A coser diante de Inditex: "A vosa fortuna é a nosa miseria"

Un intre da protesta, na Coruña CC-BY-SA rizlinha

Un grupo de mulleres sentan a coser diante dunha tenda do grupo Inditex en pleno centro da Coruña. Levan panos de cor violeta na cabeza e, ao carón dos seus asentos, pódense ler frases como "sen dereito a sindicación", "despídenme se fago folga", "despedíronme por ser vella", "despedíronme por estar embarazada", "traballo sen contrato"... É a escena que atoparon as persoas que pasaron a mañá deste sábado pola coruñesa Praza de Lugo. Quen a protagonizaba era a Plataforma #BoikotInditex, que se presenta así ante a cidadanía para "visibilizar as prácticas abusivas que realiza o grupo Inditex", din.

Sinalan dende a plataforma que este xeito de actuar da multinacional con sede en Arteixo non se produce só noutros países do mundo, "senón tamén na Galiza". Aquí, explican, tamén se desenvolve "a súa política de contratas e subcontratas, o seu modelo de consumo de fast fashion e a súa contribución a un modelo de beleza marcado polo sistema patriarcal e capitalista". O que amosaban as mulleres que simulaban estar nun dos obradoiros nos que se producen as prendas de roupa que vende este grupo empresarial non eran máis que resumos das "situacións reais que se producen no sistema de traballo" da rede que ten en Zara o seu símbolo máis visible.

A plataforma subliña que Inditex realiza actuacións como as "subcontratas que escravizan mulleres" tamén "no noso país, no suposto primeiro mundo"

"A día de hoxe o modelo de empresa que iniciou Amancio Ortega preséntase como dé éxito, xa que conseguiu situar o seu principal accionista como o terceiro home máis rico do mundo", o mesmo que "a pesar da crise na que nos atopamos", sinalan, "segue a aumentar o seu beneficio" grazas a un "sistema de explotación". Isto, din, sucede mentres o conxunto da cidadanía "empobrece día a día". "Os medios non tiveron xa máis remedio que sacar á luz as fechorías que o grupo Inditex vai facendo polo mundo adiante a través das subcontratas que escravizan mulleres e crianzas no proceso de produción" pero, denuncian, "silencian que isto tamén acontece aquí, no noso país, no suposto primeiro mundo".

Así as cousas, #BoikotInditex anuncia que o acto da Coruña é só o primeiro, xa que "seguirá realizando accións de denuncia e boicot ao grupo de empresas". Do mesmo xeito, "convidan as persoas e colectivos que se queiran sumar a participar da plataforma" para "denunciar" as prácticas empresariais da compañía.

Acción de rúa de #BoikotInditex CC-BY-SA rizlinha

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.