0 Gardados para despois

Un novo conflito laboral no Álvaro Cunqueiro amosa as carencias de persoal do hospital

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Dende que foi inaugurado en 2015, o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo motivou numerosas protestas, tanto por parte dos e das profesionais coma dos usuarios e usuarias e da cidadanía en xeral. O centro, que naceu no medio da polémica pola fórmula público-privada escollida para a súa construción que supuxo un gran custe engadido e a redución de camas e servizos, foi criticado polas deficiencias na atención, pola xestión da súa Xerencia e polo trato dado aos seus traballadores e traballadoras, levando a mobilizacións frecuentes do persoal sanitario e doutros colectivos.

A solución da Xerencia para finalizar coa protesta do persoal de limpeza foi trasladar o problema a outro lugar, cargando con novas funcións ao persoal auxiliar de enfermería 

O pasado mes de febreiro foi o persoal de limpeza o que denunciou o "deficit" no cadro de persoal, que provocaba unha sobrecarga de traballo e tamén que parte das instalacións non puidesen ser limpadas coa frecuencia necesaria. Criticaba tamén o "incumprimento" no seu convenio e acusaban á dirección do centro de asignarlles tarefas que non lles correspondían como por exemplo o traslado das bolsas de roupa sucia da porta das habitacións aos puntos de recollida, unha función non recollida no prego de condicións da concesión da limpeza. A solución que nese momento ideou a Xerencia do hospital para finalizar con esta protesta foi traspasar esta e outras funcións ao persoal auxiliar de enfermería (TCAE). É dicir, en lugar de contratar máis persoal, optouse por trasladar o problema a outro lugar e outro colectivo, como unha manta curta que se tenta estirar polos seus dous extremos. Unha mostra máis das limitacións que presenta o novo hospital de Vigo, inaugurado hai tres anos cun enorme investimento público e presentado pola Xunta como un centro modélico e a solución aos problemas sanitarios da maior cidade de Galicia.

O persoal de TCAE respondeu que a súa función é recoller a roupa e introducila nas bolsas, pero non trasladala (deben ser depositadas en puntos afastados), pois esta tarefa non figura nos seus estatutos e, polo tanto, réstalles tempo de traballo de atención aos e ás pacientes, pois é un colectivo especialmente sobrecargado, nunha área que necesitaría da contratación de máis persoal. “O persoal de limpeza protestou e fixo moi ben en facelo. Pero o colectivo de auxiliares temos unhas funcións moi determinadas especificadas nuns estatutos: o coidado do paciente, o seu aseo, temos a obriga de recoller os ocos dos pacientes..., no trasladar estas bolsas”, explica Miriam Costas, unha das traballadoras. Dende os sindicatos tamén se critica á Xerencia do centro e ao Sergas por unha mala redacción do prego de condicións do servizo de limpeza.

A pasada semana as auxiliares de enfermería (ao redor de 450) iniciaron protestas, negándose a trasladar a roupa sucia ata os puntos de recollida

Ao igual que xa fixeran as traballadoras da limpeza, as auxiliares de enfermería (ao redor de 450) iniciaron protestas a pasada semana, negándose a trasladar a roupa sucia ata os puntos de recollida, de xeito que as bolsas comezaron a acumularse nos corredores do hospital. A reacción da Xerencia foi ameazar as traballadoras con sancións disciplinarias e a apertura de expedientes, acusándoas de provocar "unha grave alteración das condicións hixiénico-sanitarias para os pacientes, con riscos para a súa saúde". En total, abríronse ao redor de 150 expedientes. 

"Somos persoal de enfermería, a nosa función é asistencial. Se nos obrigan a levar as bolsas dun lado ao outro estaremos precisamente desatendendo os pacientes", di Miriam Costas

"Eu non sei quen ten que facer este traballo, pero dende logo non é a nosa función. Somos persoal de enfermería, a nosa función é asistencial. Se nos obrigan a levar as bolsas dun lado ao outro estaremos precisamente desatendendo os pacientes", di Miriam Costas, que subliña que "o último que queremos é que este conflito prexudique os pacientes. É a Xerencia a que está primando o aforro sobre a atención ao paciente". "Cal é o fondo do problema? Que a concesionaria non quere contratar máis persoal e polo tanto opta por cargarnos a nós cun traballo que non nos corresponde. E precisamente escolleunos a nós porque somos un colectivo que nunca protesta", sinala. "Pero chega un momento no que o vaso reborda. E dixemos: ata aquí", engade.

"Cal é o fondo do problema? Que a concesionaria non quere contratar máis persoal e polo tanto opta por cargarnos a nós cun traballo que non nos corresponde"

O persoal TCAE está a realizar asembleas e neste momento realiza consultas cun avogado para presentar unha querela administrativa ante a Xerencia do hospital e unha denuncia ante Inspección. Con todo, recoñecen a dificultade de manter un conflito coa dirección, polos prexuízos que lles poden provocar os expedientes abertos: "unha parte somos persoal estatutario, pero a maioría están contratadas, e cun expediente aberto non poderían presentarse ás oposicións e figurar en listas de contratación", subliña Costas, que denuncia un acoso laboral crecente. Nos últimos días as TCAE accederon temporalmente a trasladar as bolsas ata os puntos de recollida, para evitar sancións.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.