0 Gardados para despois

'La Manada' xa está en liberdade provisional e a decisión volve acender o debate sobre a xustiza

Praza PúblicaPraza Pública | @prazapublica


eldiario.eseldiario.es | @eldiarioes


Os cinco integrantes de 'La manada' xa están na rúa tras abonar os 6.000 euros impostos como fianza polo tribunal para a súa liberdade provisional. Os tres primeiros membros saíron pouco antes das 18 horas deste venres e os outros dous acusados quedaron en liberdade pasadas as 19.30. Foron recollidos na porta do cárcere por vehículos que os estaban esperando.

Vigo acolleu este venres unha gran marcha contra a decisión xudicial tras as concentracións celebradas o xoves por toda Galicia

Tres dos condenados atopábanse na prisión de Pamplona, mentres que os outros dous acusados estaban no cárcere madrileño de Alcalá Meco. Os cinco quedaron en liberdade tras case dous anos en prisión desde que fosen detidos o 7 de xullo de 2016. O fallo, que aínda non é firme, condenou os cinco a nove anos de prisión por un delito de abuso sexual con  prevalemento.

A  saída dos cinco está a reavivar e aumentar estes días as protestas nas rúas e en diversos ámbitos políticos, xurídicos e sociais. Tras as concentracións celebradas xa o xoves en diversas localidades galegas, este venres as rúas de Vigo acolleron unha gran marcha contra a decisión xudicial encabezada por unha pancarta co lema “A complicidade institucional é violencia criminal”. O que estaba previsto que fose unha concentración acabou converténdose nunha manifestación polas rúas do centro da cidade.

A vicepresidenta do Goberno central, Carmen Calvo, salienta que as mulleres están "perplexas e inseguras con algunha decisión dalgúns tribunais"

Máis aló da reacción na rúa, o auto da Audiencia de Navarra tamén reviviu o debate sobre a xustiza na escena política mentres a Comisión que se encarga de revisar os delitos de agresión e abuso sexual ten ata o 15 de novembro para finalizar os seus traballos. Malia que o Goberno central repetiu durante o xoves e o venres que "respecta as decisións xudiciais", a vicepresidenta e ministra de Igualdade, Carmen Calvo, recoñecía na tarde do venres que as mulleres están "perplexas e inseguras con algunha decisión dalgúns tribunais".

A xustiza volve estar no punto de mira mentres as asociacións profesionais de mulleres xuristas seguen reclamando perspectiva de xénero nas decisións xudiciais. Representantes de todo o espectro político coincidiron en pedir unha revisión do Código penal e utilizaron termos similares aos de Calvo.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.