0 Gardados para despois

A inmobiliaria do Santander ameaza con botar das súas vivendas medio cento de familias de Cambre

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Medio cento de familias residentes no edificio A Patiña (Cambre) poderían ser expulsadas das súas vivendas nos vindeiros meses. O inmoble foi construído por Fadesa a mediados dos noventa e un acordo coa Xunta garantiu que as casas, de protección oficial, serían alugadas por un período de vinte anos a persoas con escasos recursos, que non puidesen pagar un alugueiro meirande. Na actualidade están a pagar entre 200 e 300 euros mensuais. A crise económica levou a Fadesa a vender o edificio a Altamira, división que xestiona os activos inmobiliarios do Banco Santander. Nas últimas semanas as familias cuxos contratos acaban de rematar ou o farán en breve comezaron a recibir comunicacións de Altamira, na que se lles indica que os seus contratos non serán renovados e que, polo tanto, deben abandonar os seus fogares, co agravante de que en moitos casos lles será difícil ou directamente imposible alugar unha vivenda na zona.

Despois de recibir estas comunicacións, os veciños e veciñas comezaron a informarse sobre a súa situación e a organizarse, celebrando asembleas e levando a súa problemática aos medios de comunicación, entidades sociais e partidos políticos. Contactaron, por exemplo, coa plataforma social Vamos! e coa iniciativa comunicativa IrreversibleTV, que publicou un vídeo que explica o caso.

Nos últimos meses veñen denunciándose casos de inmobles que tras seren adquiridos por fondos voitre, os veciños e veciñas son expulsados

O acordo de vinte anos de duración que garantía o carácter social destas vivendas rematou en 2017 e dende entón os veciños e veciñas denuncian que Altamira está a desatander as súas obrigas como administrador do edificio, deixando de realizar as reparacións correspondentes ou o necesario mantemento. Afirman que a división do Banco Santander tería vendido o edificio ou a xestión dos alugueiros a algún fondo voitre, como Fidere, Cerberus ou Blackstone. Nos últimos meses veñen denunciándose casos semellantes en toda España: inmobles nos que tras seren adquiridos por algún destes fondos, os veciños e veciñas son expulsados, por aumentar de súpeto o custo do alugueiro en varios centos de euros ou, directamente, por non seren renovados os seus contratos.

Nando Allegue e Eva Prado levan 16 anos vivindo en A Patiña. El antes traballaba en Unipost, pero quedou no paro en marzo. Ela sufre parálise cerebral e ten unha discapacidade dun 85%. En abril recibiron un burofax no que se lles informaba de que o 31 de outubro remataría o contrato da súa vivenda e aínda que nun primeiro momento pareceu que sería posible renovalo, a finais de setembro un e-mail do Banco Santander lles comunicou que o contrato non sería renovado. Destacan que cos seus ingresos e pola necesidade de contar cunha vivenda adaptada (ela desprázase en cadeira de rodas) non poden facer fronte ao actual custo dun alugueiro na zona, que supera os 400 euros en todos os casos. Por ese motivo están dispostos a resistir no seu actual edificio.

A propia empresa propietaria do edificio confirmou que non renovará os contratos que vaian caducando

Algún dos veciños e veciñas xa finalizou o seu contrato nas últimas semanas, outros (como Nando e Eva) farano en breve, e o resto irá caducando nos vindeiros dous anos. A continuidade nas súas vivendas destas familias -na súa maioría con escasos recursos e mesmo en situación de emerxencia- está no aire. E a propia empresa propietaria do edificio confirmou que non renovará os contratos que vaian caducando.

Os veciños e veciñas recibiron xa o apoio de Stop Desahucios, do alcalde de Cambre (aínda que o Concello comunicou que neste momento non dispón de vivendas sociais dispoñibles) e doutros representantes políticos, como Antón Sánchez (En Marea), que mesmo levou o tema ao recente debate de política xeral celebrado no Parlamento Galego. A plataforma veciñal colocou xa varias faixas na fachada do edificio e prepara mobilizacións ante as sedes do Banco Santander. 

"Caeume o mundo enriba, xa que teño que deixar a miña vivenda actual o 31 de outubro e non atopo por ningún sitio unha vivenda de alugueiro que se adapte ás miñas necesidades como na que estou a vivir"

"Ao longo destes 16 anos que levo vivindo no edificio nunca tiven ningún problema co alugueiro do piso nin cos propietarios do mesmo. Formei a miña vida neste edificio e era feliz. Caeume o mundo enriba, xa que teño que deixar a miña vivenda actual o 31 de outubro e non atopo por ningún sitio unha vivenda de alugueiro que se adapte ás miñas necesidades como na que estou a vivir", afirma Eva Prado.

Nando Allegue lamenta que non todos os veciños están dispostos a participar nas mobilizacións, sobre todo aqueles aos que aínda lles queda por diante un tempo maior de contratos. "Pero afectados estamos todos. Algúns estamos nunha situación máis vulnerable ou os nosos contratos rematan antes, pero máis tarde ou máis cedo todos van estar na mesma situación", di.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.