Milleiros de cidadáns cercan de novo o Congreso nun 29S que se estende a Galicia

Manifestación do 29S en Madrid CC-BY eldiario.es

A indignación segue na rúa. Milleiros de persoas volvéronse concentrar este sábado á tarde nas inmediacións do Congreso dos Deputados en Madrid, na zona de Neptuno para participar na terceira protesta que cerca o Congreso nesta semana logo de que o pasado 25 de setembro a convocatoria acabara cun importantes incidentes e varios feridos pola actuación da Policía. As protestas chegaron tamén a Galicia, onde centos de persoas secundaron a marcha en cidades como Vigo, A Coruña, Compostela ou Ourense, ao igual que noutras localidades do Estado.

Varias protestas en cidades galegas secundaron a manifestación do 29S no país

Os arredores do Congreso tamén volveron presentar unha forte presenza policial, ao igual que nas protestas celebradas o pasado martes e mércores e convocadas pola Coordinadora 25S. "Goberno dimisión", "Menos Policía e máis Educación" ou "Non é unha crise, é unha estafa" foron os berros máis empregados polos manifestantes, onde houbo tamén moitas pancartas e cánticos pedindo a dimisión do Goberno e o inicio dun proceso constituínte.

Malia que a Policía mandou aos medios desaloxar as infraestruturas colocadas para gravar e seguir a manifestación, os xornalistas quedaron na zona e puideron cubrir unha nova protesta na que se denunciou o "secuestro" da democracia por parte do Executivo e que algúns comezaron na Puerta del Sol para percorrer o camiño cara á praza de Cánovas del Castillo. 

Os organizadores da acción decidiron seguir adiante con ela a pesar de que a Delegación do Goberno en Madrid advertiu de que se trata dunha concentración "absolutamente ilegal" ao non pedir autorización para celebrala. A tensión foi menor que a dos  últimos días, despois de que o pasado martes a primeira protesta nos arredores do Congreso acabase con 35 detidos e ducias de feridos durante os disturbios que tiveron lugar principalmente en Neptuno e na zona de Atocha.

Até pasadas as 12 da noite, foron milleiros os que se xuntaron na praza Neptuno de Madrid, malia que levaban alí desde as seis da tarde. Un forte dispostivo policial evitaba que se achegasen ao Congreso dos Deputados. Finalmente, e arredor das 12.15, foi desaloxada de forma pacífica a rúa, malia que houbo momentos de tensión e algún enfrontamento que se saldou con dous detidos.

Ademais, en Portugal, unha enorme manifestación encheu tamén as rúas de Lisboa nun día de loita contra "o naufraxio" do país luso. A petición da convocatoria dunha folga xeral foi case unánime entre os cidadáns que saíron á rúa en contra das políticas económicas e dos recortes aplicados polo Goberno baixo as instrucións da troika. Foron máis de 300.000 os cidadáns que saíron á rúa contra o "empobrecemento" nunha marcha convocada pola CGTP-IN.

Manifestación do 29S en Vigo CC-BY 15MVigo
Manifestación do 29S en Ourense Dominio Público @Bodescu
Manifestación do 29S na Coruña Dominio Público @Daniel_Candal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.