"Só pedimos que se lle dea ao tren galego o mesmo tratamento que noutras comunidades"

Tren de proximidade en Madrid © Ministerio de Fomento

Os recortes de servizos ferroviarios anunciados polo Ministerio de Fomento van afectar a Galicia máis que a calquera outra comunidade autónoma. A razón é que os trens que se suprimen corresponden unicamente a liñas de media distancia, despois de que nos últimos meses do pasado ano o Goberno definise que liñas e trens eran considerados Obrigas de Servizo Público (OSP) e polo tanto se tiña que comprometer a prestar. Fixouse que serían unicamente os de cercanías, que polo tanto non se ven afectados polos recortes.

A partir de aí, unha vez salvados os servizos de proximidade, un informe realizado pola empresa Ineco determinou que liñas serian eliminadas en función dunha serie de criterios, comezando polo actual número de usuarios. Analizáronse as liñas con menos dun 15% de viaxeiros sobre o total de prazas ofertadas. Nese corte entraba a suprimida liña Puebla de Sanabria-Ourense (4,2% de usuarios), pero tamén a Vigo-Ourense (11,7%), a Vigo-Ourense-Ponferrada (12,9%), a Coruña-Ferrol (13,3%) e a Coruña-Lugo-Monforte (14%).

O problema é que Galicia carece de trens de proximidade (coa excepción de Ferrol-Ortigueira de ancho métrico) e todos as viaxes interiores realízanse en trens de media distancia. "Todas as comunidades autónomas de litoral cunhas densidades de poboación semellantes a Galicia teñen liñas de cercanias", denuncia Severino Rodríguez, coordinador do Sector Ferroviario de CC.OO. O servizo de cercanías é electrificado, con elevadas frecuencias e cun prezo reducido dos billetes e, ademais, a súa ausencia en Galicia fai que a presente medida gobernamental nos afecte máis que a calquera outro territorio.

"Todas as comunidades autónomas de litoral cunhas densidades de poboación semellantes a Galicia teñen liñas de cercanias", denuncia Severino Rodríguez

Desaparece completamente a liña Ourense-Puebla de Sanabria, e suprímense 20 trens semanais entre Ferrol e A Coruña, 14 na liña A Coruña-Lugo-Monforte, 14 na Vigo-Ourense, 26 na Santiago-Ourense e 6 na Ourense-Monforte. Isto significa, por exemplo, que os trens en poboacións como Lalín (20.409 hab.) pasarán de 6 a 2, en Betanzos (13.565 hab.) de 10 a 6 e en Padrón (8.882 hab.), onde paran 8 trens, desaparecerá o servizo. Mentres, explican dende CC.OO., noutras comunidades con servizos de cercanías hai moitas poboacións que non superan os 500 habitantes con estacións ou apeadeiros onde paran nalgúns casos ata 92 trens diarios.

Asturias, cunha poboación de 1.077.000 habitantes e cunha densidade de poboación de 102 hab/Km2, ten nove liñas de cercanías entre ancho métrico e rede convencional, polas que circulan diariamente 494 trens ao día. Catro veces máis que en Galicia, cunha poboación 2.5 veces superior e unha densidade semellante. Ou por poñer outro exemplo: Entre Oviedo (225.973 hab.) e Avilés (83.107 hab.) circulan 32 trens de cercanías e entre A Coruña (246.146 hab.) e Ferrol (71.997 hab.) só circulan 10 trens de media distancia.

 

"A mala xestión que se está facendo do tren ponse como escusa para desmantelar o servizo"

"Non fan falla os grandes investimentos do AVE. Hai que reducir un pouco os radios nas curvas, electrificar, poñer dobre vía onde se poida... Non son moitos cartos pero hai que ter claro que se quere potenciar o ferrocarril"

Severino Rodríguez denuncia que "a mala xestión que se está facendo do tren ponse como escusa para desmantelar o servizo" e engade "como vai usar o tren a xente se para só unha vez ao día pola súa vila e non lle coinciden os horarios?". "Fai falla melloralo", di, "e para iso non fan falla os grandes investimentos do AVE. Hai que reducir un pouco os radios nas curvas, electrificar, poñer dobre vía onde se poida... Non son moitos cartos pero hai que ter claro que se quere potenciar o ferrocarril". E conclúe: "Non pedimos que se subvencionen as liñas. Só pedimos que se lle dea ao tren galego o mesmo tratamento que se lle dá noutras comunidades".

Para Severino Rodríguez, a Xunta debe adoptar "unha posición de firmeza ante Fomento" en defensa do tren, de xeito que mude o criterio e que as liñas de media distancia galegas sexan consideradas de proximidade ou que se cree efectivamente esa rede galega de cercanías. CC.OO. demándalle ao Goberno galego "unha aposta decidida polo ferrocarril como medio de transporte intra-comunitario respectuoso co medio, seguro, como medio de cohesión social e territorial e como un elemento decisivo no desenvolvemento económico das distintas bisbarras". O sindicato xa mantivo encontros con varias formacións políticas e vai realizar accións informativas nas distintas comarcas afectadas para que a cidadanía tome conciencia do problema.

"Imos cara a un desmantelamento total. Todo o que é o ferrocarril convencional non interesa"

A medida prevista para abril adiouse pero o máis probable é que se aplique a finais de maio. En xuño chegarán novos recortes, pois é cando se realizará a definición das obrigas de servizo público sobre a rede de ancho métrico, o antigo FEVE. O pasado ano propúxose reducir 19 servizos na liña de Ferrol a Ortigueira e outros dous na liña de Ferrol a Ribadeo e finalmente mantiveronse, "probablemente ante a proximidade das eleccións autonómicas". "Imos cara a un desmantelamento total. Todo o que é o ferrocarril convencional non interesa", conclúe Severino Rodríguez.

Mapa que amosa os servizos suspendidos e as paradas afectadas por peches ou redución de servizos en 2013 © CC.OO.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.