AGE demanda a creación do Parque Natural do Courel

O Courel, no outono Dominio Público Praza Pública

Alternativa Galega de Esquerda proporá este xoves en comisión parlamentaria a creación do Parque Natural do Courel. Farao a través do deputado David Fernández Calviño, para quen a serra oriental presenta “unha diversidade xeolóxica e biolóxica das máis importantes de Europa”. Ademais, engade na argumentación da proposición non de lei que defenderá que “esta gran diversidade concéntrase nun pequeno territorio, polo que é necesario protexelo. E a súa protección conta con gran apoio entre os habitantes do lugar”.

AGE buscará o apoio dos demais grupos parlamentarios para instar á Xunta a realizar o plan de ordenación dos recursos naturais da Serra do Courel, da conca do río Lor e de áreas limítrofes no prazo dun ano, constituír o Parque Natural antes de que remate a lexislatura e confeccionar un plan de valoración económica da zona baseado na sustentabilidade ecolóxica e agraria.

AGE instar á Xunta a realizar o plan de ordenación dos recursos naturais da Serra do Courel, da conca do río Lor e de áreas limítrofes no prazo dun ano

O parlamentario Fernández Calviño tamén presentou unha pregunta en que interroga ao Goberno galego pola parálise das xuntas consultivas das áreas protexidas. “Malia que a composición destas xuntas consultivas teñen unha abusiva presenza gobernamental”, argumenta Calviño, “constitúen a día de hoxe o único vieiro aberto para camiñar cara á transparencia e a participación cidadá na xestión dos espazos protexidos”. Moitos deses organismos levan anos sen ser convocados e así, “o espírito da lei de conservación da natureza fica en papel mollado”.

O Courel, no outono Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.