Galicia, á cabeza das mortes por afogamento ao sumar 29 no que vai de ano

Vista dunha praia das Rías Baixas CC-BY-SA Praza Pública

Entre xaneiro e xullo 29 persoas morreron afogadas en Galicia sobre todo nas praias, pero tamén en ríos, encoros ou piscinas. A cifra representa o 16% do total de mortes por afogamento no conxunto do Estado e volve colocar a Galicia como o territorio con máis falecementos por esta causa, segundo o Informe Nacional de Afogamentos que elabora a Real Federación Española de Salvamento e Socorrismo (RFESS). En total, no que levamos de 2018 producíronse 184 afogamentos en toda España e xullo (con 58 mortes) converteuse no mes máis tráxico dos últimos anos

Nos últimos tres anos e medio, 187 persoas faleceron afogadas nas catro provincias galegas, 41 no ano 2015, 69 no ano 2016 e 58 no ano 2017.

Dende o 2015, 187 persoas faleceron afogadas nas catro provincias galegas, 41 no ano 2015, 69 no ano 2016 e 58 no ano 2017. Como referencia, en 2016 morreron en Galicia 141 persoas en accidentes de tráfico. Catro de cada dez vítimas mortais prodúcense nas praias e no mar, dúas de cada dez en ríos, e porcentaxes menores noutros espazos, como peiraos piscinas públicas, piscinas privadas ou encoros. A maior parte das persoas falecidas en Galicia son varóns (oito de cada dez) e ao redor da metade teñen máis de 55 anos. Xullo é habitualmente o mes con máis afogamentos, que se concentran sobre todo nas provincias da Coruña (26 o pasado ano) e Pontevedra (17), seguidas de Lugo (11) e, a moita distancia, Ourense (4).

Iso si, o pasado ano 2017 os 58 afogamentos mortais que se produciron en Galicia tiveron lugar en espazos que non contaban con servizo de socorrismo e nos anos anteriores a porcentaxe de mortes en espazos vixiados moveuse entre o 6% e o 10%.

A Federación Española de Salvamento amosouse moi crítica coa regulación realizada pola Xunta destes servizos, acusándoa de fixar unha normativa "estrita e errática" que limitaba en exceso o acceso destes profesionais ás prazas de socorrista

Nos últimos anos a Federación Española de Salvamento e Socorrismo amosouse moi crítica coa regulación realizada pola Xunta destes servizos, acusándoa de fixar unha normativa "estrita e errática" que limitaba en exceso o acceso destes profesionais ás prazas de socorrista, que en moitos lugares quedaban desertas. A Federación sinalaba que a normativa de 2012 "fixaba unha formación mínima dos socorristas acuáticos baseada nunha gran carga lectiva irracional e xustificada ao peso, non na calidade e cualificación destes profesionais". A entidade destaca que o Decreto de 2012 "xerou unha situación que obxectivamente afecta á seguridade da cidadanía nos espazos acuáticos, tanto ao atrasar a súa apertura como ao poñerse a disposición dos usuarios sen a activación do correspondente servizo de socorrismo".

O Goberno galego modificou a súa propia norma o pasado ano "tras cinco anos de constatación do fracaso da súa implementación", reducindo agora as esixencias para ocupar estas prazas. Porén, dende a Federación alertan de que aínda se manteñen os efectos negativos produto destes anos de aplicación, de xeito que seguen a faltar socorristas nas augas galegas. "Era unha normativa carente de lóxica para cubrir unha demanda que de por si se enfronta a dificultades como o baixo salario dos socorristas, o curto período laboral para esta actividade en Galicia, o elevado prezo dos cursos e a longa duración dos mesmos", explican.

O pasado ano os 58 falecementos tiveron lugar en espazos sen servizo de socorrismo CC-BY-NC-SA sir3_

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.