"No Consello de Ministros do venres, Wert ten que ter diante as noticias dunha folga e manifestacións históricas”

Faixa en defensa do ensino público CC-BY-SA Praza Pública

Se non hai sorpresas de última hora o Consello de Ministros aprobará este venres o anteproxecto da LOMCE, a polémica reforma educativa impulsada por José Ignacio Wert e que iniciará deste xeito o seu trámite parlamentario. O día anterior terá lugar a folga de ensino máis importante nos últimos anos, na que por vez primeira se mobilizarán todos os sectores da comunidade educativa (preofesorado, alumnado, pais e nais), en todos os niveis do ensino e en toda España. En Galicia a convocatoria tamén é xeral, a pesar de ter sido impulsada por separado polas dúas plataformas que agrupan a comunidade escolar.

Non haberá unidade nas manifestacións, pois FETE-UGT, CCOO, STEG, Sindicato de Estudantes e Confapa (Confederación Galega de ANPAs de Centros Públicos) convócanas a partir das 19.30 en Vigo, Ourense, Lugo, Ourense e A Coruña, onde se desenvolverá a marcha central. E a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público (nucleada en torno a CIG, Liga e Comités) celebrará as súas pola mañá, a partir das 11.30, nas sete cidade galegas e mais en Burela e Vilagarcía.

"O ministro Wert chamounos antisistema aos que protestabamos contra a súa lei. Se presenta esta lei no Consello de Ministros o antisistema é el"

Sexa como for, o consenso contra a lei Wert é total, "histórico", como salienta Lois Uxío Taboada, secretario de Confapa. "Todos os grupos políticos no Congreso manifestaron a súa oposición, e todos os sectores da comunidade educativa agás a patronal dos centros privados e a Conferencia Episcopal. Mesmo hai deputados do PP que non están conformes e as asociacións confesionais de pais e nais tamén teñen motivos de discrepancia, pois perden o seu dereito constitucional á participación na xestión nos centros de ensino. Os consellos escolares pasan a ser figuras decorativas", salienta. E conclúe: "O ministro Wert chamounos antisistema aos que protestabamos contra a súa lei. Se presenta esta lei no Consello de Ministros o antisistema é el".

Refírese tamén ao ditame feito público polo Consello de Estado, que para o STEG "supón un novo golpe para a proposta contrarreforma educativa da que é responsable o Ministro Wert" e "valida as críticas de que a LOMCE é unha proposta de partido, ideolóxica e non negociada nin consensuada". Este texto propón que sexan as Consellerías de Educación dos distintos territorios as que determinen a porcentaxe que debe darse no uso das dúas linguas no ensino. De igual xeito, reclama unha materia relativa á formación ético-cívica, sinalando á Educación para a Cidadanía, tanto en Primaria como en Secundaria, eliminada polo goberno. E con respecto  a segregación en razón do sexo, o Consello recoñece que o sistema de coeducación ou educación mixta constituíu “un avance no tratamento da igualdade de xénero que é constitutivo da democracia”.

"O PP obtivo maioría absoluta pero as sondaxes afirman que xa non a ten. Pode que esta lei se aprobe e teña apenas un percorrido dun ano"

En definitiva, o Consello de Estado "pide que se acade un acordo coas forzas políticas e sociais para dar estabilidade ao sistema xa que este anteproxecto conseguiu o rexeitamento de todas as organizacións representativas da comunidade educativa do ensino público, así como da maioría de partidos con representación parlamentaria, pois non houbo nin negociación nin acordo", segundo o STEG. Lois Uxío Taboada destaca a "profunda división" xerada por "unha lei de educación puramente ideolóxica" e lembra que "o PP obtivo maioría absoluta pero as sondaxes afirman que xa non a ten. Pode que esta lei se aprobe e teña apenas un percorrido dun ano. Obtivemos o compromiso das principais forzas políticas de que derrogarían esta norma ao dia seguinte das eleccións".

"Levamos sete leis de educación nos últimos 35 anos. Que leve o tempo que leve: pero consenso. Pactos xa non. En Finlandia tardouse dez anos en chegar a un consenso sobre a lei do ensino"

Taboada pide consenso: "Pedimos a retirada do documento, a dimisión de Wert e que un novo equipo ministerial inicie o proceso para debater entre todos unha nova lei de consenso. Levamos sete leis de educación nos últimos 35 anos. Que leve o tempo que leve: pero consenso. Pactos xa non. En Finlandia tardouse dez anos en chegar a un consenso sobre a lei do ensino. Se queremos ser un país serio temos que facer unha Lei de Educación para o ano 2050, non para o 1950". E lembra que a Confapa presentou un documento "con 40 propostas para mellorar a LOE" e que vai participar no debate da lei no Congreso a través da Ceapa: "Imos comparecer na Comisión de Educacion, que será a primeira que trate o documento".

“Temos confianza de que a folga vai ter un seguimento masivo. Porque non só nos mobilizamos contra esta lei senón tamén contra os recortes inmisericordes que leva a cabo non só o Goberno central senón especialmente a Xunta"

“Temos confianza de que a folga vai ter un seguimento masivo. Porque non só nos mobilizamos contra esta lei senón tamén contra os recortes inmisericordes que leva a cabo non só o Goberno central senón especialmente a Xunta. Vai ser un éxito e xa é un éxito a propia convocatoria. Queremos que cando se reúna o Consello de Ministros o venres teña diante as portadas dos xornais dando conta da folga e as manifestacións históricas”, afirma Lois Uxío Taboada. Unha mobilización na que a participación das nais e pais, por segunda vez na historia despois da folga que convocaron o pasado outono, será moi importante. "Os pais e nais facemos un esforzo moi importante con esta folga polas dificultades que existen para a conciliación. Non pretendemos que os pais e nais cheguen ao heroísmo o dia 9, pero a participación vai ser masiva".

 

Amplos apoios para a folga

A Mesa Galega de Educación no Rural (composta por CIG Ensino, CCOO Ensino, STEG, FETE-UGT, AS-PG, Nova Escola Galega e Preescolar na Casa) apoia a folga convocada no ensino público para o día 9 de maio en contra da LOMCE, "unha lei que privatiza, desgaleguiza e atenta gravemente contra a calidade do ensino público". A Mesa Galega de Educación no Rural considera que a proposta "é un atentado contra os dereitos e a dignidade de todas e todos porque atenta contra a igualdade de oportunidades e contra a cohesión social, porque convirte o ensino nunha mercadoría, porque pretende facer recaer sobre a sociedade galega o custe económico da implantación do novo sistema".

A Plataforma Cidadá Queremos Galego acordou no seu último plenario apoiar a folga ao considerar que o anteproxecto da LOMCE "recolle o peor da política centralista e españolizadora que o PP está a levar a cabo desde Madrid e tamén aquí na Galiza, introducindo no ensino unha liña que afondará nas diferenzas no acceso á educación e que relegará a nosa lingua a un plano de maior inferioridade con respecto ao castelán".

Nova Escola Galega entende que esta lei "pretende mudar con carácter estrutural as finalidades do sistema educativo, afastándoas dos parámetros de calidade e equidade social que deben identificar a institución escolar nas sociedades contemporáneas"

Pola súa banda, Nova Escola Galega entende que esta lei "pretende mudar con carácter estrutural as finalidades do sistema educativo, afastándoas dos parámetros de calidade e equidade social que deben identificar a institución escolar nas sociedades contemporáneas" e que "a súa orientación, fortemente mercantilista e privatizadora, atenta gravemente contra o dereito á educación, pretendendo convertela nun ben privado, nunha mercadoría máis ao servizo de quen poida pagala". NEG considera que "a regresión ideolóxica que inspiran moitas das medidas contidas neste anteproxecto representan unha concesión sen precedentes ás esixencias da Igrexa e da patronal de centros privados" e que a LOMCE proxecta "un modelo educativo que se corresponde co modelo de sociedade desigual, confesional e profundamente inxusta da dereita conservadora, e que se insire nunha concepción uniformizadora e recentralizadora do estado, ao servizo do rancio imaxinario que suxire a Marca España”.

Tamén Estudantes sen Futuro secunda a folga e destaca que "dicimoslle non á nova lei de educación por antidemocrática, por basear o ensino na mera superación de reválidas, porque pon o ensino público a disposición das grandes empresas"

Tamén Estudantes sen Futuro secunda a folga e destaca que "dicimoslle non á nova lei de educación por antidemocrática, por basear o ensino na mera superación de reválidas, porque pon o ensino público a disposición das grandes empresas, porque favorece descaradamente ós colexios relixiosos concertados, porque condena ás alumnas a un futuro de precariedade e miseria, porque promove os valores da competitividade e o individualismo e porque non respecta as particularidades propias das diferentes nacións que forman parte do Estado español".

 

Manifestacións convocadas

A Coruña. 19.30. Praza da Palloza
Lugo. 19.30. Ronda da Muralla
Ourense. 19.30. Subdelegación do Goberno
Ferrol. 19.30. Praza de España
Vigo. 19.30. Vía Norte

Ourense. 11.30. Xefatura territorial
Vigo. 11.30. Praza dos Cabalos
Ferrol. 11.30. Praza de España/Praza de Armas
Vilagarcía. 11.30. Praza de Galicia
Pontevedra. 11.30. Praza da Ferrería
A Coruña. 11.30. Praza de Vigo
Lugo. 11.30. Praza da Horta do Seminario
Burela. 11.30. Praza da Mariña
Compostela. 11.30. Praza do Toural

Representantes de FETE-UGT, CCOO, STEG e CONFAPA presentan as manifestacións deste 9 de maio CC-BY-SA Praza Pública
Faixa en defensa do ensino público CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.