66 anos da 'Batalla de Cambedo'

Placa conmemorativa no 50 aniversario da matanza © ferradodecabroes.blogspot.com

O Cambedo é unha pequena aldea situada na raia seca entre Galicia e Portugal, preto de Chaves. O 20 de decembro de 1946 centos de gardas civís e gardas republícanos portugueses cercaron un grupo de guerrilleiros antífranquistas que se iran alí. Foron asasinados e nos días seguintes foron detidas 65 persoas. Cambedo da Raia, o mesmo que outras aldeas coma Torre do Couto, Vilar de Nantes ou Cima de Vila da Castanheira, era un paso obrigado para os refuxiados e exiliados que escapaban do franquismo, case sempre de paso para Latinoamérica ou Europa. E tamén un bo acocho para os guerrilleiros e para as persoas que fuxían da garda civil.

A finais de 1946, varios grupos de guerrilleiros que se refuxiaban no norte de Portugal prepararon unha xuntanza para analizar a situación en España e Europa no cotexto do final da Segunda Guerra Mundial e da permanencia, consentida polas potencias occidentais, da ditadura franquista. Membros da Garda Civil que estaban infiltrados nas guerrillas informaron os seus mandos desta xuntanza e prepararon unha operación xunto coa Garda Nacional Republicana salazarista. Tamén se conta que a operación foi consecuencia dos preparativos para asaltar o palacete de Domingos Veiga Calvâo, un rico home portugués.

Fálase de que no amencer dese día ao redor de 1.200 gardas españois e portugueses cercaron a aldea. Ás sete da mañá prodúcese o primeiro ataque e ao longo do día prodúcense varios tiroteos entre os axentes e os guerrilleiros protexidos nalgunhas casas -a da Escolástica, a do Adolfo, a do Mestre, a da Silvina e a da Engrácia-. Mesmo se chega a bombardear unha das casas con 30 morteiros lanzados dende un monte próximo. Os habitantes da aldea, ao redor de 300, viviron momentos de angustia e terror, entre os disparos das ametralladoras, o lanzamento de granadas de man, de gas lacrimóxeno, de bombas incendiarias e palleiros ardidos. Na batalla morreron os guerrilleiros Bernardino García e Juan Salgado Riveiro e foron apresados Demetrio García Álvarez ou Manuel Bárcea. A casa da Albertina, a máis danada  polo bombardeo, nunca foi reconstruída. Permanece em ruínas, como testemuño da represión.

Nos días seguintes foron detidas sesenta e cinco persoas en distintas localidades, entre os cales dezoito veciños do mesmo Cambedo. A raíz do sucedido, a guerrilla do Noroeste tivo que abandonar as bases que creara no Norte portugués, o que a illaba aínda máis, dificultando moito os contactos co estranxeiro.

Placa conmemorativa no 50 aniversario da matanza © ferradodecabroes.blogspot.com
A aldea de Cambedo preto de Chaves © ferradodecabroes.blogspot.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.