Alertan de que a vespa do castiñeiro pode acabar con soutos centenarios no Courel

Souto de castiñeiros en Folgoso do Courel CC-BY-SA dr_zoidberg

Caurel Vivo alerta de que en Folgoso do Courel estase a expandir "de maneira preocupante" a Vispa do Castiñeiro (Dryocosmus kuriphilus) unha praga que como indica o seu nome afecta a esta especie, de tanta importancia económica, paisaxística e ambiental naquela comarca. A formación vén de realizar unha petición urxente á Conselleria de Medio Rural para que actúe de forma inmediata ante esta ameaza. Sinala que "non se esta a facer un labor de campo, de identificación e de solta do Torymus Sinensis" (depredador capaz de facer fronte á vispa). "Non se está a facer solta suficiente, en parte pola falla de coordinación entre a Direccion Xeral de Montes e o Ministerio, os dous en mans do PP)". subliña Óscar Carrete, voceiro de Caurel Vivo.

A formación solicita "que o Ministerio deixe importar desde Italia maiores cantidades deste insecto que combate bioloxicamente a praga" e que a Xunta "faga un traballo máis de campo e os seus técnicos pisen onde está o problema e vexan por eles mesmos a súa dimensión".

Caurel Vivo lembra que en Folgoso "temos un souto incorporado no Catálogo de Árbores Senlleiras", que está a sufrir xa este problema. Subliña ademais que os soutos "supoñen un dos principais ingresos para a nosa veciñanza, sendo a principal ingreso para moitas familias, que verán moi reducida a colleita, durante estes anos e os posteriores". Así mesmo, fai fincapé en que "contamos con arbores centenarias que corren o grave risco de desaparecer se non se fai máis polo control da praga".

A formación conclúe que "o Courel non pode agardar a que chegue de forma natural o depredador da vispa, polo que solicitamos todos os medios dos que dispoña a Consellería", destacando que "os castiñeiros na nosa zona deberían ter especial protección dada a importancia económica e biolóxica da zona e a historia da castaña como alimento en tempos moi difíciles".

O Ministerio de Medio Ambiente detectara xa o pasado ano a vispa do castiñeiro en 25.000 puntos de todo o Estado. Dende Cataluña a praga estendeuse a Andalucía, País Vasco, Cantabria, Asturias, Galicia, Castela-León, Estremadura e Madrid. En Italia a vispa acabou co 7,5% dos castiñeiros do país, o que levou ás autoridades a adoptar medidas decididas de control. Galicia iniciou unha experiencia piloto co Torymus Sinensis orzamentada en 180.000 euros. Porén, no mellor dos casos, a Torymus Sinensis necesitaría sete anos para rematar de forma efectiva coa vispa do castiñeiro e a extensión do seu depredador debería ser moito máis contundente. Outra forma de acabar coa praga sería confiar en que a vispa sexa ataca por depredadores autóctonos, sen necesidade de introducir estoutra nova especie. A vispa do castiñeiro non só preocupa no Courel, senón que noutras comarcas de toda Galicia foi xa rexistrada a súa presenza dende o ano 2014, dende Lugo á Coruña.

 

C@urel Vivo alerta dos efectos da vispa do castiñeiro © C@urel Vivo
Vispa do castiñeiro © El Diario

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.