas ou Moaña. O mesmo sucede en concellos próximos a Compostela, como Ames (un 27% máis), Brion (29%) ou Negreira (un 63% máis de habitantes menores de 16 anos).

Fóra da AP9, destaca o incremento da poboación nova en varios concellos da Mariña Lucense, nomeadamente O Valadouro, Ribadeo ou Foz

Fóra da AP9, destaca o incremento da poboación nova en varios concellos da Mariña Lucense, nomeadamente O Valadouro, Ribadeo ou Foz. E tamén da provincia de Ourense, principalmente próximos á capital provincial, como San Cibrao das Viñas (nunha década pasou de ter 421 habitantes de 16 anos ou menos a ter 727), Maside, O Pereiro de Aguiar, Allariz ou Paderne de Allariz, todos con incrementos roldando ou superando os 30%. Aumenta tamén a poboación nova en Palas de Rei e Outeiro de Rei, próximo á cidade de Lugo. E tamén en Narón ou Ribadumia.

Pola contra, Lobeira, Chandrexa de Queixa ou Montederramo perderon na última década máis do 60% da súa poboación moza. Montederramo pasou de 59 menores de 16 anos a só 13

No outro extremo, a Galicia que envellece máis rapidamente é ben coñecida: unha ampla extensión de superficie rural, sobre todo nas provincias de Ourense e Lugo, e nomeadamente nas súas zonas máis montañosas. Lobeira, Chandrexa de Queixa ou Montederramo perderon na última década máis do 60% da súa poboación moza. Para explicalo mellor abonda unha cifra: en Montederramo habia en 2007 59 habitantes de menos de 16 anos e hoxe hai tan só 13. Semellante é a situación en Navia de Suarna ou Cervantes. E tamén en concellos situados no corazón de Galicia, como Portomarín, Samos, Trabada ou Paradela.

Chama a atención a importante perda de poboación moza na Costa da Morte

Porén, tamén algunhas comarcas coruñesas ou pontevedresas están a ver reducida moi rapidamente a súa poboación moza: Dozón perdeu en dez anos máis da metade (de pasou 120 a 56). E o mesmo sucede en Forcarei, Agolada ou Fornelos de Montes. E en Sobrado, Santiso, Boimorto e Toques. Chama a atención, finalmente, a importante perda de poboación moza na Costa da Morte, onde practicamente todos os concellos perderon ao redor dun 30% de habitantes menores de 16 anos en tan só unha década: Mazaricos (-40%), Dumbría (-32%), Malpica (-31%), Muxía (-29%), Zas (-28%), Cabana de Bergantiños (-28%) ou Corcubión (-28%).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.