Comeza o xuízo do Prestige que chega dez anos tarde

Voluntarios recollendo chapapote Dominio Público Praza Pública

Dez anos despois da catástrofe, este martes comeza o xuízo pola desfeita do Prestige, o petroleiro afundido fronte a costa de Galicia en novembro de 2002 que causou a maior catástrofe ecolóxica do país ao deitar sobre as rías e as praias galegas unhas 60.000 toneladas das 77.000 que levaba a bordo.

A Audiencia Provincial da Coruña desprazarase ao recinto feiral Expocoruña para acoller un macroxuízo cuxas cifras arrepían. É a maior causa que se instruíu na historia de España por un delito medioambiental que suma máis de 230.000 folios de sumario. E iso que houbo recortes. Nun inicio había máis de 2.000 prexudicados, agrupados en 55 acusacións, que finalmente quedaron reducidos a uns 1.500. Ademais, intervirán 140 testemuñas, 27 procuradores, 70 avogados e haberá preto de 100 probas periciais.

Hai 1.500 prexudicados, 140 testemuñas, 27 procuradores, 70 avogados e máis de 230.000 folios de sumario

Aínda así, a xornada deste martes virá marcada polas lembrazas e a manifestación que a plataforma Nunca Máis ten convocada para as 11 da mañá a carón do recinto. Berrarán “contra a impunidade” e para recordar tamén que, malia os pequenos avances, Galicia “pode sufrir outro Prestige” na actualidade. Porque o que se decidirá nesta primeira xornada de xuízo será se se admiten novas probas, así como algún outro detalle de funcionamento. A vista quedará suspendida até o vindeiro 13 de novembro e daquela a data si será especialmente significativa. Será ese día, xusto dez anos despois do comezo da traxedia ao romperse un tanque que lanzou o buque á deriva, cando se interrogará o principal acusado, o capitán grego do petroleiro, Apostolos Mangouras.

Tras o inicio deste martes, a vista suspenderase até o 13 de novembro, décimo aniversario da catástrofe e data na que Mangouras declarará

Para Mangouras pídense 12 anos de cadea por atentado contra o medio ambiente, danos e desobediencia, os mesmos delitos que se lles imputan a outros dous membros da tripulación, Ireneo Maloto, primeiro oficial, de nacionalidade filipina e en paradoiro descoñecido, e Nikolaos Argyropoulos, xefe de máquinas.

Ademais, no banco dos acusados sentarán tamén José Luis López-Sors, ex director xeral da Mariá Mercante e subordinado de Francisco Álvarez-Cascos, que dirixía o Ministerio de Fomento, e que está acusado de imprudencia grave ao provocar o rumbo errático e incomprensible do Prestige durante seis días e que fixo posible que o cru se espallase polos máis de 1.600 quilómetros de costa de Galicia.

Alén diso, a reclamación total por danos e prexuízos en materia de responsabilidade civil ascende a case 2.250 millóns, aínda que a Fiscalía presentará unha proba pericial que elaborou unha experta da Universidade de Santaigo e que eleva a cantidade a case 4.000 millóns.

O Estado é á vez prexudicado e acusado; reclama case 4.000 millóns de euros pero tamén pode ser declarado responsable civil subsidiario

Pero o que centrará o foco será a xestión pública da catástrofe a cargo do Goberno de José María Aznar, que tiña a Mariano Rajoy á fronte do operativo. O Estado español é á vez prexudicado e acusado no xuízo. Reclama 3.862 millóns dos 4.121 nos que a Fiscalía cuantifica os dantos da catástrofe. No entanto, tamén pode ser declarado responsable civil subsidiario e, polo tanto, que se dtermine que lle teoca pagar parte das reclamacións millonarias.

A Audiencia Provincial revogou a exculpación da Administración na instrución e obrigou a incluír entre os acusados a López-Sors

Ademais, a inclusión de López-Sors entre os acusados é outra das claves, logo dunha longuísima instrucción con cinco xuíces diferentes. A última xuíza cargou todas as culpas en Mangouras e os outros dous mandos do buque, deixando sen responsabilidade as autoridades do Executivo de Aznar. Incluso aceptou como perito clave a un enxeñeiro que asesorara o Ministerio de Fomento durante a catástrofe. Ao igual que a Fiscalía, considerou que a desfeita era inevitable, independentemente do que fixera o Goberno. Pero a Audiencia Provincial revogou a exculpación da Administración e obrigou a incluír entre os acusados a López-Sors. Será agora o tribunal quen determine se a xestión daquel Goberno tivo parte de culpa en que a catástrofe ecolóxica acabara por ser das maiores que se recorda no mundo.

O Prestige, partido e a piques de afundir © Xurxo Lobato / Divulgada pola Plataforma Nunca Máis
Plano do recinto no que se celebrará o xuízo © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.