A Xunta deixa sen efecto os servizos mínimos da folga da Xustiza

Persoal da xustiza en folga, ás portas do Teatro Principal de Pontevedra Dominio Público Imaxe difundida polo Comité de Folga

A Xunta deixa sen efecto os servizos mínimos da folga de Xustiza e dá por rematado o paro, que foi suspendido pero non desconvocado oficialmente polos sindicatos. Nunha orde que publica este luns o Diario Oficial de Galicia (DOG) e que vén asinada o pasado venres polo vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, o Goberno cre que xa "non é precisa a fixación dun mínimo de actividade para asegurar o mantemento dos servizos esenciais nin, polo tanto, fixar un mínimo de persoal necesario para a súa prestación".

A Xunta xustifica a decisión na "interrupción da folga indefinica" e no "masivo reinicio da actividade laboral"

O Executivo xustifíca esta fin dos servizos mínimos "tendo en conta a interrupción da folga indefinida anunciada polo comité de folga e o masivo reinicio da actividade laboral por parte dos traballadores" e deixa así sen efecto a orde establecida o pasado 5 de febreiro, dous días antes do inicio dun paro que suma máis de cen días. 

Con esta medida, a Xunta dá por finalizado o conflito que provocou a suspensión duns 20.000 xuízos e que ten adiado milleiros de trámites. Convocada polos sete sindicatos con representación no sector (SPJ-USO, AX-CUT, UGT, CSIF, STAJ, CIG e CCOO), a folga mantense oficialmente convocada pero suspendida, áinda que o sindicato maioritario, SPJ-USO, así como UGT e CCOO xa se adheriron á última oferta da Administración presentada na mesa sectorial convocada a pasada semana e teñen certificado xa o abandono do comité de folga e, xa que logo, a desconvocatoria deste paro.

USO asegurou no escrito enviado este luns que se "desligaba" da convocatoria de folga e do comité que exercía como representació dos traballadors durante o paro. 

O sindicato maioritario, SPJ-USO, así como UGT e CCOO adheríronse á ultima oferta da Administración

A folga, na realidade, xa non é tal, ao reducirse o seu seguimento a un 3,8%, tal e como lembra a Xunta neste escrito no DOG, no que tamén advirte de que a "interrupción" declarada foi "interpretada por varios dos sindicatos como o reinicio da actividade". 

A proposta agora aceptada por SPJ-USO, UGT e CCOO é a mesma que o persoal da Administración de Xustiza en Galicia rexeitou na votación do pasado 27 de abril. Supón un incremento salarial de 140 euros máis ao mes para os médicos forenses, 135 para os xestores, 127 para o corpo de tramitación e 122 para auxilios, a aplicar en tres anualidades. Os funcionarios percibirán o 50% desta suba neste exercicio en canto se valide o acordo, o 30% en 2019, e o outro 20% en 2020.

Tamén contempla un plan de recuperación do traballo paralizado polas xornadas de folga que se elaboraría co TSXG e coa Fiscalía e ao que se poderían adherir todos os traballadores do sector de forma voluntaria, secundasen ou non o paro. Ademais, inclúe unha cláusula de revisión para manter os emolumentos de por enriba da media das outras 12 comunidades máis o territorio Ministerio.

Con todo, desde CUT, STAJ e CIG advirten de que a negociación na mesa sectorial non é a legal mentres a folga siga convocada, non dan por pechado o conflito e xa teñen consultado aos seus servizos xurídicos a posibilidade de emprender algunha acción legal. CSIF, pola súa banda, insistía ata este venres na mediación como mellor xeito de pór fin ao paro e asegura que non tomará unha decisión sobre o proceder no futuro ata que o resto de centrais se posicionen sobre a súa devandita oferta de mediación, para o que deu de prazo ata este martes ás 13 horas. 

Os catro sindicatos que aínda quedan no comité de folga estudarán medidas contra a supresión dos servizos mínimos,, contra a mesa sectorial "ilegal" e a sinatura do acordo polas outras tres centrais

Ante a situación actual, estes catro sindicatos que aínda integran o comité de folga convocaron "de urxencia" este órgano para este martes ás 12 do mediodía na sede da CIG en Santiago. Alí, segundo aclaran nun comunicado, valorarán o abandono deste comité por parte das otras catro centrais e da interposición da solicitude de mediación. Ademais, anuncian que estudarán medidas contra a orde pola que quedan sen efecto os servizos mínimos, así como "próximas medidas contra a convocatoria da mesa sectorial ilegal e a sinatura do acordo por aprte de tres sindicatos que non teñen maioría do comité de folga". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.