0 Gardados para despois

Axentes forestais mobilízanse en plena folga e advirten de que sen acordo tornará en indefinida

Redacción | @prazapublica

Os axentes forestais e medioambientais manifestáronse este xoves en Compostela durante a segunda xornada de folga --secundada masivamente segundo os sindicatos--, reclamaron unha "negociación real" coa Xunta, denunciaron que a Administración "non atende" as súas demandas dun novo acordo laboral e advirten de que o máis probable é que o paro torne en indefinido a partir do vindeiro 1 de agosto

O colectivo reclama a sinatura dun novo acordo de condicións de traballo, lembran que o asinado en 2004 caducou xa en 2007 e reclaman que o novo documento estableza a redución das quendas de doce horas, aumente o cadro de persoal dos axentes, recoñeza as enfermidades profesionais ou permita realizar unha segunda actividade. 

Os axentes forestais e medioambientais reclaman a redución das quendas de 12 horas, o incremento do cadro de persoal ou o permiso para realizar unha segunda actividade

Na súa reclamación por escrito, os sindicatos convocantes da folga (CIG e UGT) aseguran que as conselllerías de Medio Rural e Medio Ambiente, así como a Dirección Xeral de Función Pública, presentaron unha proposta de reordenación do traballo "abusiva". Ademais, advirten de que logo da vaga de lume de outubro pasado e do aumento do período de risco de incendios, a Xunta "pretende incrementar a carga horaria e recortar dereitos en materia de permisos e licenzas e compensacións, en vez do aumento do cadro de persoal, que leva minguando dende comezos dos 90". Así, denuncian que, "ao abeiro da crise", multiplicáronse as amortizacións ata quedar o corpo na actualidade en apenas 500 funcionarios e funcionarias. 

"A Xunta pretende incrementar a carga horaria e recortar dereitos en materia de permisos e licenzas e compensacións en vez do aumento do cadro de persoal"

Baixo o lema "En folga por unhas condicións de traballo dignas", sobre douscentos axentes percorreron o camiño que hai desde a Consellería de Medio Rural até a de Medio Ambiente e lembraron que o actual seguimento da folga (do 85% nos axentes medioambientais e do 100% nos forestais, segundo indican) será semellante no caso de iniciarse o paro indefinido. 

Nas súas críticas, os axentes céntranse na intención da Administración de "empeorar" as súas condicións en lugar de "atender as demandas e melloralas". Así, entre as principais peticións destacan a de que se reduzan os "excesos horarios anuais" e as quendas de doce horas, a ampliación do cadro de persoal e a cobertura de vacantes, a posibilidade dunha segunda actividade en servizo activo ou a reclamación do estudo dos coeficientes redutores "para anticipar a idade de xubilación". Tamén solicitan o recoñecemento das enfermidades profesionais e a protección da seguridade e saúde coa "minimización dos riscos e a aplicación dos plans de acción preventivos", así como que se retribúa o traballo a quendas, a penosidade, a toxicidade, a nocturnidade e a especial responsabilidade.

Alén disto, os axentes forestais criticaron tamén a imposición por parte do Goberno galego duns servizos mínimos "desmobilizadores", polo que presentaron denuncia este xoves ane o xulgado polo que consideran unhas cifras "abusivas" no caso de Medio Rural, onde acadan o 100%, e "ridículas", ao "dividir as parellas de servizo con risco para a seguridade persoal", en Medio Ambiente, onde non chegan ao 20%. 

Mobilización dos axentes forestais e medioambientais polas rúas de Santiago de Compostela / CC-BY-SA CIG

Alegacións aos servizos mínimos no 061

Por outra banda, o comité de folga do persoal estatutario dos centros de traballo da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 de Santiago de Compostela presentou tamén alegacións aos “abusivos” servizos mínimos decretados polo Sergas para a folga indefinida que comezará o vindeiro día 1 de agosto. Mario Otero, representante do comité e presidente da xunta de persoal, advirte que de non terse en conta as alegacións recorrerán ao xulgado para "defender o dereito á folga” que consideran, neste intre, “vulnerado”.

Otero explica que a Administración estableceu unha cobertura do 100% dos efectivos sanitarios da atención urxente prestada a través do 061 pola Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e unha cobertura de até un máximo do 20% dos efectivos non sanitarios dos servizos administrativos, en atención ao usuario, persoal, subministracións, contabilidade, facturación e cobros. En quenda de mañá, estableceuse un efectivo de presenza física de persoal das tecnoloxías da información e comunicacións; en quenda de tarde e noite, localizado.

O comité de folga entende que “é desproporcionada” a fixación deses servizos mínimos e lembra que existe unha “xurisprudencia da sala do contencioso do Tribunal Supremo” que así o establece.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.