Varias persoas feridas logo de arder un barco turístico na ría de Arousa

O barco turístico ardendo na Toxa © M. González

O incendio nun barco turístico de pasaxeiros fronte ao porto do Grove está a provocar unha importante alerta na véspera do Día Nacional de Galicia na ría de Arousa. O catamarán empezou a arder preto da Toxa sobre as 16.15 horas deste martes, provocando, segundo contan a Praza.gal veciños da zona, unha importante alarma social ao ter que lanzarse ao mar moitas persoas que escaban das lapas e foron rescatadas por outras embarcacións. 

Moitas persoas lanzáronse ao mar para fuxir das lapas e foron rescatadas por embarcacións que se atopaban na zona

Lanchas de mariñeiros, barcos mexilloeiros e da Garda Civil, así como outras embarcacións de recreo que se atopaban nas inmediacións apuráronse a colaborar nos labores de rescate das arredor de 50 persoas, moitas delas no mar para escapar das lapas. Segundo adiantou a Subdelegación do Goberno central en Pontevedra, non houbo vítimas mortais, aínda que si algún ferido grave por golpes e queimaduras.

Foron finalmente cinco as persoas feridas graves tras un sinistro acontecido logo de que o catamarán batese contra unha batea. Dúas delas foron trasladadas en helicóptero á unidade de grandes queimadas do CHUAC da Coruña, mentres que outros tres foron atendidos no Punto de Atención Continuada do Grove, tal e como aclarou o 112. Na embarcación viaxaban un total de 52 persoas, oito delas nenos, e case unhas 40 foron atendidas tamén, aínda que agás no caso destas devanditas cinco persoas, as súas feridas non son de grande importancia. 

O barco, logo de declararse o incendio, quedou encallado nunha parte da costa da illa da Toxa, mentres media hora despois de declararse o fogo comezaban a chegar xa os primeiros rescatados e feridos ao porto do Grove, onde traballaron moitas ambulancias durante toda a tarde. Máis dunha hora despois de aparecer as primeiras lapas, a embarcación continuaba ardendo.

Bombeiros traballando para apagar as lapas do barco incendio / © Deputación de Pontevedra

A densa columna do fume, o preto que o barco estaba da costa e a xente que se tirou á auga provocou unha importante alarma social, especialmente no Grove, desde onde era facilmente visible o incendio na embarcación, que era de fabricación recente. A localidade quedou mesmo bloqueada ao tráfico na súa vía principal para facilitar o paso das ambulancias e dos vehículos de emerxencia. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.