Unha ducia de pacientes de Oncoloxía do CHUVI quedan sen TAC pola negativa de Galaria a realizar as probas

Instalacións do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo © Sergas

Doce pacientes de Oncoloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo (CHUVI) que foran citados este martes para a realización de TAC tiveron que marchar ás súas casas sen poder levar a cabo os escáneres por mor da negativa da empresa pública Galaria a realizar as probas. Outras dúas persoas conseguiron completar os TAC previstos grazas á intervención dunha radióloga do CHUVI que quedara con algúns ocos na súa axenda. A explicación oficial ofrecida polo SERGAS é que se tratou dunha "confusión" do profesional encargado de realizar as probas. Porén, os sindicatos médicos subliñan que se trata dun problema estrutural, motivado pola non integración de Galaria na estrutura sanitaria da área viguesa.

Galaria é unha empresa pública de xestión de alta tecnoloxía médica, froito da reconversión no ano 2008 da antiga Medtec, creada en 1996 como unha sociedade anónima de capital público e sinalada como unha das punta de lanza da privatización sanitaria en Galicia. En decembro do pasado ano a ex conselleira de Sanidade Rocío Mosquera foi colocada a dedo á fronte de Galaria. Dende hai anos Galaria é a encargada da realización de resonancias magnéticas da área sanitaria de Vigo. No ano 2016 a Consellería de Sanidade (con Jesús Vázquez Almuiña á fronte) decidiu a integración funcional da resonancia de Galaria no servizo de radioloxía do CHUVI, algo que nese momento foi moi criticado pola CIG, que acusou o SERGAS de “reinventar as súas fórmulas de xestión co obxectivo de manter estes chiringuitos e aos seus acólitos con contratos de alta dirección”.

Esta integración funcional ía permitir que por primeira vez os servizos de radioloxía da área sanitaria de Vigo puidesen facer resonancias magnéticas (antes as probas eran realizadas en exclusiva por Galaria) e, a cambio, Galaria levaría cabo TACs ou ecografías, unhas tarefas para as que se permitiu contratar a dous radiólogos adicionais. Porén, este martes a empresa negouse a asumir exploracións que non fosen resonancias magnéticas.

CIG-Saúde esixe a completa integración da resonancia magnética "máxime cando o propio Xerente do SERGAS ten recoñecido que os equipamentos que utiliza Galaria son propiedade do SERGAS e as probas diagnosticas quen as fai é persoal estatutario"

CIG-Saúde esixe a completa integración (máis aló da actual "integración funcional") da resonancia magnética, xestionada por Galaria, na Estrutura de Xestión Integrada (EOXI) de Vigo "máxime cando o propio Xerente do SERGAS ten recoñecido que os equipamentos que utiliza Galaria son propiedade do SERGAS e as probas diagnosticas quen as fai é persoal estatutario". O sindicato salienta que "a integración funcional posta en marcha no ano 2016 non está a permitir unha verdadeira integración da labor asistencial" e que "as consecuencias desta falta de integración comezan a afectar, dun xeito pouco tolerable, ás persoas citadas para realizar determinadas exploracións radiolóxicas", subliña Manolo Moreira, secretario comarcal de CIG-Saúde en Vigo.

Na área sanitaria de Vigo realízanse o dobre de resonancias magnéticas que na Coruña ou Compostela, contando con hospitais de tamaño semellante, cobrando Galaria uns 120 euros por proba

O sindicato denuncia que a actual situación ("a non integración real") consolida a permanencia do modelo organizativo e retributivo de Galaria, no que se paga por informes radiolóxicos efectuados en oposición ao modelo de prestación da sanidade pública, guiado polo interese público". Lembra que na área sanitaria de Vigo se realizan o dobre de resonancias magnéticas que na Coruña ou Compostela, contando con hospitais de tamaño semellante. Esta situación xa fora denunciada hai anos polo Consello de Contas que analizando os datos de 2012 alertaba de "desproporcionadas diferenzas" entre Vigo e o resto de Galicia na realización destas probas. As diferenzas mantivéronse en cifras equivalentes nos anos seguintes. Por cada resonancia o CHUVI págalle a Galaria unha tarifa media duns 120 euros, o que supón un pagamento anual de máis de 3 millóns de euros

CIG-Saúde esixe que o SERGAS "faga valer que Galaria é un medio creado pola propia administración e que debería estar ao seu servizo

CIG-Saúde esixe que o SERGAS "faga valer que Galaria é un medio creado pola propia administración e que debería estar ao seu servizo, e a súa existencia non é un fin en si mesmo, senón que debería estar condicionada á función que desempeña". Ademais, lembra a escasa efectividade de organizar os servizos de diagnóstico por sistema e reclama que as e os profesionais teñan (como sucede noutros lugares) "a posibilidade de aplicar diferentes técnicas diagnósticas sobre o mesmo paciente e poder facer un informe integrado que achegue máis valor para o diagnóstico".

 

Meses de denuncias

O sindicato leva meses denunciando a actual situación e alertando dos efectos prexudiciais para os e as pacientes que podía ter a negativa de Galaria a realizar TACs e ecografías. De igual xeito, o pasado 5 de abril a maior parte dos e das profesionais do servizo de Radioloxía da área sanitaria viguesa asinaron un escrito no que pedían "a integración real e completa dos profesionais de Galaria, feito que ata agora non sucedeu" e alertaban da realización de resonancias magnéticas excesivas por parte da empresa.

O sindicato alerta dende hai meses dunha operación para integrar o servizo de radioloxía nunha superestrutura na que o modelo organizativo será o de Galaria

CIG-Saúde alertaba ademais das negociacións que mantiñan a Xerencia e a Dirección de Galaria para activar a Área de Servizo Compartido de Diagnóstico por Imaxe (que xa estaba creada pero que non fora desenvolvida). O obxectivo desta operación sería integrar o servizo de radioloxía nunha superestrutura na que o modelo organizativo será o de Galaria, aínda que formalmente á súa fronte continuase o Xefe de Servizo de Radioloxía da EOXI de Vigo.

A manobra, denunciaba o sindicato, consolidaba o modelo retributivo de Galaria, no que se paga por informes radiolóxicos efectuados, e establecendo uns contidos mínimos do traballo a realizar durante a xornada ordinaria por cada facultativo, remunerando a un custo estándar unicamente a actividade que excede á pactada como ordinaria. Para CIG-Saúde isto suporía "un cambio de modelo cara a un funcionamento equivalente a un servizo privatizado" e o conxunto do documento implicaría "a privatización do Servizo de Radioloxía da EOXI de Vigo porque supón extrapolar o modelo de Galaria a todo o Servizo de Radioloxía".

 

Rocío Mosquera na súa toma de posesión como conselleira de Sanidade en 2012 Dominio Público Xunta de Galicia
Un dos aparellos de resonancia magnética cos que conta o CHUVI, na súa instalación en 2015 © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.