Denuncian a Xunta e a Fenosa ante a Fiscalía polo encoro de Frieira

Encoro de Frieira © embalses.net

A Asociación Ecoloxista Coto do Frade vén de denunciar ante a Fiscalía a Gas Natural Fenosa, a Consellería de Medio Ambiente e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil ante a situación que a presa da compañía eléctrica en Frieira leva provocando anos no río Miño e, nomeadamente, ao seu paso polos termos de Padrenda (Ourense) e Crecente (Pontevedra).

A denuncia, presentada na mañá deste xoves, céntrase en dous aspectos. O primeiro deles, no feito de que o sistema instalado pola empresa “non garanta as migracións de peixes”, o que, segundo a asociación ecoloxista “conculca a lexislación vixente”. “O novo modelo de ascensor existente en Frieira é, en teoría, capaz de pasar estes peixes até o outro lado de encoro, pero na práctica isto nunca se deu”, explica Coto do Frade, que engade na denuncia varios vídeos nos que se pode apreciar “a inutilidade” dun mecanismo “ridículo” malia ser aceptado hai xa tempo polas autoridades, como destaca Braulio Estévez, vicepresidente da agrupación. O tránsito das especies migradoras, xa que logo, vese impedido unha vez máis por unha das múltiples presas que inundan os ríos galegos.

Coto do Frade denuncia o "aproveitamento ilegal do caudal ecolóxico" e a "inutilidade dos sistema que permitiría a migración dos peixes"

Ademais, Coto do Frade fai fincapé tamén na denuncia no “aproveitamento a todas luces ilegal que se está a facer hoxe en día do caudal ecolóxico no encoro de Frieira”, unha situación que, tal e como advirten, atenta contra a legalidade vixente. “Por que non se obriga a Gas Natural Fenosa a cumpirir o que debe? É compatible este aproveitamento coa conservación das especies que se pretende nun prinicipio e tendo en conta que a lei non o permite por ser incompatible coa vida do río?”, pregúntase a asociación, que lembra que “a connivencia das administraciós coas compañías eléctricas” é o que leva anos provocando a destrución do medio natural, desta vez neste espazo.

Ademais, a agrupación ecoloxista asegura que no aproveitamento do caudal ecolóxico existe un delito ambiental, pero tamén “prevaricación” por parte da Administración, polo que pedirán penas de cárcere.

A asociación ecoloxista pide "a eliminación e o derrube" do encoro de Gas Natural Fenosa

A denuncia, que engade unha morea de anexos e documentación na que se poderían apreciar as irregularidades cometidas pola empresa, a Xunta e o Goberno central, destaca tamén o “carácter de reincidencia” levado a cabo por Gas Natural Fenosa a través do “exterminio e espolio” levado a cabo pola compañía grazas a unha concesión. Así, Coto do Frade considera que o único xeito capaz de solventar os efectos negativos que este encoro tivo para o Miño só se conseguirá a través do seu derrube”.

Do mesmo xeito, piden que se aborde “dunha vez” a cuestión do “prazo preconstitucional dado a esta concesión”, outorgada por 75 anos durante a ditadura franquisa e polo que solicitan o amparo da Fsicalía”. “A reparación do dano causado só se podería lograr a través da incoación do expediente de caducidade de concesión”, engade o colectivo, que insiste a través da denuncia en que “o impacto social, económico e ambiental” do encoro “é desproporcionado”, polo que se “debe proceder á súa eliminación”.

Encoro de Frieira © embalses.net

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.