Catro días para evitar que Aurelia perda a súa casa

Protesta de Stop Desahucios diante da casa de Aurelia Dominio Público Robinhood Corunha

Aurelia Rey ten 85 anos e leva máis de trinta vivindo nunha casa na céntrica rúa Padre Feijoo da Coruña. Paga 165 euros de aluguer grazas a un contrato de renda antiga, pero isto supón máis dun terzo da súa pensión de 375 euros. Son eses 165 euros os que poden facer que quede na rúa o vindeiro luns 18, despois de que o xuíz aceptase un aprazamento. Os propietarios do inmoble acúsana de non ter pagado o aluguer durante un mes e niso basean o proceso de desfiuzamento iniciado. Stop Desafiuzamentos mobilizouse xa a pasada semana para evitar a súa expulsión, pero a orde xudicial fixa o vindeiro luns como último día para que Aurelia abandone "voluntariamente" a vivenda antes de proceder ao desaloxo pola forza.

Stop Desafiuzamentos concentrarase ese luns para evitar a expulsión e denuncian que os propietarios da vivenda están practicando mobbing inmobiliario para conseguir que o céntrico inmoble quede libre

Stop Desafiuzamentos concentrarase ese luns para evitalo e denuncia que os propietarios da vivenda están practicando mobbing inmobiliario para conseguir que o céntrico inmoble -polo que se podería chegar a pagar un aluguer de 600 euros mensuais- quede libre. Ademais, Aurelia Rey reafírmase en que ela ten todos os pagos en regra. Stop Desafiuzamentos tamén critica a actitude do Concello, ao que consideran "cómplice" da situación por inacción. O Goberno municipal ofrécelle a Aurelia Rey trasladala a unha residencia de anciáns, pero ela non quere, entre outros motivos porque se vale por si mesma para realizar a súa vida diaria. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.