Unidade sindical para que "a inmensa maioría do país" vaia á folga contra os recortes

Gómez, Seixo e Aguión diríxense a rexistrar a folga CC-BY-SA Merixo

A folga xeral do 14 de novembro tivo en Galicia unha pedra no camiño case un mes antes da súa celebración formal. A revalidada e ampliada maioría absoluta do PP nas eleccións do 21 de outubro inxectou entre boa parte das forzas de esquerda e, por extensión, en amplos sectores das centrais sindicais unha sensación de desánimo que, a priori, non é a mellor conselleira para levar a bo porto unha mobilización deste calado. Pero, mentres na que foi oposición parlamentaria ata o de agora o shock post electoral se mestura coa apertura de senllos procesos de "reflexión", os principais sindicatos do país apóianse, desta volta si, na súa unidade para esconxurarse contra ese desánimo e apelar á "inmensa maioría do país" esa mesma que "non lle votou ao PP", din.

Os líderes da CIG, de CCOO e UGT lanzaban esta apelación tras rexistrar, este mércores no Rexistro Xeral da Xunta, a convocatoria oficial da folga. Tras realizar o trámite o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, amosábase convencido de que a poboación sairá á rúa o 14-N de maneira "masiva", especialmente os "moitos milleiros de cidadáns e ciadadás que non lle votaron ao PP", tamén "os que votaron en branco ou se abstiveron". Todos eles, din deben "comprender que a situación" en Galicia "é aínda peor" tras as eleccións. "Nós -recoñece- entendíamos que era unha desgraza que o PP seguise gobernando" e "un sector da poboación deciciuse por esa desgraza" pero outro sector, "moi amplo", apostou por "outras alternativas" e iso, di, pode ficar reflectido no paro do día 14.

Os sindicatos fan un especial chamamento aos "milleiros de cidadáns e cidadáns que non lle votaron ao PP" o 21-O

Nun sentido semellante maniféstase o máximo responsable de Comisións en Galicia. Xosé Manuel Sánchez Aguión percibe "un cabreo xeralizado na xente" que se mantén e mesmo se amplía con independencia de que Feijóo pasase a reválida das urnas. Nesta liña Aguión coida que o 21-O deixou clara a "necesaria reforma da lei elctoral", porque "co 25% dos votos un partido goberna con maioría absoluta e mesmo a amplía" malia perder sufraxios. Os conservadores "teñen toda a lexitimidade para gobernar" conforme ás actuais "regras de xogo" pero tamén, di, cómpre ter en conta que "nas cidades, onde se concentra a clase traballadora e o máis activo do movemento obreiro, o PP perde e gana a oposición, a nova oposición, a forza emerxente AGE". Entre eses sectores da poboación, salienta, "gana a esquerda" e, polo tanto, "as posicións que vén defendendo o movemento sindical".

Do mesmo xeito o secretario xeral de UGT Galicia, José Antonio Gómez, non cre que o feito de que o PP recunque vaia desinchar a folga xeral. "O PP perdeu votos" e "o 73%" do electorado "non o apoiou", resalta". Así, "independentemente" de que teña "lexitimidade" para estar á fronte do Executivo galego, Gómez coida que dende o Executivo de Feijóo deberan facer "unha reflexión sobre as políticas de axuste e austeridade". Esa mesma reflexión, anticipa, é a que vai sacar á rúa "á inmensa maioría".

Contra a reforma laboral e os recortes

"Esta non é só unha folga sindical, é unha folga social"

Con estas condicións de partida os tres sindicatos maioritarios agardan que o paro sexa un fiel reflexo do rexeitamento que acumula na súa contra a reforma laboral do Goberno central e, en xeral, as políticas de recorte, "ineficaces e inútiles" que, di Aguión, "nos está levando á miseria" e á creación de "máis paro" mentres quen ten traballo sofre "máis precariedade" e quen accede a el, padece o "empeoramento das súas condicións laborais". Nesta liña o líder de UGT outórgalle especial importancia a que a convocatoria de folga xeral se produza na xornada de "acción e solidariedade" que se vai producir en boa parte da Unión Europea nese mesmo 14-N. "Estase demostrando que as políticas de axuste o único que conducen é a máis paro, máis recesión, maior desigualdade, pobreza e marxinalidade", di Gómez, quen apela ao conxunto da cidadanía a asumir que esta "non é só unha folga sindical, é uha folga social".

Tamén Suso Seixo ve "moi positivo" que haxa xa convocatorias de folga xeral noutros países para ese mesmo día, especialmente "nos que están a sufrir as consecuencias máis duras da especulación coa débeda pública". "O panorama que está por diante é altamente preocupante", di o secretario xeral da CIG, polo que "é fundamental mandarlles unha mensaxe clara tanto ao Goberno español como ao galego", pero tamén lograr que "a UE tome nota de que así, non" e de que a "especulación non é o camiño".

Gómez, Seixo e Aguión diríxense a rexistrar a folga CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.