A Mariña homenaxea os guerrilleiros Luís Trigo e Antonia Pérez no 70 aniversario do seu asasinato

Enterro laico en Mondoñedo en 1936. Trala bandeira, Luis Trigo 'O Garadarríos' é o primeiro pola esquerda © Comisión popular pro homenaxe

O 25 de xuño de 1948 foron asasinados en Vilanova de Lourenzá os guerrilleiros Luís Trigo “Gardarríos” e Antonia Pérez

O 25 de xuño de 1948 foron asasinados en Vilanova de Lourenzá os guerrilleiros Luís Trigo “Gardarríos” e Antonia Pérez. Trigo, tamén coñecido como "O Chao" e nacido en Ourol, fora presidente da Agrupación Socialista de Mondoñedo e dende o ano 1939 levou a cabo numerosas accións, moitas delas acompañado da súa compañeira, Antonia Díaz Pérez, natural de Ribadeo. O vindeiro sábado 23 de xuño ambos os dous serán homenaxeados en Mondoñedo e Lourenzá, xusto cando están a piques de facer 70 anos da súa morte, nuns actos que tamén contan coa colaboración do Concello de Ribadeo.

O programa de actos comezará cunha mesa redonda titulada “Luís Trigo, a loita dun rebelde”, ás 12 horas no auditorio municipal de Mondoñedo. Participarán Antonio Reigosa, Cronista Oficial de Mondoñedo; Odette Martínez, investigadora do Centro da Memoria da Universidade de Montpellier; Xosé Ramón Ermida, estudoso do período republicano na zona; Bernardo Máiz Vázquez, investigador da guerrilla antifranquista en Galicia; Carlos Nuevo Cal, especialista da guerrilla na Mariña; e Francisco Martínez “Quico”, un dos últimos guerrilleiros antifranquistas galegos vivo.

Ás 17:30 no cemiterio de Vilanova de Lourenzá (onde foron enterrados Luís Trigo Chao e Antonia Díaz Pérez, nun baldío) erguerase un monólito en lembranza de ambos os dous. No acto tomaran a palabra Xosé Luís Fernández Rivera, en representación da comisión organizadora, Francisco Martínez “Quico”, compañeiro de loita de Luís Trigo e Antonia Díaz, e Fernanda Cedrón, neta de Luís Trigo. O monólito será financiado por unha subscrición popular coa que aínda se pode colaborar a partir de cinco euros. A homenaxe rematará cun recital poético musical en lembranza de Luís Trigo e Antonia Díaz que se celebrará no propio cemiterio de Lourenzá no que participaran os poetas e músicos Lois Diéguez, Baldomero Iglesias David Otero, Xosé Abella, Xaime Oroza, Toño Núñez, Luciano de Monfadal, Lino Rico, Miguel María Xosé Lamas, María Xosé Fernández, Iolanda Aldrei e Esperanza Pérez. 

O obxectivo dos actos é "facer xustiza con todas aquelas persoas que coa súa loita en condicións moi difíciles fixeron posíbel avanzar cara unha sociedade democrática e deixar testemuño do seu exemplo e do seu compromiso a fin de que se perpetúe e chegue a aquelas xeracións máis novas”

Xosé Luís Fernández Rivera, membro da comisión organizadora da conmemoración, subliña que o obxectivo dos actos é "facer xustiza con todas aquelas persoas que coa súa loita en condicións moi difíciles fixeron posíbel avanzar cara unha sociedade democrática e deixar testemuño do seu exemplo e do seu compromiso a fin de que se perpetúe e chegue a aquelas xeracións máis novas”.

 

Luís Trigo e Antonia Pérez

Luís Trigo emigrou moi novo a Cuba e Arxentina, regresando a Mondoñedo en 1921 como gardarríos. Foi presidente da Agrupación Socialista de Mondoñedo e tralo golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 fuxiu ao monte, permanecendo agochado nas casas de amigos. A súa actividade guerrilleira comezou en 1939, desenvolvéndose no norte da provincia de Lugo, nas zonas de Lourenzá, Abadín, Viveiro e Mondoñedo, mantendo contacto cos membros do Grupo Neira. Foi acusado polas autoridades de ser o autor do axustizamento do xefe falanxista José Viador Traseira o 9 de abril de 1940.

Labrega e xornaleira, aos 18 anos Antonia Pérez pasou á clandestinidade, colaborando nas accións do seu compañeiro

Antonia Díaz Pérez naceu en 1928 en Ribadeo, quedando orfa moi nova e traballando dende nena como labrega e xornaleira, pastoreando gando por diversos lugares do Concello. A súa casa e a súa familia formaban parte da rede de enlaces que prestaban apoio á loita contra o franquismo e o seu irmán Fidel foi detido por colaborar nas actividades de oposición á ditadura. Aos 18 anos pasou á clandestinidade xunto ao seu compañeiro sentimental, Luís Trigo, colaborando con el en varias accións.

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.