Carne Cruda volve a Bueu para celebrar o 10º aniversario do programa

Gravación de Carne Cruda en Bueu, o pasado verán Dominio Público Praza Pública

Carne Cruda, o espazo radiofónico dirixido por Javier Gallego, volverá a gravar en vivo en Bueu este verán. Será o vindeiro 9 de setembro, no marco do Festival Internacional de Curtametraxes da localidade (FICBUEU) e constituíndo o inicio dunha xira que o levará por dez cidades de todo o Estado para celebrar o décimo aniversario do programa. Xa o pasado ano o programa gravouse en directo na vila, cun grande éxito. Nesta ocasión o espazo realizará unha edición especial dedicada ao cinema que se gravará en directo a partir das 18 horas no Centro Social do Mar (Rúa Montero Ríos, 18).

Será o inicio dunha xira que o levará por dez cidades de todo o Estado para celebrar o décimo aniversario do programa

As entradas xa están dispoñibles por 5 euros na web do FICBUEU e as persoas que merquen unha das 50 primeiras entrarán no sorteo dunha noite de hotel para dous nun dos establecementos co selo Galicia Calidade. As persoas que sexan produtoras ou produtores do programa (subscritores permanentes do mesmo) poderán acceder de balde.

Tras pasar por Radio 3 e pola Cadena Ser e ser expulsado polas direccións de ambas as dúas cadeas, Carne Cruda emítese na actualidade a través da rede, asociado a eldiario.es. Tamén se pode escoitar na programación de emisoras galegas como PontevedraViva Radio ou Cuac FM. O espazo foi quen de construír unha "república independente" para seguir facendo radio, grazas ao apoio das ao redor de catro mil persoas que a través das súas achegas se converteron en produtoras.

O pasado ano, pouco antes do seu paso por Bueu, Javier Gallego destacaba en entrevista con Praza que "estamos nas marxes, pero non nos sentimos marxinais. É mellor vivir na periferia que estar afogando no centro". Engadía que "hai xente facendo cousas moi interesantes no mundo que non ocupan as portadas dos grandes medios, pero que constrúen cultura, constrúen país e constrúen patrimonio, como fai o FICBUEU en Bueu".

Javier Gallego © El Diario

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.