O 112 recibiu case 25 mil avisos pola presenza de velutinas no último ano

Avespas asiáticas nun niño © AGA

Nos últimos 12 meses o 112 recibiu case 25 mil avisos pola presenza de vespas velutinas en Galicia. O número de incidencias disparouse no verán e no outono de 2017, superando as catro mil chamadas en xullo e agosto, ou as tres mil en setembro, novembro e decembro. Posteriormente, a chegada do inverno e das chuvias fixo diminuír os avisos; porén, no que levamos de xullo, o número de incidencias pola presenza deste insecto rolda xa as mil.

Ao longo do mes de xullo, a morte dunha persoa no Porriño por mor dunha picadura de vespa asiática incrementou a alarma ante a expansión e perigosidade deste insecto. O home, de 78 anos de idade, era alérxico, ao igual que as outras dúas persoas que nas últimas semanas faleceron pola picada de avespas autóctonas. O finado converteuse na terceira vítima de avespa velutina en Galicia. En 2015 un mariñeiro xubilado faleceu en Cariño mentres recollía mazás e en 2017 tamén no Porriño morreu outro home mentres cortaba unha árbore.

Os partidos da oposición e entidades de apicultores e labregos veñen reclamándolle á Xunta que incremente as accións para frear a extensión desta avespa, mediante a posta en marcha de trampeos masivos e dunha decidida aposta pola investigación e a colaboración coas universidades e outras administracións. "A praga da velutina vai nun bólido e as institucións van detrás nun carro de vacas", denunciaba o pasado ano Xesús Asorey, voceiro de Asociación Galega de Apicultura (AGA).

Esta mesma semana o PSdeG-PSOE demandoulle ao Goberno galego a declaración de praga da velutina debido a súa constante expansión, pois "xa invade practicamente todo o territorio galego". "Isto obrigaría á Xunta a habilitar medios económicos e humanos especializados para facerlle fronte cos que hoxe non se contan", sinalan os socialistas. De igual xeito, o pleno municipal de Lugo aprobou unha moción do BNG para reclamar medidas de control contra a expansión da Vespa Velutina, reclamando a posta en marcha dun trampeo masivo no vindeiro inverno e primavera.

En Ames, Santa Comba, Pontevedra, Oleiros e Cambre localizáronse máis de 100 niños só no que levamos de 2018

En efecto, foron detectados niños en boa parte do país, principalmente nas provincias da Coruña e Pontevedra, sobre todo nas zonas costeiras. En Ames, Santa Comba, Pontevedra, Oleiros e Cambre localizáronse máis de 100 niños só no que levamos de 2018. Noutras 40 localidades atopáronse entre 26 e 100 niños desta avespa, nomeadamente Ferrolterra, as comarcas da Coruña e Compostela, Muros-Noia e Barbanza, as comarcas de Pontevedra e Vigo e o Baixo Miño.

Hai uns meses o modelo matemático desenvolvido polo investigador Luis Rodríguez Lado, do departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC, xa anticipaba que a velutina continuaría a estenderse este ano por todo o territorio galego, sobre todo nas comarcas de Bergantiños, Xallas, Terra de Soneira, Sar, A Barcala, Caldas e Pontevedra. En 2017 apareceron niños de avespa asiática en 258 concellos e o modelo prevía para o ano 2018 que o 27.69 % da superficie de Galicia presentase risco "alto" ou "moi alto" de presenza de niños de velutina, o que supuña un incremento de máis de catro puntos con respecto aos datos de 2017 (23.49%).

 

Concellos con maior concentración de niños de velutina detectados (17 de xullo de 2018) © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.