Os axentes medioambientais adían un día a folga para "garantir a seguridade" do persoal dos servizos mínimos

Manifestación de axentes forestais e medioambientais durante a folga CC-BY-NC-SA CIG

A folga indefinida dos axentes medioambientais queda adiada. En principio, só vinte e catro horas, ata que a Consellería de Medio Ambiente "traslade unha nova proposta que inclúa as súas principais reivindicacións". Fano, afirman dende os sindicatos convocantes -CIG e UGT- "non só para garantir o servizo" nesa xornada transitoria, senón tamén "a seguridade e protección" do persoal que tería que traballar adscrito aos servizos mínimos, toda vez que o 20% fixado polo departamento que dirixe Beatriz Mato supón "unha persoa por día" por distrito, sinala Zeltia Burgos, responsable da CIG-Administración.

O conflito laboral dos axentes forestais e medioambientais, dependentes respectivamente das consellerías do Medio Rural e de Medio Ambiente, entra así nunha fase transitoria. Os forestais si comezan formalmente a súa folga indefinida este 1 de agosto, pero os seus efectos non se percibirán no servizo. A razón é que no seu caso a Xunta impuxo uns servizos mínimos do 100%.

Os axentes forestais si iniciarán a folga, que non terá efectos no servizo porque a Xunta fixou os servizos mínimos nun 100%

A xuízo de Burgos este xeito de proceder da Administración, tanto na fixación dos servizos mínimos como no conxunto do conflito a respecto do convenio do persoal -caducado dende 2007- revela "falta de respecto, mala fe negociadora e actitude despectiva". No entanto, "o comité de folga si ten vontade de chegar a un acordo" porque "entendemos que a sociedade non pode permitirse a perda dun servizo público esencial" e por iso dá en flexibilizar a súa postura mentres "á espera de que mañá a Xunta nos presente unha nova proposta" para a negociación e tamén mentres "o Xulgado decide" sobre a denuncia presentada polos propios sindicatos a respecto dos servizos mínimos "para que sexan fixados atendendo á realidade".

CIG e UGT, que denunciaron os servizos mínimos, advirten de que o limiar do 20% fixado polo departamento de Beatriz Mato arrisca a "seguridade e protección" do persoal que teña que traballar durante a folga

Así e todo, advirten as centrais sindicais, entre o persoal non existe gran esperanza a respecto da nova formulación do Goberno, que citou os representantes dos axentes para negociar cando restaban apenas vinte e catro horas para conversión da folga en indefinida. Ben ao contrario, sinala Burgos, "seguen a presentar unha proposta abusiva e desigual" entre o persoal de Medio Ambiente e o de Medio Rural e "non acepta ningunha das reivindicacións que motivaron a folga", tales como "a definición da segunda actividade", os "coeficientes redutores da idade de xubilación" por factores como penosidade ou toxicidade" nin a "equiparación salarial dentro do compoñente específico que retribúa as características especiais" deste funcionariado.

Asemade, afirman os sindicatos, a Xunta "segue sen atender demandas básicas como a seguridade e a saúde laboral" ou as peticións en materia de conciliación. En calquera caso, subliña Zeltia Burgos, esta suspensión é "por un día, á espera de que a Xunta nos presente unha nova proposta que, segundo adiantaron, recollerá algunhas das nosas reivindicacións". O colectivo protesta por diferentes vías dende hai anos para esixir a renovación do convenio caducado, redactado en tempos de Fraga e cuxa vixencia rematou cando aínda gobernaba o bipartito.

Protesta de axentes forestais e medioambientais ante a sede da Xunta en San Caetano Dominio Público UGT Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.