Unha historia de máscaras e calcetíns

© Proxecto Máscaras

Que é o Proxecto Máscaras? Os seus responsables insisten: "É ante todo cine, co seu potencial para comunicar e amosar eses anacos de realidade que normalmente non teñen cabida nos circuítos establecidos". Porque Máscaras non é nin máis nin menos ca unha longametraxe de non ficción que relata o traballo de creación, rodaxe e estrea de Calcetin(e)s, unha curtametraxe de amor e intriga. Todo comezou cando a Asociación Pro Personas con Discapacidad Intelectual de Galicia (Aspronaga) encargou a realización dunha curta. 

E a curta fíxose, pero fíxose moito máis ca iso. Porque non se trataba simplemente de "encher o tempo" destas persoas, senón de facer cinema. E non se trataba de que estas persoas fosen o obxecto do filme, senón que debían ser os seus creadores, o suxeito, vivindo todo o proceso para facer a curta,  tomando decisións en todas e cada unha das partes do proceso: o casting, o guión, os ensaios, a rodaxe e a difusión do resultado. Falamos con Iago González, director e guionista de Máscaras.

"Un día, hai xa bastante tempo, preguntáronnos se podíamos facer unha curta dentro do programa de ocio dunha asociación de persoas con diversidade funcional da Coruña. Eu vin “unha historia”, e debuxei unha estrutura de traballo para poder recollela"

Que é o Proxecto Máscaras?

Un día, hai xa bastante tempo, preguntáronnos se podíamos facer unha curta dentro do programa de ocio dunha asociación de persoas con diversidade funcional da Coruña. Eu vin “unha historia”, e debuxei unha estrutura de traballo para poder recollela. Todo isto desenvolveuse nun proceso moi longo, pois había que adecuarse ás rutinas dos protagonistas, e o resultado é Máscaras, a historia dun reto compartido. A partir da peli, volvendo a vista cara atrás, descubrimos que o propio proceso resultara moito máis amplo do que pensabamos, e aí é onde comezamos a separas as capas e entendemos mellor as pautas dese proceso de construción: traballo artístico, pedagoxia auto organizada, desenvolvemento de capacidades...

Que é Calcetin(e)s dentro del?

Pois dicíanme hai pouco que era o McGuffin da película, e en certo modo sería así, pero máis aló de Máscaras, Calcetin(e)s ten entidade propia, e constitue o resultado do traballo dos protagonistas. Finalmente son dúas cousas completamente diferentes, que se complementan, pero que non se precisan unha da outra para ter sentido. En resumo Calcetin(e)s é unha historia de ficción, a busca do amor por parte de Brais, que ten que lidiar co seu descoloque no mundo por mor da reaparición dun trauma do seu pasado. Por iso e por un hostiazo. 

"Dicíanme hai pouco que era o McGuffin da película, e en certo modo sería así, pero máis aló de Máscaras, Calcetin(e)s ten entidade propia, e constitue o resultado do traballo dos protagonistas"

É un destes proxectos audiovisuais nos que é dificil marcar as fronteiras? Onde acaba o filme neste caso? Era dificil desprenderse del ao rematar a xornada de gravación?

As fronteiras de Proxecto Máscaras no seu conxunto son difusas, porque os nosos protas queren seguir facendo cousas e iso conleva participar de máis e máis parcelas da vida cotiá. Isto leva a unha interactuación co entorno a partir do orgullo que supón presentar o seu traballo, é dicir, puro transmedia. Precisamente a pasada fin de semana fixemos un pase en Cangas, e foi unha festa de diálogo cos espectadores, atendendo sempre ao feito de que non estaban alí de carallada, senón presentando o resultado do seu traballo. Nese sentido Calcetin(e)s comeza e remata, é unha curta de ficción pero é susceptible de ampliala dando forma a un universo, pero os seus límites son moi claros.

"As fronteiras de Proxecto Máscaras no seu conxunto son difusas, porque os nosos protas queren seguir facendo cousas e iso conleva participar de máis e máis parcelas da vida cotiá"

Máscaras, como peli, é a historia dun reto e eso implica que se ben como cine a historia remata aí, o reto é un novo punto de partida que abre moitas posibilidades xa que o propio equipo da peli vai ir tendo máis presenza a medida que avanza o proceso que ninguén sabía como acabaría. Están difusas as fronteiras? Eu diría que non, pero si houbo algunhas persoas que en pases privados comentaron que lles sorprendeu como medraban as capacidades para lograr executar os seus/nosos obxectivos. Con todo a implicación de todos neste reto era a clave: o esforzo so podía ser conxunto, e queriamos chegar dende o punto A ao B.

Que aprendestes deles?

Eu nin podo nin debo responder por boca de ninguén. Dende o primeiro momento manexei unha serie de claves para tratar de marcar unha dirección na historia, e a máis importante era que non existira unha experiencia previa traballando con xente con diversidade funcional. Quen máis e quen menos tivo ou ten algún contacto con ela, pero Máscaras precisaba un punto de descubrimento de capacidades, e iso chega coa relación, co día a día.

Que apredenderon eles de vós?

Supoño que o que sí podo dicir é que aprenderon que o cachondeo non está reñido co esforzo, e que non hai límites. Creo, tamén teño que facer suposicións, que na vida temos todos as nosas propias limitacións, pero que non hai por que aceptar as que nos veñen impostas. E tamén que incluso esas propias poden ser moi variables.

"Na vida temos todos as nosas propias limitacións, pero que non hai por qué aceptar as que nos veñen impostas. E tamén que incluso esas propias poden ser moi variables"

Por que queredes que vos vexan?

Pois por algo tan básico como que todo o mundo quere que se vexan os resultados dos seus esforzos, e máis cando falamos de algo como unha curta, pero sobre todo hai ganas de que Calcetin(e)s non sexa tan só o resultado dun ámbito concreto: eles comprobaron xa que o seu traballo pode ser percibido polos espectadores en termos xerais, e mesmo que é valorado lonxe de Galicia por xente que non coñecen de nada.

"O que verdadeiramente nos interesa é chegar a esta difusión, e se chegara por vías inusuais (e hai conversas abertas) a cuestión festivaleira nalgúns casos habería que sacrificala"

Que percorrido -festivais e outros espazos- vai ter o proxecto?

Tanto a peli como a edición final da curta estámolas presentando agora a certames, pero é unha lotería na que pouco se pode entrar. O certo é que no momento actual, no que máis aló da crise vivimos unha incerteza absoluta das fórmulas de distribución e exhibición (sobre todo para os pequenos e periféricos), o que verdadeiramente nos interesa é chegar a esta difusión, e se chegara por vías inusuais (e hai conversas abertas) a cuestión festivaleira nalgúns casos habería que sacrificala. De feito nos últimos meses fixéronnos unhas cantas peticións para organizar pases fóra de Galicia, pero polo momento reservámolos para que non "choquen" con ningún dos camiños que temos abertos.

Neste sentido sí teño que dicir que resulta moi ilusionante a recepción que tivemos en diferentes test-screeners fóra da comunidade, tanto pola disociación automática que se fai con respecto á cuestións de discapacidade (falamos de cinema, non de expoñer causas), como pola aceptación que hai en termos idiomáticos, xa que na maior parte das ocasións os propios espectadores aconsellaron prescindir dos subtítulos aínda que iso conlevara non entender momentos determinados: hai unha apreciación do global que xorde da evidente naturalidade das situacións, e somos os primeiros sorprendidos con esta reacción.

"Eles aceptaban un reto, pero en realidade o obxetivo era que asumiran a capacidade de asaltar o acoutado pola suposta normalidade"

Máis aló da vida de Máscaras e Calcetin(e)s, todo o que se vai constituíndo como o Proxecto, resulta imposible falar de ata onde pode chegar. En ámbitos máis académicos valoran a metodoloxía empregada e os resultados, e esta metodoloxía en realidade é absolutamente expansible, posibilita o acceso a novas canles de desenvolvemento. Persoalmente non me gusta falar de integración, considero que todo isto non é mais que una toma de posesión dos espazos públicos. No fondo a idea da película ía por aí: eles aceptaban un reto, pero en realidade o obxectivo era que asumiran a capacidade de asaltar o acoutado pola suposta normalidade.

Calcetines © Proxecto Máscaras
Un momento da rodaxe © Proxecto Máscaras
Un momento da rodaxe © Proxecto Máscaras

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.