Acabar coa sobrepesca para que non acabe a pesca

Lira CC-BY Greenpeace

Xosé Veiras publica unha análise da reforma da Política Pesqueira Común (PPC). En Un Claro no Bosque, o blog sobre ecoloxismo social e biodiversidade de Praza.

A reforma da PPC é unha oportunidade (a derradeira?) para garantir o futuro da pesca na UE, o que pasa por recuperar os stocks pesqueiros sobreexplotados. Porque sen peixes non hai mariñeiros. A xuízo da alianza Ocean2012, a PPC “debería acabar coa sobrepesca, reducir os danos ocasionados nos ecosistemas e crear na UE un sector pesqueiro ambientalmente sustentábel”, condición necesaria para a súa viabilidade. Responden a estes obxectivos as propostas a debate?

Segundo a propia Comisión Europea, o 75% dos stocks pesqueiros están sobreexplotados. Malia o descenso no número de barcos, e a pesar de se ter gastado case un billón de euros públicos no despece de barcos só entre 2000 e 2006, a capacidade pesqueira aumentou un 3% anual entre 1992 e 2010, por causa da modernización da frota. Con todo, as capturas non deixaron de diminuír. Perante a sobreexplotación das augas europeas, a UE exporta a sobrepesca ou recorre á impactante acuicultura intensiva para soster o seu sobreconsumo de peixe.

Instaurada en 1983 e revisada xa dúas veces (en 1992 e 2002), a PPC fracasou na procura dunha pesca sustentábel

Instaurada en 1983 e revisada xa dúas veces (en 1992 e 2002), a PPC fracasou na procura dunha pesca sustentábel. Sen unha reforma adecuada da PPC continuaremos a degradar os mares e a perder empregos no sector pesqueiro. Galicia podería facer un contributo importante para unha PPC sustentábel, pois é unha potencia pesqueira e consome moito peixe: nada menos que 55,1 kg anuais por habitante, fronte aos 23,3 kg de media da UE e os 17,8 de media mundial. Para iso, en lugar de competirmos con outros países pola maior participación posíbel da frota galega na sobreexplotación dos mares dentro e fóra da UE, por “pescar o derradeiro peixe” nuns oceanos cada vez máis degradados, e de nos crer con dereito a consumir canto peixe queiramos e poidamos pagar, habería que recoñecer a incómoda realidade dos límites ambientais, adoptar unha visión a longo prazo e defender un reparto xusto dos recursos pesqueiros a escala global (o que loxicamente vai máis alá de cuestionar o chamado “principio de estabilidade relativa” dentro da UE).

En lugar de competirmos con outros países pola maior participación posíbel da frota galega na sobreexplotación dos mares dentro e fóra da UE, habería que recoñecer a incómoda realidade dos límites ambientais, adoptar unha visión a longo prazo

O proceso de reforma da PPC iniciouno a Comisión Europea coa presentación dun borrador de reforma en xuño do ano pasado. Un ano despois, o Consello de Ministros de Pesca dos estados membros aprobou un documento coa súa posición. No Parlamento europeo o debate centrouse até agora no Comité de Pesca, que acordará un texto final de emendas á proposta de reforma que se debaterá e votará despois no pleno do Parlamento. Se o Consello de Ministros concorda coa proposta do Parlamento, o proceso rematará. En caso contrario, haberá que negociar un acordo entre Parlamento e Consello e a reforma aprobaríase probabelmente no segundo semestre do próximo ano. Paralelamente ao debate do regulamento de pesca, cun certo atraso a respecto del, estanse a discutir os fondos para o período 2013-2020.

 

Eis algúns elementos da reforma da PPC cruciais para lograr unha pesca sustentábel, unha pesca con futuro:

Rendemento Máximo Sustentábel

Aínda que o logro do RMS a curto prazo implica unha redución da presión pesqueira sobre a maioría dos stocks, a longo prazo aumentaría a rendibilidade da actividade pesqueira

O rendemento máximo sustentábel (RMS) é a captura óptima que pode extraerse dunha poboación de peixes ano tras ano sen pór en perigo a súa capacidade de rexeneración futura. Xa en 2002, a Cimeira Mundial sobre Desenvolvemento Sustentábel celebrada en Johannesburgo (Rio+10), estabeleceu o obxectivo de atinxir o RMS, a máis tardar, en 2015. A Comisión Europea propuxo atinxir o esforzo pesqueiro asociado ao RMS en 2015, o que só a longo prazo levaría eventualmente a lograr o RMS. Malia esta aproximación non moi ambiciosa ao RMS, a proposta sobre a reforma da PPC consensuada en Galicia por Xunta, Parlamento e Consello Galego de Pesca demanda un adiamento até 2020.

Para os defensores da pesca sustentábel, o RMS é un paso intermedio cara unha xestión da pesca que teña en conta todo o ecosistema mariño, pois o RMS non considera o impacto da pesca sobre a biodiversidade mariña. Aínda que o logro do RMS a curto prazo implica unha redución da presión pesqueira sobre a maioría dos stocks, a longo prazo aumentaría a rendibilidade da actividade pesqueira. De acordo cun estudo da new economic foundation, restaurar só 43 das 150 poboacións de peixes europeas até o RMS xeraría 3,53 millóns de toneladas adicionais de desembarques e 100.000 empregos. A transición rápida ao RMS debería ir acompañada do financiamento necesario para garantir a adaptación socioeconómica, pois serían necesarias paradas temporais e axustes da frota.

 

Redución da capacidade pesqueira

En moitos casos, a capacidade de captura é moi superior á que sería necesaria para obter as cuotas de pesca estabelecidas, o que leva á sobrepesca e á pesca ilegal. Este exceso de capacidade xera unha presión política sobre os Gobernos que os leva a ignorar as recomendacións científicas no momento de decidiren as cuotas. Por exemplo, en 2009, no Golfo de Biscaia e nas augas do Atlántico ibérico, as cuotas excederon por termo medio un 55% a proposta científica.

Os ecoloxistas europeos opóñense á obrigatoriedade das cuotas individuais transferíbeis, pois achan que non garanten a minimización do impacto social e a consideración adecuada dos aspectos ambientais

A Comisión pretende eliminar o financiamento do despezamento de barcos e que sexa o mercado o que axuste a capacidade da frota á dispoñibilidade dos recursos, a través dun sistema de cuotas individuais de pesca transferíbeis, do que se excluirían as embarcacións menores de 12 m que non pesquen con arrastre (a maioría no caso galego).

Os ecoloxistas europeos opóñense á obrigatoriedade das cuotas individuais transferíbeis, pois achan que non garanten a minimización do impacto social e a consideración adecuada dos aspectos ambientais. Tamén coidan que tería sentido manter as axudas para o despezamento, mais só se son puntuais e baixo estritas condicións.Asemade, defenden que se prime no acceso aos recursos pesqueiros aos barcos con menores impactos ambientais e mellor rendemento social.

 

Descartes

A Comisión propuxo un calendario para acabar cos descartes - as capturas non desexadas que se desbotan- para algúns dos principais stocks comerciais. Unha medida que parece contar con amplo respaldo, como amosa o éxito da campaña Nin un peixe pola borda. No caso da pesca galega, un estudo recente estimou que os descartes ascenden a 60.250 toneladas anuais, o que supón o 17% do total das capturas, sendo os barcos de arrastre –unha arte pouco selective e moi impactante- responsábeis da maioría dos descartes.

 

Fondo Europeo da Pesca

“A maior parte dos subsidios acaban en mans dunha rede de empresas e armadores pesqueiros españois famosos por participaren en actividades pesqueiras ilegais”, parte delas galegas"

Os ecoloxistas demandan que, polo menos, se dupliquen os recursos destinados á compilación de información sobre o estado dos stocks e ao control da pesca, en comparación co período 2007-2013. Asemade, apoian a proposta da Comisión Europea de excluír do financiamento algunhas medidas que contribúen á sobrecapacidade da frota e á sobrepesca, como as axudas para a construción de novos barcos pesqueiros.

Propoñén tamén a ecocondicionalidade, é dicir, que os estados só se poidan beneficiar deste fondo se aplican correctamente ás normas da PPC -como a avaliación do equilibrio entre a capacidade da frota e os recursos dispoñíbeis- e a lexislación ambiental no que atinxe ao medio mariño -Directiva Aves, Hábitats e sobre a Estratexia Mariña-. Tamén xulgan inaceptábel conceder axudas a empresarios que cometan infraccións gravesSegundo un informe de Greenpeace, no Estado español, o maior receptor de axudas, “a maior parte dos subsidios acaban en mans dunha rede de empresas e armadores pesqueiros españois famosos por participaren en actividades pesqueiras ilegais”, parte delas galegas. Até hoxe a insustentábel pesca industrial ten sido favorecida no reparto de fondos en detrimento da pesca artesanal, de baixo impacto ambiental e alto valor social.

 

Pesca en augas de estados non pertencentes á UE

A política pesqueira da UE impacta en todo o mundo, pois a UE é o maior importador de produtos pesqueiros e posúe a terceira maior frota mundial, que pesca en todos os oceanos. A débeda pesqueira da UE cos países empobrecidos -parte da débeda ecolóxica- é considerábel e a ela contribúe, e non de xeito menor, o noso país, coa actividade da súa importante frota de grande altura -122 barcos rexistrados en Galicia- e co seu consumo excesivo de peixe, entre os maiores do mundo.

A UE leva moito tempo exportando a sobrepesca. No caso de Galicia, desde os anos sesenta

A UE leva moito tempo exportando a sobrepesca. No caso de Galicia, desde os anos sesenta, se ben no noso país resulta politicamente incorrecto empregar termos como deslocalización da sobrepesca ou espolio pesqueiro. Vense máis acaídas descricións deste fenómeno como a que fixo un dos máis destacados intelectuais do país: “A transferencia xeográfica da frota como reacción defensiva contra a improdutividade”. Semella que aínda hoxe non pouca da xente que aspira a que os galegos e galegas explotemos os nosos propios recursos en beneficio propio prefire aplicar outra lóxica cando se trata, por exemplo, do atún africano.

Para favorecer o acceso de barcos europeos aos recursos doutros países, a PPC estabeleceu acordos de asociación con países de fóra da UE -agora denominados de Pesca Sustentábel-, financiados con fondos públicos, sendo o Estado español -xuntoa Francia e, en menor medida, Portugal, Italia e Reino Unido- o máis beneficiado. Actualmente, a maioría dos acordos en vigor son para a pesca de túnidos. A proposta de reforma da PPC formula algunhas melloras nestes acordos, como a inclusión dunha “cláusula de exclusividade” en todos os acordos, para evitar que barcos acollidos a un acordo poidan, unha vez esgotada a cuota financiada pola UE, seguir faenando nas mesmas augas a través de acordos privados co correspondente estado, en condicións a miúdo menos esixentes. Para os ecoloxistas, as melloras propostas son insuficientes, e demandan maior transparencia e control, que os barcos europeos só pesquen o que non poida pescar a frota local, que non se ataque a soberanía alimentar doutros pobos, que se apliquen as mesmas esixencias ambientais e sociais que na UE, e que os acordos se financien só cos fondos das empresas propietarias dos barcos beneficiarios.

A reforma da PPC pretende potenciar a acuicultura de forma xeralizada, o que é rexeitado desde as organizacións que procuran unha PPC sustentábel

 

Acuicultura

A reforma da PPC pretende potenciar a acuicultura de forma xeralizada, o que é rexeitado desde as organizacións que procuran unha PPC sustentábel. Estas propoñen que se promova só a acuicultura máis intensiva en emprego e con menor impacto ambiental e que se recoñeza de forma explícita o marisqueo, unha actividade con grandes beneficios sociais e respectuosa co medio.

Acción contra a sobrepesca CC-BY ocean2012.eu
Lira CC-BY Greenpeace

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.