O PP insiste en rexeitar a área sanitaria independente en Monforte

Manifestación en Monforte en defensa do hospital comarcal © @photolopez

O PP insiste en rexeitar unha área sanitaria independente en Monforte e descarta a UCI e o arranxo da fachada do hospital, segundo denuncia o PSdeG, que defendeu este venres no Parlamento unha emenda de modificación á iniciativa dos populares sobre a área sanitaria integrada de Monforte. Así, os conservadores rexeitaron o punto no que os socialistas solicitaban "unha xerencia integrada propia e con orzamento independente" para a localidade do Lemos.“Crear tres áreas integradas independentes en Lugo vai en contra do que defendemos”, asegurou a voceira popular. Esta afirmación, segundo o PSOE, "retrata por fin o Goberno galego e deixa clara a súa postura malia os intentos de confuncir a cidadanía".

“Crear tres áreas integradas independentes en Lugo vai en contra do que defendemos”, di o PP

Tamén o PSdeG, a través da deputada Carmen Acuña, reclamaron o PP que tomase medidas concretas como o arranxo da fachada do hospital, un compromiso "incumprido polo PP desde hai anos cun orzamento de 400.000 euros", así como a posta en marcha das instalacións da UCI, creadas na etapa do bipartito, dotándoas dos profesionais necesarios. No entanto, os populares descartan poñer en marcha este servizo en Monforte, malia contar con todas as infraestruturas.

"Coa falta de demanda non será posible dar un servizo de calidade”, xustifica o PP, que nin tan sequera deu unha resposta nin mencionou a posibilidade do arranxo da fachada. Carmen Acuña foi moi dura coa estratexia do PP e as continuas iniciativas sen contido con respecto ás áreas sanitarias “coas que trata de redimirse ante a opinión pública con manobras burdas e infantís” e “ademáis de retratarse, roza o ridículo”, afirmou a socialista.

"O PP trata de redimirse con manobras burdas e infantís", critica o PSdeG

“Traer esta iniciativa de urxencia só se entende se o que queren é chegar despois ao territorio e vender á súa maneira o que fixo a oposición, e tanta insistencia o único que demostra é que están á defensiva e moi preocupados con este decreto”, destacou Carmen Acuña. O único punto votado a favor polos socialistas foi o de instar á Xunta a que “garanta a continuidade e calidade dos servizos”, despois de que o PP aceptase incluír que tamén se lle esixa que “amplíe a carteira de servizos”. Os socialistas rexeitaron o resto da iniciativa, “totalmente baleira de contido”, ao rexeitar o PP unha área sanitaria independente e as melloras concretas para o hospital de Monforte.

Xa  hai mes e medios, milleiros de persoas manifestáronse en Monforte convocados pola Plataforma En Defensa da Sanidade Pública en defensa do hospital comarcal e en contra da centralización da xestión sanitaria de toda a provincia en Lugo. A mobilización contara co apoio de toda a sociedade civil da comarca, dende as asociacións de empresarios até os sindicatos e de todos os partidos políticos agás o PP.

Entre os veciños e profesionais existe o temor de que o traslado da xestión á capital leve a medio prazo a un recorte nos servizos que se prestan no hospital comarcal e citan exemplos semellantes do Hospital do Barco ou do Salnés, que viron reducido o seu persoal ao depender de áreas sanitarias meirandes.

As mobilizacións na comarca de Lemos trasladáronse tamén a outra área afectada pola centralización da xestión na capital provincial, A Mariña, que protesta contra esta decisión do Goberno galego.

Manifestación en Monforte en defensa do hospital comarcal © @photolopez

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.