0 Gardados para despois

Clamor unitario na Coruña contra o peche de Alcoa

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Catro anos despois, A Coruña volveuse botar á rúa. Como en 2014, cando Alcoa tamén ameazara co despedimento colectivo dos seus arredor de 700 traballadores da Coruña e Avilés como paso previo ao desmantelamento das factorías, este sábado o centro coruñés volveuse encher de milleiros de persoas -unhas 4.500, segundo datos da Policía Local- para esixir á multinacional estadounidense que manteña as fábricas e os postos de traballo, pero tamén para reclamar do Goberno de España un marco estable para o mercado eléctrico e os seus prezos, un dos argumentos que a compañía esgrime para volver dicir que marcha.

Na manifestación coruñesa deuse unha unidade pouco habitual e imaxes inéditas dende hai moitos lustros, como a de líderes de forzas políticas e sindicais de diferente signos encabezando de ganchete a comitiva reinvidicativa xunto a membros do comité de empresa de Alcoa na Coruña, apoiados tamén este sábado por representantes do persoal de San Cibrao e Avilés. "Enerxía, solución", "Alcoa, escoita; A Coruña está en loita" foron algunhas das consignas máis repetidas durante a mobilización, secundada polos principais referentes das forzas gobernantes e mais da oposición tanto da cidade como en Galicia e no Estado. 

Un intre da masiva manifestación contra o peche de Alcoa / Concello da Coruña

O comité de empresa insta a retirar o ERE como primeiro paso: "Imos andar ata que isto aguante e imos aguantar porque estamos acostumados"

"Imos andar ata que isto aguante e imos aguantar porque estamos acostumados", advertiu no remate da protesta, ante a Delegación do Goberno central, o presidente do comité de empresa. "Imos por eles e imos gañar", proclamou Juan Carlos López Corbacho, para quen a "primeira premisa" é a retirada do ERE. "Negociación" fronte a "imposición" e tamén contra a "manipulación" da propia empresa, xa que, advirte, a factoría coruñesa e tamén a asturiana son produtivas e rendibles. Así e todo, as mensaxes do persoal tamén se dirixen cara ao Executivo de Pedro Sánchez, que na próxima semana se reunirá directamente coa empresa.

Subliñan tamén a necesidade de que todas as forzas políticas manteñan a unidade demostrada este sábado nas rúas da Coruña entre ecos dos arredor de 1.000 millóns de euros percibidos pola compañía en axudas públicas nos últimos anos. Cómpre firmeza fronte aos "caprichos" de Alcoa e a mobilización, advirten, non vai cesar. A de hoxe foi só a primeira.

Unidade de líderes de forzas políticas e centrais sindicais na marcha contra o peche de Alcoa / EM

A unidade política foi un feito no que atinxe á presenza de dirixentes de todas as cores. Así, tanto o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, como o voceiro de En Marea, Luís Villares e outros membros desta formación instaron tanto ao Goberno de España como á Xunta a actuaren para frear o peche e puxeron o acento na unidade da mobilización. Igualmente o fixo o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, quen apunta á necesidade dunha fronte común ata a resolución do conflito. Tamén a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que como o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, apuntou á necesidade dunha tarifa eléctrica galega.  

"Dende hoxe e ata que isto se solucione, todos somos traballadores e traballadoras de Alcoa, non ides estar sós"

"Sempre que un veciño ou veciña tiveron problemas, a cidade saíu tender a man" e agora "non vai ser distinto co persoal de Alcoa", afirmou Ferreiro no seu discurso ante os manifestantes. "Dende hoxe e ata que isto se solucione -agregou o rexedor coruñés-, todos somos traballadores e traballadoras de Alcoa, non ides estar sós".

Á unidade apelaron igualmente representantes do PP na protesta como a ex-conselleira Beatriz Mato, líder do PP local, se ben case á mesma hora o conselleiro de Industria, Francisco Conde, acusaba dende Santiago o Goberno de Pedro Sánchez e mais á empresa de meter nun "labirinto" ao persoal e, por extensión, a Galicia e Asturias, e aseguraba que "o primeiro" para que Alcoa "recapacite" é que o Executivo central fixe as normas eléctricas para 2019.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.