O STEG pide a retirada da LOMCE á vista do ditame emitido polo Consello de Estado

Rolda de prensa so STEG CC-BY-SA Praza Pública

A unha semana da folga xeral no ensino, convocada para o vindeiro xoves 9 de maio, o STEG considera que o ditame emitido polo Consello de Estado a respecto da Ley Orgánica de Mejora de la Calidad de la Educación "supón un novo golpe para a proposta contrarreforma educativa da que é responsable o Ministro Wert" e "valida as críticas de que a LOMCE é unha proposta de partido, ideolóxica e non negociada nin consensuada". O STEG pide a súa retirada e reclama ao mesmo tempo o inicio dun proceso de debate e diálogo sobre os cambios que precisa o ensino público para mellorar. De igual xeito chama á participación nas mobilizacións convocadas en contra dos recortes en educación, contra a LOMCE e en defensa do ensino público.

O STEG considera que o ditame "supón un novo golpe para a proposta contrarreforma educativa da que é responsable o Ministro Wert" e "valida as críticas de que a LOMCE é unha proposta de partido, ideolóxica e non negociada nin consensuada"

O STEG sinala que o Consello de Estado "pide que se acade un acordo coas forzas políticas e sociais para dar estabilidade ao sistema xa que este anteproxecto conseguiu o rexeitamento de todas as organizacións representativas da comunidade educativa do ensino público, así como da maioría de partidos con representación parlamentaria, pois non houbo nin negociación nin acordo". No apartado de financiamento o Consello de Estado observa unha “insuficiencia da valoración económica que suporá a súa aprobación”, ao mesmo tempo que pide ao Ministro que publique “os custos efectivos do anteproyecto de Lei e a fixación dos compromisos no tempo para o seu financiamento”.

En canto ás materias, o ditame propón que se volva a fixar o estatuto e horario das ensinanzas artísticas e do segundo idioma estranxeiro en Primaria, sendo de oferta obrigatoria para os centros; e que volva ser de oferta obrigatoria a Educación Artística, a Música, a Tecnoloxía, o segundo Idioma Estranxeiro e a Cultura Clásica na Educación Secundaria. De igual xeito reclama unha materia relativa á formación ético-cívica, sinalando á Educación para a Cidadanía, tanto en Primaria como en Secundaria, eliminada polo goberno. Tamén cuestiona que o ensino da relixión teña unha alternativa obrigatoria como propón o anteproyecto de Lei, "pois, tal e como dixo o Tribunal Supremo, de ser así, o alumnado de relixión non estudaría nunca competencias cívicas e sociais", afirma o sindicato.

O informe propón que sexan as Consellerías de Educación dos distintos territorios as que determinen a porcentaxe que debe darse no uso das dúas linguas no ensino

O Consello de Estado tampouco comparte a contrarreforma que se propón no tema do ensino das linguas cooficiais, propoñendo que sexan as Consellerías de Educación dos distintos territorios as que determinen a porcentaxe que debe darse no uso das dúas linguas no ensino, e rexeita que se deban pagar clases en castelán ao alumnado que o demande. "E dicir, propón validar o modelo actual", destaca o STEG.

Con respecto ás reválidas insta a que sexa o propio profesorado do centro quen as faga e denuncia o stress infantil que poden supoñer a proliferación de reválidas na Educación Primaria. Tamén cuestiona a posibilidade que se abre de que as universidades poidan facer probas específicas, "xa que a súa posta en marcha suporía acabar coa equidade no acceso ao ensino superior".

Con respecto  a segregación en razón do sexo, o Consello recoñece que o sistema de coeducación ou educación mixta constituíu “un avance no tratamento da igualdade de xénero que é constitutivo da democracia”

Pide que se volva ao que marca a normativa vixente en canto a distribución de competencias entre as comunidades e o Estado no relativo ao deseño do currículum, volvendo ao 55/65% en función de se teñen lingua propia ou non, cualificando de “incoherente” a distribución que se propón na LOMCE.

Con respecto  a segregación en razón do sexo, o Consello recoñece que o sistema de coeducación ou educación mixta constituíu “un avance no tratamento da igualdade de xénero que é constitutivo da democracia” e recoñece que os centros concertados non teñen un dereito “incondicionado” ao financiamento público.

Rolda de prensa so STEG CC-BY-SA Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.