"En Marrocos as mulleres teñen os seus propios movementos feministas. Son elas as que deben liberarse do seu patriarcado"

Algúns dos e das activistas que aparecen no documental, en Tánxer © Pablo Santiago (Agareso)

O pasado verán o amiense Pablo Santiago, a carballesa Sofía Caamaño e a asturiana Laura Pertierra completaron o seminario de xornalismo social e de cooperación internacional que todos os anos organizan a Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) e a Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) viaxando ata Marrocos para coñecer sobre o terreo a realidade daquel lugar, tomando contacto co traballo de activistas. Percorreron o norte do país acompañados polo veterano xornalista Juan de Sola e, unha vez na zona do Rif, realizaron un documental que explora catro ramas do activismo social no país -feminismos, ecoloxismos, migracións e dereitos laborais-.

Majzen é unha palabra empregada en Marrocos para designar a estrutura de poder clásica do país, un complexo entramado relacionado entre si que da forma ao actual réxime político e aos mecanismos de represión á sociedade civil

Berros fronte o Majzen componse de entrevistas a actores locais implicados e comprometidos con estas causas. Tamén visitaron e filmaron proxectos de cooperación no territorio que promoven o empoderamento da cidadanía e loitan por melloras no tecido social. Majzen é unha palabra empregada en Marrocos para designar a estrutura de poder clásica do país, un complexo entramado relacionado entre si que da forma ao actual réxime político e aos mecanismos de represión á sociedade civil e aos movementos sociais e activistas. O documental, que xa se pode ver de balde na rede, achéganos á realidade descoñecida do activismo en Marrocos, un país "onde a vulneración de dereitos é sistemática", a través das voces dalgúns dos seus protagonistas: Ghassane Koumiya, Wafae Charaf, Abdeslam Amakhtari, Mohammed El Andaloussi Youssef Ouled e Fathiya Saidi.

"O feito de relacionarnos con activistas locais, que sofren directamente a represión do réxime fixo que coñecésemos moi ben a súa realidade, cousas que pasan moi preto da casa e que normalmente non vemos", destaca Sofía Caamaño, unha das autoras do documental, que salienta o valor da experiencia que viviron o pasado verán: "Foi unha experiencia moi intensa. Eu viña de rematar a carreira e estaba un pouco perdida, non tiña moi claro cara a onde quería tirar e esa semana alí aclaroume moito as ideas e agora estou facendo un master de comunicación de conflitos". 

"Ser activista alí é moi complicado: exposte moitísimo e podes ver os teus dereitos vulnerados, con agresións físicas, pero tamén con xente que te espía, que te segue pola rúa..."

Caamaño subliña as dificultades que viven os e as activistas no país: "Marrocos é un réxime cun poder moi centralizado que reprime moito á poboación civil. Ser activista alí é moi complicado: exposte moitísimo e podes ver os teus dereitos vulnerados, con agresións físicas, pero tamén con xente que te espía, que te segue pola rúa...". E, igualmente, o escasamente coñecidas que son estas situacións en España, a pesar de ser un país fronteirizo, a enorme distancia que parece haber entre dous territorios xeograficamente moi próximos: "Esa é unha distancia nosa, porque en cambio eles alí si que están moi atentos ao que pasa en España e en toda Europa e inspíranse moito na actividade dos movementos sociais de aquí", sinala. "As relacións entre España e Marrocos redúcense a cuestións comerciais e intereses económicos, deixando de lado os temas culturais ou a posibilidade de enriquecernos mutuamente co contacto", engade.

"Non podemos ver este documental ou analizar a realidade marroquí pensando que 'eses son problemas seus', das persoas que alí viven e do seu goberno. Porque de feito moitos dos problemas que teñen veñen causados por países europeos e sobre todo por España, con quen asinou moitos tratados, sobre todo para controlar a inmigración a Melilla e Ceuta. É tamén moi importante a acción de multinacionais españolas. Son cousas das que nós tamén somos responsables", destaca a xornalista, que fai fincapé na responsabilidade do Estado Español, das empresas e da sociedade española en todo o que sucede na outra beira do Estreito de Xibraltar. No documental fálase, por exemplo, da loita social contra a construción dunha urbanización proxectada por Fadesa.

"Moitos dos problemas que teñen veñen causados por países europeos e sobre todo por España"

No documental fálase do activismo feminista en Marrocos, que desenvolve un traballo moi complicado, tendo en conta que se trata dunha sociedade moi tradicional e machista. "Marrocos é unha sociedade moi tradicional, na que a relixión ten un peso moito máis importante que aquí en España. Pero no documental queríamos visibilizar que non só existe un feminismo", destaca. "Ás veces podemos pensar que só é correcto o feminismo branco e europeo, noso, e para nada. En Marrocos as mulleres teñen os seus propios movementos feministas de base e son elas as que deben liberarse a si mesmas do seu patriarcado, no que viven e no que todas vivimos", di. "Nós non podemos dicirlles a elas como liberarse porque non coñecemos a súa realidade. A rapaza feminista que aparece no documental non leva velo, pero hai outras feministas marroquís que si o levan e son igual de libres ca ela", engade.

"Ás veces podemos pensar que só é correcto o feminismo branco e europeo, e non. En Marrocos as mulleres teñen os seus propios movementos feministas de base e son elas as que deben liberarse a si mesmas do seu patriarcado, no que viven e no que todas vivimos"

Sofía Caamaño salienta que "teño claro que o xornalismo obxectivo non existe, e moito menos cando se informa da defensa dos dereitos humanos, porque aí estás tomando partido, fas activismo e xornalismo ao mesmo tempo. Estas realidades deben visibilizarse a través de medios que non dependan de poderes políticos ou económicos". "Porque se ninguén o conta, é moi difícil que a poboación sexa consciente destas situacións, esperte e se mobilice", afirma. "O papel dos e das xornalistas que fan información de conflitos armados e da defensa dos dereitos humanos é esencial para o avance da sociedade", conclúe

 

A experiencia repítese este verán

Como cada ano, os alumnos e alumnas cos mellores resultados no Seminario de Xornalismo Social e Cooperación Internacional visitan Marrocos para completar a súa formación sobre terreo, acompañados por dous voluntarios de Agareso. Uxía Pérez, Marcos Fernández e Leticia Francisco están xa en Tánxer, onde visitarán diferentes proxectos levados a cabo por diferentes ONGDs na rexión e realizarán unha peza audiovisual sobre a realidade tanxerina no que abordarán temas diversos como as políticas de migración, dereitos humanos e a situación das mulleres. Co obxectivo de retratar o estado actual e as principais causas do activismo feminista na rexión, entrevistáronse coa técnica de ACPP, Alicia Fernández; coa delegada en Tánger da ONGD Aida, Ana Javiva Dahbi Jiménez; e coas mulleres de Attawasoul, unha asociación que axuda as mulleres traballadoras das fábricas marroquís. O resultado poderémolo ver nuns meses.

O documental achéganos á realidade do activismo en Marrocos, onde a vulneración de dereitos é sistemática © Pablo Santiago (Agareso)
A peza analiza a situación do activismo feminista, ecoloxista, sobre migracións e dereitos laborais no norte de Marrocos © Pablo Santiago (Agareso)
Dúas novas alumnas e un alumno do Seminario de Xornalismo Social e Cooperación Internacional están neste momento en Marrocos © María Aneiros (Agareso)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.