0 Gardados para despois

Hai 25 anos que o Casón naufragou en Guitiriz

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Guitiriz non ten mar. Pero en 1987 o Casón dalgunha maneira naufragou nas súas chairas. O 5 de decembro o cargueiro panameño que hoxe enumeramos nesa funesta lista de catástrofes mariñas tivo un accidente por mor dun temporal fronte ás costas de Fisterra. O barco acabou varando na punta do Castelo da praia do Rostro, e morreron 23 dos 31 tripulantes do navío, todos de nacionalidade chinesa. Transportaba unha carga de 1.100 toneladas de produtos químicos, distribuídos en 5.000 bidóns clasificados como inflamables, tóxicos e corrosivos.

Como é tristemente habitual houbo desinformación, descoordinación e mentiras oficiais por parte dos Gobernos, e a pesar do temor da poboación polo contido da carga, as autoridades insistian en que todo estaba baixo control e que non habia perigo ningún. Porén, aos poucos dias comezaron a producirse explosións. Por fin, na noite do día 10, o Goberno central, de Felipe González, e mais o galego, presidido por Fernando González Laxe, que acababa de tomar posesión había poucas semanas, decidiron evacuar a poboación de Fisterra, Cee e Corcubión (unhas 15.000 persoas). Só tres horas despois de comunicar a necesidade de evacuar a zona, o Goberno anulouna explicando que novas análises demostraran que non existía ningún perigo para as persoas: os niveis de contaminación non eran tóxicos, asegurou. Como era esperable, a coexistencia destas mensaxes contraditorias por parte das autoridades non fixo senón incrementar a desconfianza.

Durante os primeiros días sacáronse do barco 255 bidóns de distintos produtos que se almacenaron no porto de Brens, en Cee, pero o Goberno central decidiu levar a carga lonxe, ante a sensibilización da poboación. O destino inicialmente previsto foi unha base que o Exército tiña en Parga, no concello de Guitiriz, unhas antigas instalacións militares nas que a carga tóxica estaría segura. Os veciños de Guitiriz tampouco aceptaron ser o depósito dos bidóns tóxicos e interceptaron o convoi, que viña protexido pola Garda Civil, colocando barricadas nas estradas e parándose diante dos camións, polo que se decidiu entón trasladar a carga ó peirao de Alumina-Aluminio (hoxe Alcoa) en San Cibrao e despois a Xove, onde se repetiron as protestas e as concentracións de veciños. Finalmente foron trasladados a Amberes.

Hai 25 anos a acción dos veciños de Guitiriz, que bloquearon con tractores, troncos, neumáticos e outros obxectos pesados a Nacional VI, impediu que os bidóns fosen depositados en Parga

Hai 25 anos a acción dos veciños de Guitiriz, que bloquearon con tractores, troncos, neumáticos e outros obxectos pesados a Nacional VI, impediu que os bidóns fosen depositados en Parga. A Asociación Xermolos de Guitiriz está a realizar unha serie de actividades para lembrar aqueles feitos. O mércores presentouse o libro Prestige, tal como foi, tal como fomos de Xosé Manuel Pereiro e proxectouse o vídeo Casón 1987. E o vindeiro martes ás sete da tarde na Casa Habanera presentarase o vídeo do director Paco Ja Paso do Casón por estas terras, e unha reedición da revista Xermolos. Tamén actuarán Mini e Mero. Finalmente o sábado 22 de decembro haberá unha foliada-homenaxe a todos os veciños que participaron naqueles actos. 

Casón 1987

© Luis Montenegro e Xabier R. Blanco

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.