0 Gardados para despois

Greenpeace escala a central de Meirama para esixir o peche das centrais térmicas de carbón

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Un grupo de activistas de Greenpeace escalou na mañá deste venres á torre de refrixeración da Central Térmica de Meirama para á chamar a atención sobre a necesidade de abandonar a queima de carbón para a produción de electricidade. A acción serve de anticipo ao Día de acción Global contra o carbón, que terá lugar este sábado cunha vintena de mobilizacións en todo o Estado, incluíndo unha concentración nas Pontes (11.30, na Praza Poeta Uxía Novoneyra), convocada pola plataforma Galiza, Un Futuro Sen Carbón. O luns comezará en Polonia a Conferencia das Nacións Unidas sobre cambio climático (COP24).

Este sábado está convocada unha concentración nas Pontes para pedir o peche da central

Os escaladores e escaladoras accederon de forma pacífica ao recinto propiedade de Naturgy e ascenderon pola torre coa intención de realizar un gran debuxo dunha fenda "que simboliza a situación da industria da queima de carbón e poñer de manifesto a necesidade de dar paso a un sistema 100% renovable". Outro grupo ocupou a zona de descarga de carbón.

Activistas de Greenpeace entrando na Central de Meirama

As Pontes é a 29ª central máis contaminante de Europa e Meirama a número 64

Meirama (situada no concello de Cerceda) é a central térmica máis contaminante de Naturgy e ocupa o posto 64 en emisións contaminantes das 266 centrais analizadas en Europa polo informe da plataforma Europe Beyond Coal. Greenpeace esíxelle ao Goberno central que estableza "un calendario para o abandono de todas as enerxías sucias e a súa substitución por enerxías renovables", de forma que as centrais nucleares "pechen a medida que vaian finalizando as súas actuais licenzas de explotación" e se estableza o ano 2025 como data límite para o peche das centrais térmicas de carbón. "É hora de que Naturgy asuma un compromiso urxente e real na loita contra o cambio climático e a transición enerxética e anuncie que non investirá en alargar a vida das súas térmicas de carbón e que polo tanto pecharaas no ano 2020 como moi tarde", declarou Tatiana Nuño, responsable da campaña de cambio climático de Greenpeace.

Galicia é un dos territorios europeos máis afectados polo cambio climático, como se viu na última vaga de incendios

Un informe presentado este venres pola Fundación Ecología y Desarrollo (ECODES) destaca que Galicia é un dos territorios europeos máis afectados polo cambio climático, uns efectos que xa se están deixando notar en vagas de incendios cada vez máis difíciles de conter, como vimos no outono do pasado ano. Os cambios nos réximes de precipitacións están a provocar danos tamén en determinados cultivos.

Activistas de Greenpeace na Central de Meirama

A plataforma Galiza, Un Futuro Sen Carbón alerta de que as centrais de As Pontes e Meirama provocaron 143 mortes prematuras durante 2016. Ademais, foron responsables de 5.000 casos de síntomas de asma en nenos e nenas, de 106 novos casos de bronquite crónica e de 117 ingresos hospitalarios por problemas respiratorios e cardiovasculares. Os custos sanitarios por causa dos ingresos hospitalarios e máis da perda de 52.000 días de traballo estimáronse en ata 430 millóns de euros. "Non somos conscientes das implicacións que ten para nós como país manter estas dúas térmicas abertas, os problemas directos para a saúde que provocan e os efectos xerais para o medio ambiente", destacaba en conversa con Praza Manoel Santos, coordinador de Greenpeace Galicia.

As Pontes e Meirama provocaron 5.000 casos de síntomas de asma en 2016 e custos sanitarios valorados en 430 millóns de euros

A térmica das Pontes é a 29ª central máis contaminante de Europa. As centrais de carbón son a maior fonte emisora de gases causantes de cambio climático en Galicia, achegando un terzo das emisións totais nos últimos anos. O peche de Meirama en xuño de 2020 é inevitable, pois non realizou ningún tipo de adaptación para limitar as súas emisións de SO2, NOX e partículas. Actualmente Endesa está a realizar investimentos para adaptar a súa central das Pontes aos límites de emisións á atmosfera máis estritos marcados pola normativa europea vixente, para o cal conseguiu unha prórroga de catro anos e medio, ata o ano 2025. Porén, isto non reducirá as súas emisións de CO2. A plataforma esixe o peche de Meirama no ano 2020 e da central de Endesa nas Pontese no ano 2025 como moi tarde, e un plan para os traballadores/as afectadas e para as comarcas nas que se sitúan as dúas instalacións.

Central Térmica de Meirama | Greenpeace 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.