0 Gardados para despois

O feminismo volve saír á rúa esixindo medidas concretas contra a violencia de xénero

Redacción | @prazapublica

O feminismo segue nas rúas. O ciclo de mobilizacións que o pasado 8 de marzo amosou a súa forza continúa este mércores cunha nova convocatoria. Faino con reivindicacións moi concretas e a esixencia ao Goberno central e á Xunta que adopten medidas efectivas contra a violencia de xénero, que as boas palabras se convertan en feitos e que o Pacto de Estado asinado en setembro do pasado ano deixe de ser papel mollado. "Sabemos o que é o PP. Sen unha mobilización constante, o PP non vai defender medidas as medidas que estamos esixindo. Só loitando todos os días imos conseguir cambios reais", dicía o 9 de marzo a viguesa Luísa Ocampo (PFG). Están convocadas de momento 14 concentracións en Galicia: Vigo, A Coruña, Compostela, Ourense, Pontevedra, Ames, Vilagarcía, Cangas, Noia, Lalín, Ribeira, Carballo, Sarria e O Barco, que incidirán na necesidade de dotar de financiamento ás medidas prometidas naquel Pacto de Estado.

Denuncian que oito meses despois da súa aprobación, os compromisos que deben garantir o cumprimento do Pacto de Estado "non se cumpriron"

En toda España máis de 300 asociacións e colectivos feministas esixiranlle ao Goberno central "que demostre o seu compromiso fronte á violencia machista". Denuncian que oito meses despois da súa aprobación, os compromisos que deben garantir o cumprimento do Pacto de Estado "non se cumpriron". Por exemplo, subliñan que o Executivo non presentou os proxectos de lei para acometer as modificacións lexislativas previstas, entre as cales figura a reforma da lei de racionalización e sustentabilidade da Administración local recollida na medida 61.

Destacan que tampouco incluíu no proxecto de Orzamentos Xerais do Estado de 2018 o compromiso económico reflectido no Pacto para garantir "a estabilidade e cualificación dos persoais que prestan servizos de atención á violencia machista", uns 200 millóns de euros. Así mesmo, solicítase o establecemento dun acordo sobre estándares mínimos para a atención integral municipal ás vítimas das diferentes manifestacións da violencia machista, que leve aparellado un estudo de custos por poboación de cara á súa efectiva implantación, co fin de garantir unha resposta adecuada a todas as vítimas de violencia machista con independencia do seu lugar de residencia.

Pídese a creación de xulgados específicos en todas as cidades, a gravación de declaracións para que as mulleres non teñan que ir continuamente a declarar aos xulgados ou que estas non teñan que agardar para facelo na mesma sala que o seu agresor

As concentracións tamén lle reclamarán á Xunta este mesmo compromiso contra a violencia de xénero. "Ante o compromiso de facer campañas contra a violencia machista destinadas a homes e nenos, o 25N, a Xunta agasallounos coa exaltación da muller, seica somos un produto de festa gastronómica. A necesidade de coeducación e a prevención no eido educativo respóndese con Plans Proxecta con cero euros de orzamento" afirman. Esíxese que o Goberno galego lle dedique o 1% do seu orzamento á loita contra a violencia machista, uns 90 millóns de euros anuais e que se aplique a Lei Galega de Violencia de Xénero.

Tamén se demandan medidas como a creación de xulgados específicos en todas as cidades, a gravación de declaracións para que as mulleres non teñan que ir continuamente a declarar aos xulgados ou que estas non teñan que agardar para facelo na mesma sala que o seu agresor. Tamén reclaman un aumento do número de xulgados de Violencia de Xénero e que estes sexan dotados de persoal suficiente e con formación específica en xénero.

Os gobernos do PP "adoecen de falta de vontade política" para loitar contra a violencia machista xa que "sen orzamentos non hai compromiso", sinalan

As feministas afirman que os gobernos do PP "adoecen de falta de vontade política" para loitar contra a violencia machista xa que "sen orzamentos non hai compromiso". "Lexíslase sobre violencia de xénero, asínanse Convenios Internacionais contra a Violencia de Xénero como o de Istambul que se incumpren sistematicamente. Acórdanse Pactos de estado contra a Violencia de Xénero para sacar a foto mais despois esmorecen por falta de recursos". 

 

Convocatorias feministas 16 de maio

Ames: Praza da Mahía, 19h
Compostela: Praza 8 de marzo, 20h
Vigo: Cruce de Vía Norte, 20h
Pontevedra: Praza da Peregrina, 20h
Vilagarcía: Praza da Constitución, 20h
A Coruña: Obelisco, 20h
Marín: Concello, 20:30h
Cangas: Concello, 20:30h
Noia: Concello, 21h
Lalín: Praza da Igrexa, 20:30h
Ribeira: Diante do Concello, 20h
Sarria: Praza do Concello, 20:30h
Ourense: Subdelegación do Goberno, 20:00h
O Barco: Praza do Concello, 20h
Carballo: Concello, 20h

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.