O BNG denuncia o "adoutrinamento" dos 1.200 escolares que visitaron a Escola Naval de Marín

Algúns dos nenos e nenas, coa alcaldesa de Marín e un dos militares a cargo da Escola Naval © Concello de Marín

O pasado venres 1.262 nenos e nenas de cinco colexios de Marín e Pontevedra (Inmaculada, San Narciso, Carballal, Sequelo, A Laxe e Salvador Moreno) visitaron a Escola Naval de Marín como parte das celebracións do 75 aniversario destas instalacións militares. Os escolares foron recibidos polas autoridades do recinto e polo almirante xefe de Estado Maior da Armada, Teodoro Estebán López Calderón, que presidiu os actos.

Nenos e nenas participaron nunha carreira non competitiva, denominada Botón de Ancla, que partiu da Alameda de Marín e finalizou no interior da Escola Naval. E, ademais, as autoridades do recinto organizaron para eles e elas outras actividades. O BNG denuncia que entre elas houbo "actividades de coñecemento e manexo de armas de grande calibre", como quedou reflectido nas imaxes publicadas por varios xornais impresos. O Bloque considera que "a participación de escolares en actos de exaltación militar e castrense é absolutamente contraria aos valores que debe transmitir a escola". E denuncia que, ademais, "constitúe un acto de manipulación e adoutrinamento de nenos e nenas que resulta ofensivo nun estado que se di democrático".

A formación presentou a través do seu deputado Luís Bará unha pregunta parlamentaria na que interroga a Xunta se "autorizou" a participación de centros escolares de Marín e Pontevedra "en actividades de exaltación militar e castrense". Así mesmo, pregunta se "comparte o goberno galego a participación de nenos e nenas en actividades de coñecemento e manexo de armas" e se a Xunta "considera" que estas actividades "supoñen a manipulación e adoutrinamento dos nenos e nenas".

Os actos de conmemoración do 75 aniversario da Escola Militar Naval completáronse o sábado cunha cerimonia á que asistiu o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda. Nese acto a alcaldesa de Marín, María Ramallo, entregoulle ao comandante-director da Escola, José Maria Nuñez Torrente, unha nova bandeira de España, que a partir de agora presidirá os actos oficiais da Armada. A Escola cualificou a doazón de "histórica", pois a enseña substitúe á que viña utilizándose dende hai 35 anos. "Hoxe teño o honor de entregar esta bandeira, símbolo que nos une e paraugas no que nos cobixamos", destacou a rexedora. O pasado 25 de maio a Escola acolleu unha xura civil de bandeira, na que participou un grupo de veciños da zona.

 

Os nenos e nenas participantes nas actividades, entrando na Escola Naval © Concello de Marín
Os nenos e nenas, no interior da Escola Naval Militar © Escuela Naval Militar
Xura civil de bandeira, reaizada hai dúas semanas © Escuela Naval Militar

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.