Comeza a batalla para que a cidadanía coruñesa teña unha licenza de radio

Algúns dos responsables de Cuac FM, na presentación da campaña CC-BY Praza Pública

"Bótasnos unha man?". Así remata un dos vídeos promocionais que Cuac FM vai publicar nos vindeiros días e que tenta explicar a importancia que as radios comunitarias teñen para a cidadanía, as dificultades que atopan para levar a cabo a súa actividade e tamén a aventura na que se veñen de embarcar. Ante a ausencia de espazos no dial reservados para as iniciativas radiofónicas sen ánimo de lucro, Cuac FM vaise presentar ao concurso público que repartirá 84 frecuencias radiofónicas en Galicia (tres na comarca da Coruña), a pesar de que a convocatoria está dirixida a emisoras comerciais. "Non é a licenza que queremos, pero non hai outra opción", din.

"Isto non é unha loita contra ninguén, é unha loita polos dereitos da cidadanía", din

Para facelo necesitan 12 mil euros (tan só o depósito económico esixido pola Xunta para presentarse ao concurso é de 8.200 euros), que tentarán conseguir a través dunha campaña de crowdfunding en goteo.org . Ademais, a emisora levará a cabo unha serie de iniciativas para implicar a cidadanía e os colectivos sociais da Coruña e informar da súa actividade e das posibilidades que ofrece unha radio comunitaria, aberta a todos e todas. "Isto non é unha loita contra ninguén, é unha loita polos dereitos da cidadanía", din. Nos seus 16 anos de vida, Cuac FM tivo ao redor de 400 programas, cun milleiro de colaboradores habituais e "nunca foi rexeitado ningún programa ou espazo", salientan. 

Nas vindeiras semanas Cuac FM terá contactos ademais coas distintas formacións políticas e organizará actos informativos e de divulgación. Por exemplo, o xoves 30 de agosto pola tarde, despois de que pola mañá teñan entregado a documentación esixida na convocatoria, celebrarán unha xornada de portas abertas nas súas instalacións da Zapateira, cedidas pola Universidade. Así mesmo, o 5 de setembro celebrarase no CUR (edificio universitario próximo a Riazor) a habitual asemblea para comezar a repartir os distintos horarios de emisión entre os interesados e interesadas en ter un programa ou espazo neste curso 2012-13.

 

O concurso: David contra Goliat

Este novo concurso exclúe expresamente no seu primeiro punto a participación de medios sen ánimo de lucro, pero Cuac FM presentarase como persoa xurídica

O concurso, que foi anulado pola Xunta en maio, por defectos formais na súa convocatoria (fora denunciado no seu día polo Consello Consultivo por estar limitado ás emisoras comerciais), volveu ser convocado o 26 de xullo, o que supón que a data límite para presentar as candidaturas remata o 30 de agosto. Este novo concurso exclúe expresamente no seu primeiro punto a participación de medios sen ánimo de lucro: "quedan fora do ámbito deste concurso os servizos de comunicación audiovisual radiofónica comunitarios sen ánimo de lucro", pero Cuac FM presentarase como persoa xurídica, co obxecto de realizar unha actividade radiofónica comercial, aínda que ao final siga funcionando como até agora. No fondo, vai ser "como competir a nado nunha carreira de piraguas", como comentaron na presentación da campaña, competir por unha licenza nunha situación de clara desigualdade.

Se Cuac FM non obtén unha frecuencia, a súa continuidade manterá a mesma incerteza destes últimos 16 anos ("Cuac e algo do que podemos desfrutar hoxe, mañá non se sabe", repiten), sempre a expensas de que os poderes políticos decidisen clausurala, ou de que o seu lugar no dial (103.4) sexa ocupado por outra emisora, ben de forma legal (neste concurso vaise outorgar unha frecuencia en Ferrol no 103.2 que podería tapar a emisión de Cuac), ben de forma ilegal. Son moitas as emisoras comerciais, mesmo de grandes cadeas, que ocupan frecuencias que non lle foron concedidas. De feito, na Coruña apenas hai sete frecuencias de FM legais (as que emiten realmente son moitas máis) e en toda España funcionan actualmente unhas cinco mil emisoras, aínda que só hai 1.905 licenzas.

Se Cuac FM non obtén unha frecuencia, a súa continuidade manterá a mesma incerteza destes últimos 16 anos, sempre a expensas de que os poderes políticos decidisen clausurala, ou de que o seu lugar no dial (103.4) sexa ocupado por outra emisora

Os criterios da convocatoria fan moi difícil que unha emisora non comercial poida competir das propostas das grandes cadeas. Esixe, por exemplo, unha cuantiosa garantía económica só para participar no concurso. Ademais, aínda que a proposta de proposta de programación pode outorgar 40 puntos para o baremo final, a proposta económica pode acadar 30 puntos, a proposta tecnolóxica 20 puntos e a experiencia outros 10. Os responsables de Cuac confían na súa programación e na súa proposta tecnolóxica, pois foron dos primeiros en Galicia en emitir en Internet, en ter podcast ou en contar con aplicacións específicas para Android, iPhone e Nokia N9.

Porén, é moi difícil que poida competir con grandes cadeas na proposta económica (que mide a capacidade de investimento económico, entre outras cousas) e mesmo na experiencia, pois a pesar de que leva emitiendo dende 1996 está por ver que a mesa de avaliación compute unha actividade que se realizou (necesariamente) sen licenza. 

Se Cuac FM obtén finalmente esa licenza comercial, a súa actividade tamén variará, pois terá máis gastos (pola maior potencia de emisión contratada, por exemplo, ou polas esixencias de investimento). Porén, á marxe de que a emisora se vexa obrigada a inserir algo de publicidade (algo que nunca fixo), os seus responsables comprométense a manter o actual funcionamento aberto, democrático e horizontal da emisora.

 

Batalla pola impugnación do concurso e polas emisoras comunitarias

"Nós non queremos esta licenza", afirman, "non é a que nos convén e obríganos a competir con grandes operadores comerciais e nós non queremos ser unha competencia para eles"

En paralelo a este intento de legalizar a súa situación a través dun concurso non pensado para este fin, Cuac FM levará a cabo outra batalla, esta estritamente legal, para impugnar a convocatoria e esixir que a administración cumpra o seu compromiso de reservar un mínimo espazo no dial para as emisoras comunitarias ou sen ánimo de lucro. Farao a través da Red de Medios Comunitarios, que agrupa todas as emisoras españolas, e da que Cuac FM é a sede local e na que Mariano Enrique Fernández Cabarcos se ocupa da Secretaría e da Coordinadora de Lexislación.

Din que non queren que se interprete como un "desafío" nin como unha loita en contra de ninguén e engaden que "esta non é unha batalla legal por nós, senón que é por todos, pola cidadanía e por todas as emisoras comunitarias". "Nós non queremos esta licenza", afirman, "non é a que nos convén e obríganos a competir con grandes operadores comerciais e nós non queremos ser unha competencia para eles", aclara Fernández Cabarcos. As radios comunitarias son outra cousa, teñen outra función, a de dar servizo á sociedade, ás súas demandas e aos "intereses especializados" das persoas e colectivos.

A Xunta escúdase nesta inacción do Goberno central para restrinxir o concurso ás emisoras comerciais e tapa os ollos á realidade de que xa existen seis emisoras comunitarias en funcionamento

Porén, España está moi lonxe doutros países europeos, nos que as radios comunitarias si contan con lexislación e espazos específicos. Tan só unha emisora comunitaria (Radio Klara, na Comunidade Valenciá) acadou nas últimas décadas unha licenza de emisión. O resto manteñen a súa actividade nunha continua situación de alegalidade, á espera de que o Goberno central aprobe o regulamento que desenvolve a Lei Xeral de Comunicación Audiovisual de 2010, que recoñece por vez primeira (o que é un grande avance, despois de trinta anos de democracia) a existencia de emisoras comunitarias e posibilita que se poida legalizar a súa situación. A Xunta escúdase nesta inacción do Goberno central para restrinxir o concurso ás emisoras comerciais e tapa os ollos á realidade de que xa existen seis emisoras comunitarias en funcionamento, na Coruña, en Ferrol, en Corme, en Compostela, en Lugo e en Vigo.

Cuac FM impugnará o concurso, cuxas concesións poderían ser invalidadas por un tribunal, e fai un chamamento á cidadanía galega para que individualmente tamén presente recursos administrativos

Cuac FM impugnará o concurso, cuxas concesións poderían ser invalidadas por un tribunal, e fai un chamamento á cidadanía galega para que individualmente tamén presente recursos administrativos. Mesmo ofrecen un modelo, no que simplemente hai que incorporar o nome e DNI da persoa e entregar en calquera rexistro oficial. De igual xeito, van continuar co proceso aberto perante o Valedor do Pobo e a Defensora del Pueblo, para que actúen ante a ausencia de espazos para as iniciativas radiofónicas sen ánimo de lucro, o que ao seu xuízo vulnera a Constitución. Así mesmo, convidan aos cidadáns a que presenten as súas queixas individuais a este respecto nestas dúas institucións.

Algúns dos responsables de Cuac FM, na presentación da campaña CC-BY Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.