Onde e como se tratan os refugallos do Prestige?

Refugallos do Prestige nas Somozas © Adega

O tratamento dos refugallos do Prestige recollidos da costa é, segundo denuncia Adega, "un asunto escuro aínda sen resolver que novamente amosa o desleixo das administracións, que mesmo poderían estar incorrendo en ilegalidades". A organización ecoloxista asegura que das 90.000 toneladas recollidas unhas 10.000 fican aínda sen tratamento e "almacenadas ilegalmente nunhas balsas nas Somozas". Ademais, lembra tamén que a normativa vixente de residuos e solos contaminados obriga a tratar estes refugallos nun prazo máximo de 6 meses, mentres que "xa van alá 10 anos". 

Do mesmo xeito, Adega recorda que das 80.000 toneladas tratadas por Sogarisa, valorizáronse (incineráronse) 956 de plásticos e 482 de fuel, isto é, un 10,2 e un 7,5% respeitivamente. "Onde foron o resto dos plásticos e do fuel?", pregúntase o colectivo, que denuncia que o 91% de plásticos e fuel oil "acabou nun vertedoiro". "Para iso pagamos 24 millóns de euros?", di a organización, que engade nunha nota de prensa e o informe de Sogarisa sobre os refugallos.

Tal e com lembra Adega, das 90.000 toneladas de refugallos do Prestige,  60.000 foron almacenadas en Sogarisa, 20.000 en Cerceda e outras 10.000 "en diferentes puntos". "Os datos oficiais e as informacións de prensa sobre o destino destes refugallos foron por veces contraditorios e non só non aclaran determinados aspectos do proceso, senón que deitan dúbidas sobre a súa legalidade", insiste, tras reconstruír en base ás novas a cronoloxía seguida polos restos da catástrofe marítima. 

A día de hoxe, e tal e como recoñeceu a Xunta, seguen sen tratar unhas 10.000 toneladas que están almacenadas en balsas por Sogarisa nas Somozas, agardando que o Estado e o Goberno galego "se poñan de acordo para pagar os 3 milóns de euros que custaría o proceso".

A este respeito, Adega chama a atención sobre a "posíbel ilegalidade do almacenamento dos residuos sen tratar". Así, lembra outra vez o que a Lei 22/2011, de 28 de xullo, de residuos e solos contaminados di no sei artigo 20:

"Con carácter general los gestores de residuos están obligados a: Mantener los residuos almacenados en las condiciones que fije su autorización. La duración del almacenamiento de los residuos no peligrosos será inferior a dos años cuando se destinen a valorización y a un año cuando se destinen a eliminación. En el caso de los residuos peligrosos, en ambos supuestos, la duración máxima será de seis meses; en supuestos excepcionales, el órgano competente de las Comunidades Autónomas donde se lleve a cabo dicho almacenamiento, por causas debidamente justificadas y siempre que se garantice la protección de la salud humana y el medio ambiente, podrá modificar este plazo. Durante su almacenamiento los residuos peligrosos deberán estar envasados y etiquetados con arreglo a las normas internacionales y comunitarias vigentes. Los plazos mencionados empezarán a computar desde que se inicie el depósito de residuos en el lugar de almacenamiento".

Adega entende que "non poden aceptarse causas técnicas, pois iso xa se resolveu antes do tratamento das 80.000 toneladas anteriores, polo que Sogarisa debe estar obrigada a non aceptar os refugallos se non pode tratalos, ou a transferilos dentro do prazo máximo de almacenamento a outro xestor autorizado". En caso contrario, unha vez aceptrados, mesmo se non hai quen pague, estaría obrigada a tratalos.

Refugallos do Prestige nas Somozas © Adega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.