0 Gardados para despois

Ocupan a Finca do Espiño para reinvindicala como espazo público

Redacción | @prazapublica

Pasan os meses e o predio do Espiño, segue abandonado e pechado á cidadania compostelá. O proxecto inicial para rehabilitar o espazo como parque público e construción dunha residencia da terceira idade fora transformado por Conde Roa para colocar alí 120 vivendas de luxo. Agora o novo alcalde compostelán Ángel Curras decidiu executar o cobro dos 2,3 millóns que a construtora Layetana lle adebedaba ao Concello e sinala que a súa prioridade é o acondicionamento do espazo público: parque e rehabilitación do palacete modernista.

Pero os colectivos que levan meses esixindo que se executen as sentenzas do TSXG que obrigan á empresa a iniciar os traballos de preparación do parque público consideran que estes anuncios son meras "manobras dilatorias". Ademais segue sen estar claro que pasará coa parte privada do predio. O Goberno municipal do PP modificou o uso dese solo: de residencial comunitario a vivenda libre e ese espazo ben podería ser ocupado por vivendas de luxo.

Por ese motivo esta mañá un grupo de activistas e de candidatos da Alternativa Galega de Esquerda entrou na Finca do Espiño para levar a cabo unha ocupación simbólica do espazo e para realizar traballos de limpeza das xestas e outro tipo de vexetación que cubre os camiños e boa parte dos edificios. Con eles ía tamén un biólogo para procurar que ningunha especie protexida fose arrincada.

Con esta acción queren reivindicar o lugar como espazo público "que pertence por lei e por dereito á cidadanía de Compostela". Trátase dunha acción simbólica que quere denunciar noutro nivel "a politica de privatización dos espazos e dereitos públicos que está levando a cabo o PP en toda Galiza". Dáse a circunstancia de que esta ocupación simbólica se realizaba a menos de 100 metros da residencia oficial do Presidente da Xunta en Montepío. 

Esta acción ten moitas coincidencias coas que dende o verán leva a cabo en Ferrolterra o grupo de Acción Directa de Recuperación de Espazos Públicos que este sábado continuará o traballo de recuperación da Batería de San Cristovo.

 

Un parque de 26 mil metros cadrados no mesmo centro de Compostela

A Finca do Espiño é un parque de 26 mil metros cadrados no mesmo centro de Compostela, na zona de Galeras, entre Carme de Abaixo e Santa Isabel e ao pé da residencia do Presidente da Xunta, en Montepío. No seu interior atópase a estrutura, cada vez máis degradada, do palacete modernista realizado por J. López de Rego en 1910, un dos máis importantes exemplos de arquitectura civil en Compostela, e un espazo verde dunha valiosísima riqueza botánica, con árbores de todo tipo: árbores americanas, que se sementaron a comezos do século XX, así coma unha carballeira catalogada.


Ver Finca do Espiño nun mapa máis grande

Localización da Finca do Espiño

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.