Piden salvar as 128 árbores que desaparecerían coa reforma da Gran Vía de Vigo

Aspecto actual da Gran Vía, en Vigo © Salvemos la Gran Vía

O proxecto de transformación da Gran Vía viguesa entre o cruce con Urzaiz e a Praza de España proposto polo Concello de Vigo inclúe a desaparición das 128 árbores existentes dende hai décadas nese treito. No proxecto inicial das obras, que instalarán unhas escaleiras mecánicas para salvar a pendente existente en todo o percorrido, tamén ía ser trasladada a estatua dos Redeiros obra de Ramón Conde. Porén, un informe desfavorable da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta -sobre todo polo impacto que provocaría en determinados edificios protexidos- adiará de momento os cambios no primeiro treito da Gran Vía, onde se sitúa a icónica escultura.

O proxecto leva meses espertando unha oposición crecente en varios colectivos, que lanzaron a plataforma Salvemos a Gran VíaUnha das maiores críticas desta plataforma refírese á eliminación das 128 árbores, que ocupan as beiras e tamén o espazo central da actual avenida. O proxecto prevé que os 41 castiñeiros das Indias e os 13 tileiros serán tallados, mentres que os 45 camelias e as 29 laranxeiras, alegando o Concello o mal estado destas árbores, algo que nega a veciñanza crítica con esta medida. A plataforma sinala que o seu obxectivo é "a defensa da cidade de Vigo e do seu patrimonio urbanístico e escultórico" e tamén traballar "para evitar a incesante talla indiscriminada de árbores que se está levando a cabo nos últimos anos". Destacan os múltiples beneficios que as árbores teñen para unha avenida coma a Gran Vía, reducindo a contaminación xerada polos vehículos e tamén o ruído do tráfico, así como refrescando a rúa no verán, ademais do innegable beneficio estético na zona, beneficiando o comercio local e incrementando o valor das propiedades. 

Critícase tamén a proxectada instalación de escaleiras mecánicas nun treito duns 650 metros. As razóns do rexeitamento son varias: dende o seu elevado custo inicial, de mantemento e consumo eléctrico, sinalándose que o investimento tería máis utilidade noutras accións de políticas sociais. Tamén por unha razón estética, pois as escaleiras modificarán completamente o aspecto do actual bulevard. Igualmente, sinálase o prexuízo que as rampas mecánicas -que ocuparían o actual espazo central da avenida- terían para o importante comercio local que ocupa as dúas beiras da Gran Vía. Como alternativa para as persoas que na actualidade teñen máis problemas para salvar o importante desnivel da avenida (37 metros), proponse a posta en marcha dun autobús gratuíto que de forma continua realice o traxecto dende Urzaiz ata a Praza de América.

Amigos da Terra realizou un estudo sobre o impacto medioambiental que tería a posta en marcha destas escaleiras mecánicas, calculando un consumo eléctrico de 90.000 Kwh anuais e unhas emisións totais de 30 toneladas de CO2 ao ano.

Rexéitase así mesmo, a retirada da estatua dos Redeiros, sinalándose que "é xa tan nosa como o Sireno de Porta do Sol. Respectemos o que ben está. Vigo ten identidade propia e orgullo, esta escultura represéntanos. Unha bela alegoría dedicada ao esforzo dos nosos homes do mar merece lugar preferente. O que xa ten". "En aras dunha malentendida modernidade xa perdemos os tranvías, edificios emblemáticos e fantásticas vistas á nosa ria. Non perdamos tamén esta beleza", engade a petición. Nos últimos meses convocáronse xa varias concentracións no lugar, o 14 de abril e o pasado xoves 31 de maio, nas que participou un pequeno grupo de veciños e veciñas.

Na última semana o Goberno local anunciou a inmediata licitación da primeira fase das obras, no treito comprendido entre as rúas María Berdiales e Venezuela e unicamente na parte central da avenida, cun investimento de 5,4 millóns de euros. O obxectivo é que os traballos comecen en tres meses e rematen na primavera do 2019. O proxecto total incluía un gasto de case 9 millóns de euros. De momento, a estatua dos Redeiros está a salvo, pero non así a maior parte das árbores, que si serán eliminadas. Tamén se mantén intacto o plan para a instalación das escaleiras mecánicas.

 

Aspecto actual da Gran Vía, en Vigo © Salvemos la Gran Vía
Concentración da plataforma, hai unhas semanas © Salvemos la Gran Vía
Protesta da plataforma, hai unhas semanas © Salvemos la Gran Vía
Aspecto actual da Gran Vía, en Vigo © Salvemos la Gran Vía

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.