Hai 35 anos Galicia tivo a súa 'diada'

A manifestación da Coruña Dominio Público Praza Pública

O motor de todo o proceso autonómico durante a Transición foron as reivindicacións catalás. Catro meses despois da celebración das primeiras eleccións, ao berro de libertat, amnistía i estatut de autonomía faltáballe aínda o terceiro pé. O sentimento identitario catalán, demostrado en multitudinarias mobilizacións (na celebración da Diada, o 11 de setembro de 1977, máis dun millón e medio de persoas se manifestaron en Barcelona reivindicando a autonomía), obrigou o goberno de UCD a acelerar a reinstauración da Generalitat, algo que finalmente se produciu o 29 de setembro dese ano co famoso ja soc aqui. Deste xeito o punto partida das preautonomías foi a Operación Tarradellas, unha intelixente xogada de Suárez consistente no restabelecemento da Generalitat na figura do seu presidente no exilio. A medida efectuouse a través dun Decreto-Lei baseado no Artigo 13 da lei de Cortes franquista, e ademais de constituír un efectivo acto simbólico, servía de contrapeso ao poder da esquerda (PSC-PSOE e PSUC) na Asemblea de Parlamentarios catalá.

Para a instauración do poder galego preautonómico pensouse tamén nunha personalidade galeguista que aportase lexitimidade histórica ao nomeamento (como se fixera con Tarradellas en Catalunya e se intentou facer con Leizaola en Euskadi). Soaron moito García-Sabell, Emilio González López, Paz Andrade ou Iglesias Corral e chegou a haber contactos serios con Bibiano Fernández Osorio-Tafall, que fora presidente da Comisión encargada do Estatuto de Autonomía de 1936, pero a iniciativa non foi adiante. Do mesmo xeito, o PSOE chegou a propoñer oficialmente a Ramón Piñeiro: Rosón e a UCD de Lugo simpatizaban coa idea, ao igual que Rivas Fontán ou Víctor Moro, e de feito, un xornalista galego chegou a facer de correo de UCD e propúxolle abertamente a Piñeiro a posibilidade de ser presidente.

Máis aló de que non houbese unha figura tan representativa ou que asegurase de xeito simbólico unha continuidade histórica coas institucións republicanas como Tarradellas, o gran problema é que 1977 avanzaba a preautonomía galega atrasábase

Porén, máis aló de que non houbese unha figura tan representativa ou que asegurase de xeito simbólico unha continuidade histórica coas institucións republicanas como Tarradellas, o gran problema é que 1977 avanzaba a preautonomía galega atrasábase. Dende comezos de novembro empezou a falarse nos medios da organización de grandes manifestacións pro-autonomía para o 4 de decembro. O grande obxectivo da mobilización era presionar o goberno central nas negociacións para outorgar a Galicia un réxime de preautonomía, que cada día se vían menos claras. Entre os parlamentarios galegos elixidos nas eleccións de xuño de 1977 existía un crecente malestar pola lenta negociación.

A manifestación de Vigo Dominio Público Praza Pública

O 4 de nadal

A participación nas manifestacións superou todas as expectativas previas

Chegou a data. Ese 4 de decembro o Faro dedicáballe á Xornada pola Autonomía toda a súa portada, titulada a cinco columnas Adhesión de Galicia a la Xornada pola Autonomía e ilustrada por un dos carteis da manifestación, no que figuraba un dos lemas da marcha: Pra que non sigan decidindo por nós. Pra que a nosa terra escomence a ser nosa. Por unha autonomía que poda solucionar realmente os nosos problemas. Porén, na páxina tres do mesmo xornal, X. L. Franco Grande ofrecía unha visión menos optimista, un contraste, nun artigo titulado Autonomía sin foguetes, no que avisaba de que “ninguén pense que vai ser a autonomía unha panacea” pero tamén afirmaba que “é un paso adiante” e que “por iso mesmo debemos tomala moi en serio” pois “ímonos dispoñer a facer a nosa historia”.

Ese mesmo 4 de nadal Xosé Antón Gaciño publicaba en El Ideal Gallego un informe titulado La larga marcha por la autonomía no que o xornalista afirmaba que coas manifestacións dese día podía iniciarse "un novo camiño no nacionalismo galego". Gaciño auguraba que “en las fuerzas nacionalistas, incluído el recientemente creado POG, (...) se considera que las circunstancias y la correlación de fuerzas no aconsejan desentenderse de la reivindicación autonómica y dejarla sólo en manos de la derecha y de los españolistas, y dan el paso al frente en favor de la autonomía, con la intención de presionar lo más posible en su contenido y tratar de transformarla en algo más profundo, que pudiera abrir las posibilidades a ese futuro federalismo”.

Blanco Amor: "Os líderes están de máis cando a moitedume se convirte en protagonista"

Finalmente, a participación nas manifestacións superou todas as expectativas previas. A este respecto, o 6 de decembro La Voz titulaba ocupando toda a súa portada: Galicia clamó por la autonomía e subtitulaba Gigantesca movilización popular: 100.000 manifestantes en La Coruña y 300.000 en Vigo e Es la mayor que ha habido en la historia gallega. Na mesma portada, o xornal salientaba que se chegara a un acordo total entre los negociadores y el ministro para a preautonomía de Galicia. No interior, o xornal dedicáballe sete páxinas completas ás manifestacións, baixo o epígrafe común de El domingo, Galicia pidió en la calle su autonomía. Mentres, nas páxinas dedicadas a Vigo, La Voz destacaba as declaracións de Paz Andrade, quen sinalaba que "Esto tiene que influír en las negociaciones con el gobierno", así coma as de Víctor Moro: "Clara vontade autonomista do pobo", Carlos Barros: "Salto histórico na conciencia nacional de Galicia" e Blanco Amor: "Os líderes están de máis cando a moitedume se convirte en protagonista".

"Su autonomía, en suma, no es creación artificial, y, a más, viene amparada por un idioma y una Cultura de las que integran la Península. Que nadie pierda de vista el carácter popular del autonomismo galaico, que avanza pausada, pero severamente"

Pola súa banda, o Faro abría a súa portada cunha inmensa foto da multitudinaria manifestación celebrada en Vigo, baixo un titular a cinco columnas que dicía: Testimonio unánime de Galicia por la autonomía. Tamén na portada, un texto informaba da participación de centos de milleiros de galegos nas marchas, que discorreran “pacifica e democraticamente” polas rúas. Asemade, o Faro concluía que “la fecha del 4 de diciembre se incorporará a la historia de Galicia”. En catro páxinas interiores o Faro destacaba a participación de trescentas mil persoas en Vigo, que superaran amplamente os cálculos da organización; nun ladiño, ademais, o xornal salientaba que Galicia tiña “concencia de pobo diferenciado”. Finalmente, El Pais cualificaba de Exito sorprendente o resultado das manifestacións celebradas en Galicia e salientaba que nelas participaran cerca de 400 mil persoas. 

Final da marcha na Coruña Dominio Público Praza Pública

Mentres, o editorial do xornal madrileño, titulado Las autonomías, salientaba que “Galicia tenía su estatuto autonómico ultimado y al borde de las Cortes republicanas el mismo día del estallido de la guerra civil. Su autonomía, en suma, no es creación artificial, y, a más, viene amparada por un idioma y una Cultura de las que integran la Península. Que nadie pierda de vista el carácter popular del autonomismo galaico, que avanza pausada, pero severamente”. Este editorial contrastaba cou outro publicado o 25 de outubro no que afirmaba que (fóra de Catalunya e Euskadi) “el régimen provisional de esas autonomías (...) sólo se justifica allí donde sea una exigencia popular mayoritaria y la solución de una situación potencialmente explosiva. Tal vez Canarias sea, fuera de Cataluña y Euskadi, la zona más conflictiva y más necesitada de una fórmula provisional de urgencia”.

O impacto das manifestacións

Para Xavier Navaza, a manifestación “influíu sobre todo en UCD. A partir daquel momento, non lle quedou outro remedio que concederlles aos seus (á UCD galega) a apertura dun debate autonómico en Galicia"

Quedaba por saber se a xigantesca mobilización popular ía ter algunha influencia nas negociacións para acadar un réxime autonómico. Para Xavier Navaza, a manifestación “influíu sobre todo en UCD. A partir daquel momento, non lle quedou outro remedio que concederlles aos seus (á UCD galega) a apertura dun debate autonómico en Galicia. E iso abriu unha terceira vía: os cataláns e os vascos por un lado, o resto de España polo outro, e no medio outra vía, que levou a pensar en Galicia como un tapón”. Vintecatro horas despois das mobilizacións o ministro Clavero Arévalo e os parlamentarios galegos chegaron a un primeiro acordo en Madrid sobre o texto do decreto preautonómico. Os xornalistas Gaciño e Rivas critican, con todo, a “ambigüidade” da convocatoria, da que din que “non se soubo enmarcar nun proxecto máis ambicioso (...) Faltou perspectiva nuns, e vontade noutros, para artellar aquel potencial que en pasos posteriores aportaría a presión necesaria nas probas de forza co poder central”.

Ao longo de 1978 o ministro para as Rexións no primeiro goberno democrático, o andaluz Clavero Arévalo, embarcouse nunha operación de sementar o Estado de réximes provisionais de autonomía (o que o propio Clavero denominou café para todos)

Ao longo de 1978 o ministro para as Rexións no primeiro goberno democrático, o andaluz Clavero Arévalo, embarcouse nunha operación de sementar o Estado de réximes provisionais de autonomía (o que o propio Clavero denominou café para todos), nun intento de evitar que a reinstauración das autonomías catalá e vasca parecese un privilexio outorgado ás zonas máis ricas do Estado. Neste senso, Juan Luis Cebrián foi moi crítico coa forma en que UCD construíu o Estado das Autonomías: "el Gobierno debería darse cuenta de que Catalunya, Euskadi, Galicia y el archipiélago canario eran, de hecho, las cuatro únicas autonomías que urgían ser resueltas a corto plazo y civilizadamente. Hablar de privilegios en este punto resultaba tan alocado como inoperante". Para Soledad Gallego e B. de la Cuadra, Suárez utilizou, no tocante á cuestión autonómica, tácticas cambiantes pero axustadas a unha estratexia coherente, e pasou do café para todos, efectivo para frear o hipotético descontento polas concesións feitas a Catalunya e Euskadi, ao parón autonómico, unha vez que lle tocou a quenda a Galicia, que funcionaría como tope para as restantes autonomías.

Portada do Faro de Vigo do 6 de decembro de 1977 Dominio Público Praza Pública

Nos primeiros meses de 1978 e malia a presión popular, o decreto que tiña que permitir a creación do réxime de preautonomía se atrasaba e entre os parlamentarios galegos de UCD callou o temor a ficar descolgados do pelotón de cabeza das outras dúas nacionalidades históricas. Daquela, os deputados galegos ameazaron a Suárez con votar en contra do vital proxecto de Lei de Eleccións Locais se Galicia non era sacada do segundo paquete, que compartía con Aragón, País Valenciano e Canarias. Suárez cedeu, e así Galicia obtivo a súa preautonomía un día antes (o 10 de marzo de 1978) que as outras tres comunidades. Porén, no BOE do 18 de marzo de 1978 publicouse o texto do Real Decreto Lei de preautonomía de Galicia xunto cos das tres rexións.

Para Gaciño e Rivas, Galicia foi considerada durante todo o período da Transición como unha autonomía de segunda clase: “Os manexos dos políticos centralistas priváronlle do dereito que, a pesares de todo, tiña a ser tratada como as outras dúas nacionalidades históricas do Estado"

Para Gaciño e Rivas, Galicia foi considerada durante todo o período da Transición como unha autonomía de segunda clase: “Os manexos dos políticos centralistas priváronlle do dereito que, a pesares de todo, tiña a ser tratada como as outras dúas nacionalidades históricas do Estado. Sen necesidade de chegar ás reaccións case espontáneas do 22 de novembro e 4 de nadal de 1979 había datos abondo para considerar que o pobo galego ten unha conciencia elemental da súa personalidade colectiva, pero os sociólogos oficiais (...) non tiveron en conta eses datos, e Galicia continuou, ao longo de todo o proceso de consolidación da democracia controlada, encasillada no capítulo de pobos susceptíbeis de ser sometidos a discriminación”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.