Galicia pode perder 84 trens semanais de media distancia

Un tren Avant circula polo viaduto do Ulla © Ministerio de Fomento

O Ministerio de Fomento presentoulles aos sindicatos un borrador de traballo do plan de racionalización de servizos ferroviarios que prevé executar a efecto a partir de xuño. O plan contempla a supresión da cuarta parte das viaxes semanais dos trens de media distancia, un total de 779 trens, 84 deles en Galicia. En Galicia, ademais, 21 estacións deixarán de ter servizo ferroviario, e outras 27 verán reducidos os seus servizos a unha viaxe por día e sentido. Fomento está a falar coas CC.AA. para propoñerlles que financien algún dos servizos que propón eliminar. Porén, a Xunta aínda non se pronunciou e o futuro destas liñas e estacións está en dúbidas.

Fomento está a falar coas CC.AA. para propoñerlles que financien algún dos servizos que propón eliminar. Porén, a Xunta aínda non se pronunciou e o futuro destas liñas e estacións está en dúbidas

Algunhas das 27 estacións que non chegan a 5 viaxeiros o día e que verán reducida a frecuencia de trens a dous diarios son: Cambre (na actualidade 14 servizos), Cecebre (12), Cesantes ou Neda (8), Sela, Pousa-Crecente ou Pontevedra-Universidade (6) Canabal (4) ou Os Peares (3).

O recorte afecta ás liñas A Coruña-Lugo-Monforte, Santiago-Carballiño-Ourense, A Coruña-Ferrol e Ourense-Puebla de Sanabria, que desaparece por completo. O ministerio estuda a posibilidade de reducir o impacto da supresión de servizos utilizando os trens de longa distancia pra prestación de servizos de media distancia. Concretamente estuda que o tren híbrido que na actualidade sae da Coruña cara a Madrid, empece e finalice o seu percorrido en Ferrol, para chegar á Coruña e continuar por Ourense e Zamora, permitindo a sua utilización no treito A Coruña-Ferrol-A Coruña polos viaxeiros de media distancia.

Treito Trens/Semana na actualidade Trens/Semana na proposta Redución
Ourense-Monforte 34 28 -6
A Coruña-Lugo-Monforte 42 28 -14
Santiago-Carballiño-Ourense 68 42 -26
A Coruña-Ferrol 66 42 -24
Ourense-Puebla de Sanabria 14 0 -14

A CGT rexeita os plans de Fomento, "pois supoñen unha importante reducción de servizos ferroviarios pra Galiza, especialmente para as zonas rurais máis illadas do interior, onde as vilas e aldeas terán aínda menos servizos dos xa de por sí minguados servizos públicos". E critica que se eliminen paradas en estacións, "xa que ata agora estas estacións con pouca demanda teñen as paradas facultativas, de tal xeito que si non hai viaxeiros o tren xa non para, polo que o aforro de cartos e tempo é mínimo". O sindicato convoca o 20 de marzo unha xuntanza en Ourense de todo o sector, co obxectivo de estudar as consecuencias no ámbito social e laboral destes plans.

A CGT aposta por aumentar os investimentos no ferrocarril convencional fronte os trens de Alta Velocidade, creando redes de proximidade con dobre vía electrificada con estacións e apeadeiros preto das cidades e vilas galegas que fomente o equilibrio entre o medio rural e o urbano

A CGT aposta por aumentar os investimentos no ferrocarril convencional fronte os trens de Alta Velocidade, creando redes de proximidade con dobre vía electrificada con estacións e apeadeiros preto das cidades e vilas galegas que fomente o equilibrio entre o medio rural e o urbano. Reivindica tamén un ferrocarril que inclúa facilidades pra o transporte con bicicleta e a intermodalidade con outros medios de transporte sustentábel e redes metropolitanas que presten á cidadanía un servizo suficiente, accesíbel economicamente e de calidade para os desprazamentos diarios.

Un tren Avant circula polo viaduto do Ulla © Ministerio de Fomento

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.