0 Gardados para despois

Santiago, A Coruña e Sanxenxo, os concellos que reciben máis poboación flotante

Redacción | @prazapublica

O Instituto Galego de Estatística (IGE) publica por primeira vez este venres a Carga de poboación estacional dos concellos de Galicia (con datos de 2016), cuxo obxectivo é cuantificar a poboación que soportan os concellos en cada trimestre do ano, analizando os fluxos de entrada e saída que se producen por motivos laborais, de estudos, de saúde e tamén por cuestións de ocio e turismo.

Observando o conxunto do ano, Santiago, A Coruña e Sanxenxo son os concellos que reciben máis poboación flotante, seguidos das outras cinco cidades (Vigo, Pontevedra, Ourense, Ferrol e Lugo) e tamén de O Grove, O Porriño e San Cibrao

Observando o conxunto do ano, Santiago, A Coruña e Sanxenxo son os concellos que reciben máis poboación flotante, seguidos das outras cinco cidades (Vigo, Pontevedra, Ourense, Ferrol e Lugo) e tamén de O Grove, O Porriño e San Cibrao. Porén, hai grandes diferenzas no verán, cando gañan importancia os desprazamentos de residentes estacionais cara a Sanxenxo, O Grove, Nigrán, Baiona e Foz, que mesmo superan a poboación flotante de urbes como Ourense, Lugo e Ferrol. Tamén resulta interesante que, mentres no primeiro, segundo e cuarto trimestres a maioría de concellos teñen un saldo poboacional negativo, no terceiro trimestre esta situación invértese, pasando a ter un saldo poboacional positivo.

Compostela recibe cada trimestre ao redor de 10 mil estudantes que proceden doutros concellos, unha cifra que baixa ata os 4 mil na Coruña e aos 2 mil en Vigo

As compoñentes cunha maior contribución ao saldo poboacional son as correspondentes aos desprazamentos por motivos de estudos e traballo, destacando a compoñente dos estudos en Santiago de Compostela e a compoñente do traballo na Coruña e Vigo. Así, por exemplo, Compostela recibe cada trimestre ao redor de 10 mil estudantes que proceden doutros concellos, unha cifra que baixa ata os 4 mil na Coruña e aos 2 mil en Vigo. Motivos laborais levan á Coruña de forma permanente a unhas 7 mil persoas, fronte ás 5 mil de Compostela e de Vigo.

Tamén resulta interesante coñecer a media trimestral de persoas equivalentes a tempo completo que soporta un concello durante a noite (carga de poboación que pernoita) e durante o día (carga de poboación diúrna), xa que poden existir diferenzas importantes entre noite e día. Neste sentido, destaca o diferente comportamento entre noite e día que amosa o concello de Vigo, xa que en 2016, excepto no cuarto trimestre, presenta un saldo poboacional negativo pola noite (poboación de entrada menor que a poboación de saída) e positivo polo día (poboación de entrada maior que a poboación de saída).

Os concellos que perden máis poboación de forma estacional ou flotante, atopamos que son Ames, Oleiros, Cambre, Narón, Teo, Redondela ou Culleredo

Se miramos os concellos que perden máis poboación de forma estacional ou flotante, atopamos que son Ames, Oleiros, Cambre, Narón, Teo, Redondela ou Culleredo, cuxos residentes se dirixen a traballar, estudar ou na procura de servizos médicos ou de ocio a Compostela, A Coruña, Vigo ou Ferrol.

Se falamos en termos relativos, valorando a poboación flotante en función do número de residentes permanentes dos concellos, cómpre salientar os casos de Carballeda de Valdeorras e San Cibrao das Viñas, debido á entrada de traballadores, e Mondariz-Balneario, debido á entrada de turistas, incrementando as tres localidades entre un 20% e un 30% a súa poboación de setembro a xuño. No verán é Sanxenxo o concello que recibe máis habitantes temporais, 14.983 a tempo completo durante o conxunto do terceiro trimestre, unha cifra moi próxima ao seu número de residentes permanentes (17.045). En Mondariz-Balneario (+59%), O Grove (+45%), Barreiros (+36%) ou San Xoán de Río (+34%) tamén se incrementa notablemente a carga de poboación durante o verán. E, por suposto, en certos momentos do verán, nomeadamente o mes de agosto, estas cifras son moi superiores.

Sanxenxo, O Grove, Nigrán, Foz, Baiona, pero tamén Oia, Portomarín, Barreiros, Ribadeo, Ribeira, Cangas ou Viveiro incrementan notablemente a súa poboación no verán

Sanxenxo, O Grove, Nigrán, Foz, Baiona, pero tamén Barreiros, Ribadeo, Ribeira, Cangas ou Viveiro incrementan notablemente a súa poboación no verán. O impacto do turismo tamén é importante en determinados concellos do Camiño de Santiago Francés (Portomarón, Pedrafita do Cebreiro, Triacastela, Palas de Rei e O Pino) e no concello de Oia, con porcentaxes superiores ao 10%.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.