0 Gardados para despois

Fala Ceibe denuncia os obstáculos para o uso do galego no Bierzo

Redacción | @prazapublica

O Consello Comarcal do Bierzo é o órgano de xestión e administración desta comarca leonesa, creado a través da Lei 17/2010 das Cortes de Castela-León. Esta norma sinala no seu artigo 1.4 que "na Comarca do Bierzo gozará de respecto e protección a lingua galega nos lugares nos que habitualmente se utilice". Porén, a realidade é moi distinta e segundo veñen denunciando colectivos sociais e culturais como Fala Ceibe, seguen a existir atrancos de todo tipo para a utilización da lingua galega no ensino, nos medios de comunicación ou na administración. Esta semana presentouse a nova web do Consello Comarcal, un portal que non ofrece a posibilidade da súa lectura no idioma galego, como denuncia Fala Ceibe.

"Con abraio e indignación temos comprobado que non xorde para nada a lingua galega. Unha vez máis esta institución comarcal ignora a presenza do idioma galego no Bierzo occidental"

"Con abraio e indignación temos comprobado que non xorde para nada a lingua galega. Unha vez máis esta institución comarcal ignora a presenza do idioma galego no Bierzo occidental. Os bercianos galegofalantes sentímonos ofendidos por este trato discriminatorio por parte dos políticos dirixentes do ente comarcal", afirma Javier Lago Mestre, voceiro da entidade.

Fala Ceibe lembra que o Estatuto de Autonomía de Castela-León recolle que “gozará de respecto e protección a lingua galega nos lugares en que habitualmente se utilice” (art. 5.3), unha formulación semellante á existente na devandita Lei que crea e regula a Comarca do Bierzo: "Na Comarca do Bierzo gozará de respecto e protección a lingua galega nos lugares nos que habitualmente se utilice" (art. 1.4). "A pesar deste mandato legal, que afecta directamente ao Consello Comarcal do Bierzo, esta institución non fai nada por protexer e fomentar o galego", explica Fala Ceibe.

"As autoridades administrativas locais e rexionais non empregan a lingua galega, os cidadáns non podemos presentar solicitudes orais ou escritas en galego, non se permiten as formas tradicionais e correctas dos topónimos en galego ou a versión bilingüe"

A entidade lembra igualmente que España asinou a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, pero sinala que nada se fixo para a execución do artigo 10 da Carta, referido a “autoridades administrativas e servizos públicos”. "As autoridades administrativas locais e rexionais non empregan a lingua galega, os cidadáns non podemos presentar solicitudes orais ou escritas en galego, os textos oficiais non teñen edicións bilingües, nos debates das asembleas locais non se emprega o galego, e non se permiten as formas tradicionais e correctas dos topónimos en galego ou a versión bilingüe", denuncia.

O colectivo cultural Fala Ceibe fai un chamamento á cidadanía para reclamar a utilización parcial do idioma galego polo Consello Comarcal do Bierzo. Propón, por exemplo, o envío masivo de correos electrónicos ao Consello Comarcal (info@ccbierzo.com); o envío de cartas-queixa ao Procurador do Común de Castela e León (Valedor do Pobo rexional) (pccyl@pccyl.es) "para que teña coñecemento desta xusta e lexítima demanda a prol do idioma galego do Bierzo"; e tamén a divulgación deste comunicado "para espallar esta problemática concreta e pedir o seu apoio solidario coa nosa demanda lingüística".

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.