O voceiro do BNG na Coruña autoincúlpase polos altercados no desaloxo de Aurelia Rey

Concentración ante a casa de Aurelia Rey, este mércores CC-BY-SA M. Pereira

O portavoz do do BNG no Concello da Coruña, Xosé Manuel Carril, autoinculparase na causa contra as persoas denunciadas por paralizar o desafiuzamento de Aurelia Rey. "Se por estes feitos se denuncian tres persoas, habería que denunciar a todos e todas as que estivemos alí, razón pola que eu, que estaba alí, me vou autoinculpar", asegura nun comunicado o concelleiro nacionalista, que foi zarandeado e tirado ao chan durante o intento de desaloxo da anciá coruñesa o pasado 18 de febreiro.

Carril non foi denunciado, pero si figura no atestado policial, onde se indica que foi el quen se tirou ao chan

Xosé Manuel Carril acudiu este venres ao ao Xulgado de Instrución Número 3 da Coruña e á Oficina de Información Cidadá das propias dependencias xudiciais para comprobar se existía algunha causa aberta contra el tras os altercados daquela xornada. Malia que se lle informou que non había causa ningunha aberta, si puido comprobar que figura no atestado policial, onde se chega a sinalar que "se tiró al suelo", aínda que as imaxes, tal e como aclara o BNG, evidencian "que non se tirou, senón que o tiraron".

"Os feitos que se recollen no atestado policial nin son rigorosos, nin certos, nin constitutivos de delito", di Carril

O portavoz do BNG asegura que os feitos que se recollen no atestado policial, ao que tivo acceso porque llo facilitou unha das persoas denunciadas, "nin son rigorosos, nin son certos, porque non sucederon tal e como se describe no atestado, nin son constitutivos nin de delito nin de falta ningunha falta". "Ora ben, se por estes feitos se vai xulgar tres persoas, haberá que xulgarnos a todos e todas as que alí estivemos presentes, porque a xustiza é igual para todos e todas", sinalou Carril, que anunciou que a vindeira semana presentará toda a documentación por escrito para autoinculparse na causa.

Carril tamén denuncia que foi "mal identificado" no devandito atestado policial, ao ser cualificado como "concejal de seguridad ciudadana del ayuntamiento de La Coruña por el Bloque Nacionalista Galego (BNG)", ademais de escribir mal o seu nome, ao poñer "José Manuel" en lugar de Xosé Manuel.

A Policía intenta evitar o paso dos manifestantes CC-BY-SA M. Pereira

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.