A febre do tantalio chega a Viana do Bolo

A mina da Penouta Dominio Público SIGPAC

A empresa canadiana Pacific Strategic Minerals quere explotar as vellas escombreiras e balsas da mina de estaño da Penouta, en Viana do Bolo. Busca tantalio, un valioso material empregado na industria electrónica que ten un valor de 192 euros por quilo. En principio, o proxecto afirma que para logralo só quere reprocesar os materiais contidos nas vellas escombreiras e balsas mineiras para aproveitar mellor o mineral de estaño que ainda conteñen e, sobre todo, para extraer a tantalita, o mineral que contén o tantalio. E promete que o fará sen empregar produtos químicos, tan só mediante trituración, seguida de separación densimétrica e magnética.

A priori é un proxecto máis limpo e menos invasivo que outros plans mineiros que están chegando nos últimos tempos a distintas zonas de Galicia, entre outras cousas axudaría en principio a reducir o volume actual das escombreiras e balsas mineiras (máis de 13 millóns de toneladas). E é que cando en 1985 se abandonou esta mina, fíxose sen ningún tipo de restauración ambiental e o impacto da mina, duns 250 campos de fútbol de extensión é ben visible.

Porén, a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) alerta deste proxecto por varios motivos e alerta dos prexuízos que podería causar no seu entorno, pois entre outras cousas a mina limita co LIC e a ZEPA de Pena Trevinca. A SGHN denuncia que o proxecto, no seu apartado ambiental, "esquece" nomear as directivas Hábitat (Directiva 92/43/CEE), Aves (Directiva 2009/147/CE) e Auga (Directiva 2000/60/CE), ademais do Plan Hidrolóxico da Demarcación Miño-Sil. Ademais, aínda que a empresa promete “a creación de aproximadamente 100 postos de traballo directos e 500 indirectos, é dicir, xeraríanse 600 novos postos de traballo ao redor desta industria”, na táboa detallada da páxina 48 do proxecto só constan 70 postos de traballo directos.

Por este motivo a SGHN demándalle á Xunta que se "extremen as medidas para evitar as afeccións do proxecto sobre hábitats de interese comunitario" e que "se inclúan no proxecto todas as medidas preventivas e/ou correctoras recomendadas nos plans de conservación de especies ameazadas". Así mesmo, "á vista da nula restauración ambiental feita ao rematar a anterior explotación deste xacemento e ao tratarse agora dunha multinacional con sede fóra da UE", a SGHN pídelle á Xunta que "esixa un aval a Pacific Estrategic Minerals polo importe estimado para a axeitada restauración ambiental da área afectada polo proxecto mineiro".

A mina da Penouta Dominio Público SIGPAC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.