A CIG denuncia a "desidia" da Xunta ante a inundación do arquivo xudicial da Coruña

Aspecto que presentaba este luns pola mañá o arquivo da Fábrica de Tabacos © CIG

O arquivo xudicial da Audiencia Provincial da Coruña atopábase aínda na mañá deste luns completamente enchoupado por mor da inundación sufrida o pasado sábado, unha xornada na que unha histórica tromba de auga (máis de 20 litros en só media hora) provocou asolagamentos en toda a cidade. A CIG denuncia a "desidia" da Dirección Xeral de Xustiza da Xunta de Galicia á hora de solucionar esta situación, coa que se atoparon os e as traballadoras do arquivo: moreas de expedientes enchoupados e esparexidos por todo o soto da Fábrica de Tabacos, sede do Arquivo Xudicial.

As estancias nas que se gardan os expedientes xudiciais, tanto dos procedementos xa rematados como dos que están abertos) "permanecen empapadas"

"A pesar deste desastre, nestes momentos só hai dúas persoas (unha técnica e unha auxiliar) tentando organizar,  limpar e salvar os expedientes como boamente poden, posto que ningunha persoa con responsabilidade na Dirección Xeral de Xustiza se achegou até o edificio para avaliar o alcance dos danos" denuncia o sindicato, que ademais lembra que a Consellería de Xustiza sabe do asolagamento "cando menos dende este domingo, pois xa ese día "a empresa encargada do mantemento do edificio estivo realizando labores de limpeza, polo que a zona da maquinaria está seca e limpa". Porén, as estancias nas que se gardan os expedientes xudiciais (tanto dos procedementos xa rematados como dos que están abertos) "permanecen empapadas e só hai dúas traballadoras recollendo arquivos na zona afectada", subliña a central sindical.

CIG-Xustiza denuncia "a escaseza de persoal destinado", xa que actualmente só hai catro persoas para a xestión dun arquivo que dá servizo a máis de 30 órganos xudiciais. "Esta é a primeira vez que pasa algo así, pero seguirá ocorrendo, porque dende a inauguración das novas instalacións da Audiencia xa se sabía que estas dependencias se poden inundar facilmente porque están por debaixo do nivel do mar", advirte Chelo Rodríguez, delegada da CIG en Xustiza.

O sindicato reclama "unha actuación inmediata" da Consellaría para resolver a situación xerada e que se avalíen de inmediato os danos ocasionados pola inundación. E, ademais, demanda "que se dote co persoal necesario o arquivo xudicial e se tomen as medidas adecuadas para que no futuro non se volvan repetir problemas similares".

 

A CIG denuncia que a Consellería de Xustiza é consciente do asolagamento "cando menos" dende o domingo © CIG
O sindicato reclama unha actuación "inmediata" da Consellaría © CIG
O arquivo atópase por debaixo do nivel do mar, polo que o risco de asolagamento é evidente © CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.